Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Apadriñamento: O rostro da colaboración cunha ONG

Aínda que se apadriña un neno concreto, a contribución económica destínase a toda a comunidade na que vive

  Hai case dous anos, e nestas mesmas páxinas, Vicente Ferrer definiu o apadriñamento como "o sistema de solidariedade máis perfecto para contribuír ó desenvolvemento dos países pobres, pois garante unha doazón permanente durante un longo período de tempo". A clave deste sistema de recadación de fondos é que se acada un compromiso persoal durante anos dunha doazón que rolda os 20 euros ó mes, cantidade que adoita irse actualizando co IPC. As máis das veces os cartos destínanse a unha comunidade ou a un proxecto concreto, non se trata de subvenciona-la vida dun neno ou dunha nena en particular, aínda que existen organizacións que afirman personaliza-lo envío. A cambio da doazón, o padriño recibe información periódica do proxecto que se está a levar a cabo, unha fotografía e os datos persoais do neno que lle foi asignado ou que escolleu, correspondencia do afillado ou da afillada, e o recibo para poder desgrava-lo 20% da achega na declaración da renda.

Subvenciónase un proxecto

Segundo o estudio do CIS do 2002, menos do 30% dos cidadáns colaboran cunha ONG de xeito habitual, cifra que aumenta ata o 40% na declaración da renda. Fóra de campañas de resposta a catástrofes, momento en que se multiplica o número de colaboracións, a maioría dos que destinan parte dos seus ingresos a unha ONG de desenvolvemento faino a través do apadriñamento. De feito, as dúas asociacións que maior importancia lle outorgan a este modelo, Intervida e Fundación Vicente Ferrer, recoñecen que o 99,08% e 67,26% dos fondos cos que contan, respectivamente, procede dos seus padriños. Estas dúas organizacións e as máis das asociacións que optan por este sistema deixan claro que, se ben o apadriñamento é a un neno concreto, a contribución económica está destinada a toda a comunidade na que vive o afillado. É dicir, as contribucións súmanse ó fondo común para levar adiante un proxecto. Este sistema de axuda regular e continua permite darlles estabilidade económica ás asociacións que traballan polo desenvolvemento do Terceiro Mundo a longo prazo.

O procedemento

  A través do teléfono, por vía postal ou, cada vez máis a miúdo, utilizando Internet, ó formaliza-lo apadriñamento dun neno ou dunha nena, a organización solicita os datos persoais e bancarios. O pagamento rolda os 20 euros ó mes, aínda que se pode optar por unha cota anual. A ruptura unilateral do contrato é posible cando se desexe e abonda cunha simple chamada telefónica á ONG, sempre mellor que solicitarlle á entidade financeira de que non acepte o recibo, dado que a loxística das ONG precisa saber con qué achegas conta. Por iso, se ben as campañas de sensibilización buscan respostas inmediatas, é preferible que o compromiso de apadriñamento sexa meditado e consciente, pois representa un gasto de ata 240 euros ó ano. A organización, pola súa banda, realiza un notable esforzo en integrar e actualiza-las bases de datos e en organiza-los envíos periódicos ós padriños, asignarlles un menor e remitirlles unha fotografía e os seus datos persoais. O padriño adoita ser unha persoa, unha parella ou unha familia, aínda que cada vez máis o son empresas e cursos de escolas que durante toda a súa vida escolar viven atentos ó que fai o seu afillado, un neno coma eles, noutro lugar do mundo. Se o apadriñamento se prolonga no tempo e o afillado supera os 15 anos, a organización invita o padriño a tomar outro afillado.

Ponte entre o Primeiro e o Terceiro Mundo

Cando lle preguntamos a Vicente Ferrer pola desconfianza que pode levantar este tipo de programas, respondeu con rotundidade que "quen queira xustifica-la súa conciencia por non ser solidario, efectivamente atopará razóns para afirmar que non tiña que axudar a ninguén, xa que as fórmulas humanas sempre poden ser sospeitosas de engano". O apadriñamento dálle á axuda un rostro. A cambio do compromiso económico, o padriño afianza un vínculo a través do seu afillado co lugar onde este vive, coñece as características do seu país e é informado puntualmente dos avances na difícil empresa de dotar de desenvolvemento a zonas paupérrimas. As normas comúns a tódalas ONG indican que non se poden remitir regalos particulares ós afillados: aínda que se trata dun acto de boa vontade, non é o tipo de axuda que se precisa e nunca é positivo discrimina-los nenos que non recibiran regalos.
Do mesmo xeito, non se habilitan canles para enviar diñeiro en efectivo. Recomendan remitir cartas breves e claras, e, no caso de se dirixir a un país sudamericano, non utiliza-lo temo padriño, xa que nalgunhas zonas esta figura posúe connotacións negativas ligadas ó poder. O que si permiten algunhas organizacións é a visita ó lugar en que vive o afillado, pero os gastos asumiraos o padriño. Por suposto, non é posible trae-los nenos ó noso país, pois resultaría contraproducente sacalos do contexto sociocultural no que viven. Ademais, apadriñar un neno nada ten que ver con adoptalo. Son nenos que, aínda en condicións de difícil supervivencia, viven felices coas súas familias.

Apadriñar tamén no primeiro mundo

Esta fórmula é aínda minoritaria e descoñecida en España, pero está en auxe nalgúns países europeos. Trátase de habilitar un sistema para que unha familia que o desexa se responsabilice dun neno en dificultade económica e familiar na súa mesma cidade ou rexión. A familia asume os gastos vitais e educativos do afillado, con quen se establecen dous tipos de vínculos. Pode limitarse a doa-la cantidade estipulada para que o neno ou a nena conte con diñeiro abondo para a súa alimentación, vestimenta e educación, pero sen intención ningunha de coñece-lo seu rostro. Ou pode establecerse un vínculo que, sen chegar á adopción, lle facilite a ese neno menos favorecido un apoio na súa educación e no seu desenvolvemento. Neste caso, o padriño vén ser unha segunda familia simbólica que se preocupa do seu futuro.

Para apadrinar a una niña o a un niño...

 

Relacións deste contido

Descargar esta información en PDF

PDF: Fai clic aquí para Descargar esta información en PDF (644 Kb)

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto