Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Visitados e estudiados 137 establecementos de óptica de 13 cidades: Hixiene e asesoría, aspectos que cómpre mellorar nas ópticas

Convén preguntar moito, pedir orzamento en varias ópticas e pensalo ben antes de mercar

O proceso, paso a paso

  Cando se visita un destes establecementos, o óptico segue un procedemento que comeza cun exame visual para detectar se variou a graduación ou se permanece estable desde a última visita, no caso de que anteriormente xa acudísemos a algún. A graduación pódese efectuar mediante máquinas automáticas, semiautomáticas ou coas tradicionais gafas de proba nas que se van inserindo lentes ata que o cliente ve de xeito nítido e claro. O recomendable é que se empregue máis dun método para determinar a graduación, xa que iso permite unha maior precisión. Pero só o 40% das ópticas recorreu a máis dun sistema (o máis común foi a máquina semiautomática). E no 9% negáronse a realizar a graduación se non se garantía a compra; isto aconteceu en todas as estudiadas en Madrid e nunha de Barcelona e Pamplona. Tras determinar a graduación, comeza o proceso de compra, durante o cal o usuario terá que elixir entre unha gran variedade de monturas, cristais ou lentes de contacto. Para atinar, é case imprescindible o asesoramento do óptico, xa que hai información sobre novos materiais, vantaxes e desvantaxes dos diversos tipos de cristais, monturas e lentes... que convén coñecer, especialmente se é a primeira vez que se acode a unha óptica ou que se efectúa unha compra. Despois, anótanse, xunto á graduación do cliente e ó produto adquirido, os datos persoais do usuario, pero a súa xestión está suxeita á Lei de protección de datos.

A proba de adaptación de lentes de contacto mensuais busca confirmar que o cliente se sente cómodo con eles, que se adaptan correctamente ós seus ollos e que os tolera, de aí a importancia de que se realice esta proba antes de realizar a compra, especialmente cando o cliente ten unha elevada graduación. No 44% das ópticas suxeriuse realizar esta proba, e no 36% accederon a realizala cando se solicitou expresamente. En case unha de cada dez dixeron que non as podían realizar nese momento, mentres que no 11% comunicaron que non efectuarían a proba se non había garantía de compra. As ópticas onde se rexistraron máis negativas dese estilo foron as de Madrid (o 90% negáronse). A mesma situación deuse en dúas ópticas de Valencia e Bilbao, e nunha de Castellón e Pamplona.

Gama e prezos das monturas

Hai tres tipos de montura para gafas: de pasta, de metal e as coñecidas como "ó aire". As máis novidosas e caras son estas últimas; son máis discretas e -segundo gustos- máis estéticas, pesan menos e resultan máis flexibles cás demais. É importante que se lles ofrezan ós usuarios os diferentes tipos de monturas, para que poidan valorar cal se adapta mellor ás súas faccións e ás súas expectativas de uso e de gasto. As máis comunmente ofrecidas polos optometristas foron as de metal (tan só un 2% non as propuxo), mentres que as de pasta non foron ofrecidas no 12% dos casos e as "ó aire", no 26%.
O prezo das monturas varía moito, dependendo do modelo, da marca e da tempada. Os técnicos de CONSUMER comprobaron que a diferenza entre a máis barata e a máis cara foi de 93 euros nas monturas de pasta, de 129 euros nas de metal, e de 271 euros nas monturas "ó aire".

Tras solicitar en todas as ópticas as monturas de pasta máis baratas, comprobouse que en Burgos as hai por só 14 euros, mentres que nas visitadas en Valencia, Vitoria e San Sebastián non se podían mercar por menos de 40 euros. Efectuada a mesma xestión coas de metal, víronse en Cádiz e Burgos por 13 euros ou menos, mentres que nas visitadas en Barcelona, Vitoria e Madrid, non se podían conseguir por menos de 40 euros.

E as monturas "ó aire" podíanse mercar por 32 euros e mesmo menos en Pamplona e na Coruña, mentres que nas ópticas visitadas en Barcelona e en San Sebastián non as había por menos de 90 euros. Queda patente a enorme diversidade de prezos, e a conveniencia tanto de reflexionar sobre as diversas alternativas de montura como de visitar varias ópticas antes de decidir cal mercar.

Os lentes das gafas

Maior relevancia que coñecer a oferta de monturas ten coñecer os tipos de cristais que podemos utilizar, xa que esta cuestión transcende o meramente estético. Hai dous tipos de lentes, orgánicos e minerais. Os primeiros ofrecen maior resistencia á rotura e menor peso, pero ráianse facilmente e son máis caros cós minerais. O cristal orgánico endurecido reduce o problema de raialo, mais non o soluciona totalmente. Tamén os hai antirreflectintes -que inclúen o endurecido-, recomendables para conducir, ver a tele ou permanecer diante do ordenador. Os lentes minerais non se raian tan facilmente e son un chisco máis baratos, pero son máis fráxiles e pesan máis. Hai dous tipos: brancos e antirreflectintes.

Obvio resulta que, para elixir mellor, ó usuario convenlle atoparse cunha gama ampla e variada de lentes. Pero o 42% das ópticas non ofreceron cristais orgánicos brancos, no 51% non amosaron os orgánicos endurecidos, e no 8% non se ensinaron os antirreflectintes.
O antirreflectinte é, tecnicamente, un cristal mellor, pero tamén o máis caro: o prezo medio da parella alcanza os 108 euros, mentres que os endurecidos custan 82 euros de media e os brancos só 50 euros.
Nos cristais minerais, os brancos non foron ofrecidos na metade das ópticas e os antirreflectintes, no 44%. A media de prezo dos brancos foi de 34 euros e a dos antirreflectintes, de 66 euros.

Lentes de contacto: hai que elixir ben

Os lentes de contacto máis comúns son os mensuais, os normais convencionais (duran entre ano e ano e medio) e os ríxidos (case en desuso), que duran un período de dous ou máis anos, segundo o trato que reciban. Os lentes diarios proporcionan maior comodidade, pero saen máis caros.

No 8% das ópticas non ofreceron lentes de contacto mensuais, mentres que os normais convencionais non se propuxeron no 47%. Os ríxidos, para rematar, non se suxeriron en oito de cada dez ópticas. No tocante ós prezos, o custo medio dos mensuais foi de 60 euros, mentres que nos normais convencionais a media foi de 140 euros. Para rematar, os xa pouco comercializados lentes de contacto ríxidos custaban de media 110 euros. Tanto en lentes coma en lentes de contacto, os prezos aumentan consonte o fai a graduación (a máis dioptrías, maior prezo). Non procede comparar prezos máximos e mínimos das cidades, porque en cada unha foi un técnico de CONSUMER (cunha graduación concreta, distinta da dos demais) quen efectuou a proba, pero si ten sentido comparar os prezos de cada cidade, ó se tratar dunha mesma graduación. As diferenzas son enormes: en Castellón, por un par de cristais orgánicos brancos pediron desde 28 ata case 300 euros, e en Cádiz desde 25 ata 150 euros, mentres que noutras cidades (Madrid -en todas, 70 euros-, Málaga -os mellores prezos: en ningunha óptica custaban máis de 16 euros- e Valencia), os prezos eran semellantes. Cos lentes de contacto aconteceu algo semellante. Vexamos un exemplo: os lentes mensuais custaban en Madrid desde 14 ata 222 euros e en Valencia desde 36 ata 178 euros, mentres que en Málaga e Burgos a diferenza máxima para este produto era de 8 e 3 euros, respectivamente. O que queda claro con estes exemplos é que na maioría das cidades os prezos de lentes e lentes de contacto (ó igual que acontecía nas monturas) varían moito dunha óptica a outra, polo que convén visitar varias e comparar os seus prezos antes de mercar, xa que o aforro pode ser importante.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto