Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Xampús de uso frecuente para cabelo normal: Os máis caros non son sempre mellores

As diferenzas técnicas de calidade non son importantes e aínda o foron menos na proba de uso

 Analizáronse oito xampús de uso frecuente para cabelo normal, que custan desde os 9 euros/litro de Sunsilk ata os 11,33 euros/litro de Elvive. Sunsilk, o máis barato, é a mellor relación calidade-prezo, pola súa boa composición e a súa satisfactoria valoración na proba de uso. Pantene Pro-V, máis caro (sae a 11 euros/litro) ofrece a maior calidade e é o único que se distingue positivamente do resto na proba de uso.

Un xampú debe lavar o cabelo, é dicir, eliminar o lixo formado polo po, a graxa e as células mortas. Ademais, convén que teña un aspecto agradable, que sexa soluble en augas duras e brandas, que protexa a graxa natural que preserva o cabelo, que deixe o pelo flexible, suave e doado de peitear, que forme abundante escuma, que sexa sinxelo de aclarar, que presente un pH neutro ou lixeiramente ácido, que a súa viscosidade sexa adecuada (se non escorregaría entre os dedos ou sería difícil de extraer do envase) e que, se por accidente entra en contacto cos ollos, non os irrite.

Os xampús son emulsións máis ou menos escumosas formadas por auga, axentes deterxentes (que compoñen entre un 10% e un 20% da súa formulación), espesantes (menos dun 4%), conservantes que impiden o desenvolvemento de bacterias, mofos e lévedos, perfume, axentes colorantes e reguladores do pH. Un dos efectos dos axentes deterxentes (tensioactivos aniónicos e anfóteros) é o seu efecto desengraxante, que os fabricantes controlan para que o xampú non reseque o pelo e o coiro cabeludo. Para iso, engaden suavizantes como os polímeros catiónicos, siliconas e algúns tensioactivos. Outros ingredientes, como as ceras naturais de froitas, as vitaminas, os minerais, as proteínas ou o leite hidratante engádense para distinguir cada mostra e conferirlles propiedades supostamente positivas.

Cuestión de pH

O coiro cabeludo san posúe un pH máis ben ácido, que rolda o 4, pero o pH do ollo é neutro (7,5). Os fabricantes de xampús adoitan sacrificar que o seu pH se aproxime ó do coiro cabeludo para minimizar as consecuencias dun eventual accidente no que o produto entra en contacto cos ollos. Sunsilk, Llongueras, Elvive e Fructis ofreceron os pH máis neutros (e, polo tanto, mellores) entre 6,3 e 6,7, mentres que Pantene Pro-V, Dove e Hair Tech se situaron entre o pH 6 e 6,1. Dove presentou o pH máis ácido (peor), con 5,2.

A viscosidade do xampú, doutra banda, non debe ser insuficiente, é dicir, menos de 2.500 centipoises ou cps (a auga destilada ten 1 cps.), para que o líquido non escorregue entre os dedos, pero tampouco debe ser excesiva (máis de 13.000 cps.), para que a súa dosificación sexa sinxela e non custe extraelo do envase. Elvive (16.000 cps.) e, sobre todo, Fructis (18.800 cps.) evidenciaron valores por riba do máximo determinado, o que obriga a apertar o bote varias veces para conseguir que saia o produto polo burato, sobre todo se o envase non está cheo.

A cantidade de materia orgánica indica a porcentaxe de substancias activas dentro de cada formulación. Calcúlase restando as substancias minerais do extracto seco, que é o que queda do xampú tras eliminar a auga e as substancias volátiles como o perfume. A maior porcentaxe de materia orgánica atópase en Elvive (24,8%) e Fructis (24,4%), e a menor en Wella Balsam (14%). Pantene Pro-V é o que ofrece máis substancias limpadoras propiamente ditas, cun 17% de tensioactivos aniónicos, mentres que Llongueras só ofrece un 9% destes elementos.

Aparencia externa

O aspecto do envase e do líquido interior é correcto nos oito xampús. No tocante á súa cor, é branca anacarada en Llongueras, Pantene Pro-V, Elvive e Fructis; branca en Wella Balsam e Dove; marfil en Hair Tech e verde anacarada en Sunsilk.

Tendo en conta estes parámetros técnicos, tres xampús, Hair Tech, Pantene Pro-V e Dove obteñen as mellores valoracións ("moi ben"). Sunsilk, Llongueras e Fructis quedan no ben, os dous primeiros pola súa baixa porcentaxe de materias orgánicas totais (substancias activas) e, Fructis, pola súa viscosidade excesiva, o que dificulta a súa correcta dosificación. E, os peores, aínda que aceptables, son Elvive e Wella Balsam, o primeiro por ser moi viscoso e polo seu baixo poder escumante, e o segundo polo seu pH ácido (peor) e por non contar con tanta cantidade de materias orgánicas coma os outros xampús.

Proba de uso

  Un grupo de 54 voluntarios de ambos os sexos, de 18 a 65 anos, probaron os oito xampús e avaliaron diversos parámetros do 1 ó 9. A principal conclusión é que non existen diferencias importantes entre as oito mostras. Pantene Pro-V distinguiuse do resto con 7,7 puntos sobre 9, e resultou ser o mellor xampú en todos os apartados valorados. Pola súa banda, Hair Tech foi o peor con 6,4 puntos. O resto oscilou nunhas puntuacións moi homoxéneas: entre 6,9 e 7,1 puntos sobre 9. Dove foi o segundo mellor xampú en todos os parámetros.

A cor branca anacarada de Pantene (7,6 puntos) e de Fructis (7,2 puntos) foi a mellor valorada, mentres que os peores neste apartado foron o tamén branco anacarado de Elvive (6,8 puntos) e o marfil de Hair Tech (6,4 puntos). O cheiro do xampú que resultou máis agradable foi o de Dove (7,5 puntos), mentres que Elvive foi o menos aprezado polos usuarios (5,9 puntos) e, no tocante ó cheiro deixado no cabelo tralo seu uso, Dove volveu ser o mellor (7,6 puntos) e Fructis (6,4 puntos) e Hair Tech (6,5 puntos) os que obtiveron valoracións máis discretas. As texturas viscosas, espesas e densas (próximas ó máximo que admite o laboratorio como aceptable), como as de Pantene e Dove, foron as mellor valoradas. Pantene (8 puntos) e Dove (7,5 puntos) son tamén as mostras máis estables, mentres que a escuma de Hair Tech (6,6 puntos) é a que é máis inestable.

A escuma

O poder escumante é algo que o consumidor pode comprobar dunha simple ollada: é a cantidade, consistencia e estabilidade da escuma formada. O ideal é que o xampú cree abondosa escuma, que tarde en desfacerse e que se aclare doadamente. O laboratorio comprobou este parámetro vertendo unha mestura de produto e auga desde unha altura determinada sobre unha probeta que contiña un litro de auga quente e mediu a cantidade de escuma que quedaba ós trinta segundos, ós tres minutos e ós cinco minutos.

Ó cabo de trinta segundos, Pantene Pro-V e Dove (432 mililitros), seguidos de Fructis (431 ml) foron os xampús que máis escuma formaron. Elvive foi o peor nesta proba, con 373 ml.

Non só cómpre que se forme moita escuma, senón que esta debe ser o máis estable posible, o que se calcula comprobando a diferencia de volume que hai ós trinta segundos e ós cinco minutos de iniciar a proba. Os oito xampús superaron este test, pero Sunsilk e Elvive só acadaron un "ben", no canto do "moi ben" dos outros seis.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto