Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A comida fast food posúe unha elevada densidade enerxética polo seu alto contido en graxas e hidratos de carbono
Rapidez de servizo, horarios amplos, prezos económicos e unha amplísima rede de establecementos son as bazas fortes das cadeas de comida rápida. Segundo a Federación Española de Hoteis e Restaurantes (FEHR), en España hai xa preto de 3000 locais deste tipo e o seu número segue medrando. Pero o seu éxito non radica só na comodidade: a comida rápida captou, aínda que nos pese, os nosos padais, e malia a súa mala fama nutricional todos sucumbimos nalgunha ocasión ante unha hamburguesa ou unha porción de pizza. As consecuencias dos cambios nos hábitos alimentarios déixanse notar: un de cada dous españois ten exceso de peso e as enfermidades cardiovasculares, cunha taxa de mortalidade do 35% no ano 2000, son a primeira causa de morte en España.
Os produtos de fast food pódense clasificar en dous grupos: os de influencia e características anglosaxonas, como hamburguesas, salchichas e patacas frixidas acompañadas de salsas diversas (maionesa, mostaza, ketchup...), e os de procedencia mediterránea, como pizzas, bocadillos, tapas e kebabs (pinchos de carne adubada de orixe árabe envoltos en pan de pita e acompañados de vexetais e salsas de iogur). Polas súas características nutricionais, a comida rápida de estilo mediterráneo ou árabe pódese considerar máis saudable cá de estilo saxón.
Dentro deste tipo de produtos non hai que esquecer pratos típicos doutros países que constitúen un novidoso tipo de comida rápida, coma os burritos mexicanos ou a comida chinesa, amais da ampla gama de produtos precociñados (lasañas, canelóns, paellas, empanadillas, croquetas...), cada vez máis demandados polos consumidores.
Dado o heteroxéneo destes produtos, non é doado determinar un valor nutritivo representativo. Sen embargo, todos teñen algo en común: unha elevada densidade enerxética debido ó seu alto contido en graxa (especialmente graxa saturada e colesterol) e hidratos de carbono (pan, pita, base de pizza, tortiñas...). E, se ben é certo que proporcionan proteínas de calidade (ovos, carnes, peixes, queixos...), quedan curtos de fibra, vitaminas e minerais, agás en sodio (sal). E non hai que esquecer que o número de calorías que inxerimos aumenta, e moito, se a comida se acompaña de patacas frixidas, bolería e refrescos ou bebidas alcohólicas.
O consumo deste tipo de comida non supón ningún inconveniente para a saúde sempre que non se converta nun hábito nin substitúa alimentos básicos. Pero o que está acontecendo é que cada vez máis persoas os inclúen como base da súa dieta, sen seren conscientes dos perigos nutricionais que iso comporta.
Excesiva enerxía
Con tan só unha comida fast food inxírese máis da metade da enerxía diaria necesaria. Se a iso lle engadimos a enerxía proporcionada polo resto de comidas do día, o contido enerxético da inxestión total dispárase e favorécese o exceso de peso.
Demasiada graxa e colesterol
As graxas saturadas -en exceso tenden a aumentar os niveis de colesterol en sangue- e o colesterol son abundantes nestes produtos debido ás salsas a base de ovo, manteiga, nata e outros ingredientes graxos que se empregan na súa elaboración, e ós aceites de coco e palma que se usan na fritura.
Dixestións difíciles
Na maioría das ocasións os alimentos están frixidos, empanados ou rebozados, polo que se enriquecen en graxa, que quente resulta aínda máis indixesta.
Abundantes aditivos
En xeral, estes produtos conteñen máis sal cós que se preparan na casa, en parte porque o sodio se utiliza como conservante. Ademais, para acadar o aspecto desexado no tocante a cor, cheiro, sabor e textura levan engadidos conservantes, colorantes, antiapelmazantes, estabilizantes, etc. Estes pratos adoitan incluír condimentos fortes ou aditivos que potencian o sabor e que estimulan o apetito e, co tempo, alteran a percepción do sentido do gusto e crean hábito.
| Racións | Enerxía (Kcal) | Graxas |
|---|---|---|
| Porción de pizza (180 g) | 352 | 22,7 |
| Hamburguesa dobre con queixo (190 g) | 480 | 26,6 |
| Ás de polo fritidas (125 g) | 280 | 11,4 |
| Croquetas (150 g) | 183 | 11 |
| Bocadillo (120 g) de Frankfurt (90 g) | 520 | 18,8 |
| Patacas fritidas medianas (115 g) | 353 | 17,5 |
| Pastel de mazá (115 g) | 320 | 14 |
| Tarrina de xeado mediano(115 g) | 235 | 11,6 |
| Refresco mediano (350 mL) | 145 | 0 |
| Zume de froita (225 mL) | 101 | 0 |
| Bolsiña de ketchup (15 g) | 15 | 0 |
| Bolsiña de maonesa (12 g) | 86 | 9,5 |
| Pasta (2 cazos), salsa de tomate e carne picada (50 g) | 331 | 7,1 |
Fast food non significa, necesariamente, comida lixo. Unha selección adecuada de alimentos e unha correcta frecuencia de consumo poden facer dunha comida rápida unha proposta orixinal, equilibrada e saudable.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI