Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Arrecifes de coral: Marabillas en perigo

A actividade humana é o seu principal inimigo

  Os arrecifes de coral atópanse entre os ecosistemas máis antigos e bioloxicamente máis diversos da Terra. A miúdo chamados 'bosques de chuvia dos océanos', orixinariamente emerxeron hai máis de 2000 millóns de anos, se ben algúns tipos de corais que viven hoxe en día teñen 150 millóns de anos. As algas mariñas, en solitario ou en compañía de moi diversos organismos (corais, esponxas, foraminíferos, briozoos, bivalvos) construíron enormes edificios rochosos de centos de quilómetros cadrados de extensión e centos de metros de altura formando o que coñecemos como arrecifes. Estes fermosos hábitats albergan unha extraordinaria variedade de plantas e animais mariños -apenas 100.000 especies foron nomeadas e descritas ata a data de entre un número estimado entre 500.000 e dous millóns. Segundo a súa disposición, os arrecifes poden ser de tres tipos: franxeantes, unidos á liña de costa, con anchuras de un a dous quilómetros; de barreira, con anchuras de dous a 15 quilómetros e separados da costa por unha albufeira ou lagoon; e atois, de formas circulares sen relación con ningunha terra emerxida.

Que son os corais?

A unidade básica do coral é o pólipo, un corpo en forma de tubo cunha boca arrodeada de tentáculos que no seu extremo inferior dispón dun disco basal que lle serve para adherirse ó substrato. A aparente consistencia rochosa ou de pedra que presentan os corais débese á presencia dun esqueleto denominado coralite -formado de carbonato de calcio- que cobre toda a estrutura do pólipo, non sendo os extremos, onde se atopan a boca e os tentáculos que lles serven para se alimentaren ou para se protexeren de posibles depredadores. As augas tropicais onde se desenvolven os arrecifes son cálidas, cristalinas e pobres en nutrientes. A ausencia de nutrientes forzou os corais a seren moi efectivos aproveitando os distintos tipos de alimento presentes na auga.

Fonte de riqueza

Os arrecifes de coral resultan vitais para as industrias da pesca e do turismo das illas e áreas costeiras que benefician. Proporcionan un hábitat esencial para peixes, brindan apoio a especies ameazadas e en perigo, e albergan mamíferos mariños e sapoconchos protexidos. Tamén constitúen unha importante fonte de alimento para millóns de habitantes no mundo, amais de ofreceren outros beneficios para os seres humanos, coma a subministración de compostos para produtos farmacéuticos. Novos elementos obtidos do coral poderían ser eficaces axentes antimicrobiais e antivirais para combater enfermidades no futuro.

Arrecifes en perigo de extinción

  Os arrecifes de coral están sendo degradados pola actividade humana. A pesca excesiva, o desenvolvemento das costas, os lixiviados (escorregamentos) de augas residuais, os fertilizantes e o sedimento procedente das terras deforestadas cando chove son os seus peores inimigos. Os expertos prognostican que ós arrecifes do mundo lles quedan menos de cincuenta anos de vida se non se toman as medidas oportunas.

Ameazas principais

Cambio climático
A resposta destes ecosistemas ante o cambio climático coñécese como branqueado do coral. Cando o coral se enfronta a un extremo e prolongado estrés polo quecemento das augas tropicais, expele as algas que viven nos seus tecidos, perdendo a súa cor natural e mudando por unha abrancazada. O coral morre ó perder o seu elemento simbiótico (as algas do seu tecido).

Augas residuais e correntes procedentes da agricultura
Estas augas tratadas incorrectamente fanlle dano ó arrecife de coral ó sobrecargar de nutrientes o delicado sistema. No Caribe, por exemplo, todos os días desembocan na costa millóns de litros de auga inadecuadamente tratada, amais de refugallos industriais.

Desenvolvemento desenfreado e indiscriminada deforestación
Estas dúas prácticas destrúen o terreo, que coa chuvia se desliza ás augas costeiras. Isto fai que diminutas partículas de sedimento floten longo tempo, bloqueando a luz solar que debe chegar ós corais e ás praderías de algas, necesaria para que sobrevivan.

Sobrepesca
Esta actividade transformou arrecifes saudables en arrecifes cubertos de algas. Algúns métodos de pesca, que ás veces ata usan produtos químicos, danan directamente o hábitat crítico necesario para asegurar o futuro da pesca.

Pesca submarina con arpón
Científicos mariños documentaron que esta práctica elimina selectivamente especies completas da cadea alimenticia.

Áncoras usadas e manobras militares
Destrúen, en cuestión de segundos, séculos de crecemento de coral e importantes hábitats de peixes.

Nadadores e submarinistas descoidados
Visitan os arrecifes e causan dano ó se pararen sobre os corais ou ó tocalos. Algúns ata arrincan cachos de coral ou recollen esponxas ou cunchas para gardalos como lembranza, sen considerar que son organismos vivos que acaban podrecendo na maleta.

Verteduras de petróleo
Os derrames de petróleo afectan á taxa de crecemento e ós sistemas de reprodución dos corais. Os dispersantes utilizados despois dunha vertedura só aumentan a ameaza ós corais e poden ata matalos.

Lanchas de motor
Condutores irresponsables de botes de motor poden ferir ou perturbar especies en perigo de extinción, como os sapoconchos mariños e os manatís que se alimentan nas pouco fondas praderías de herba mariña.

Lixo
É un problema cada vez maior, tanto estético coma ambiental, en áreas onde os seres humanos viven ou visitan. Plásticos e outro lixo flotando no océano son confundidos con comida polos sapoconchos mariños e golfiños, con fatais consecuencias.

A Gran Barreira de Coral

A maior concentración de corais do mundo está situada en Queensland (Australia) e consta de 2500 quilómetros de illas e de illotes paradisíacos, polo que se pode cualificar como unha das máis grandes marabillas do mundo. Este arrecife componse dos esqueletos calcarios de milleiros de millóns de corpos políperos de coral depositados ó longo de millóns de anos. Pódense atopar máis de 400 especies de corais, distintos polo seu tamaño, formas e cores, onde habitan máis de 1500 especies de peixes e de crustáceos. A Gran Barreira de Coral está arrodeada por unhas 900 illas, pero poucas poden acoller visitantes e son o paraíso para o mergullo e para explorar os fondos mariños.

Doutra banda, en México hai arrecifes coralinos no océano Pacífico, no golfo de México e no Iucatán. Nesta última zona, o arrecife forma unha barreira descontinua de arredor de mil quilómetros de lonxitude, que se prolonga ata Honduras e que está considerada a segunda máis grande do mundo. Tamén en Madagascar, nas Seychelles, Mar Vermello, Golfo Pérsico, Indonesia, Filipinas, Papúa-Nova Guinea, Hawai e nas Illas do Pacífico Sur hai arrecifes.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto