Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Estímase que en España máis de 500.000 persoas sofren serios problemas co xogo e case 800.000 presentan algúns dos síntomas característicos dos ludópatas. O punto de partida neste tema é que o xogo patolóxico, aínda que poida parecer un vezo, é unha enfermidade. Porque, aínda que o xogo en xeral é algo normal e desexable, cando se constitúe en adicción convértese en enfermidade. Moitas persoas chegaron a perdelo todo, cartos, familia, traballo, relacións, por culpa da súa dependencia do xogo. Para estes enfermos, o xogo é unha obsesión que se pode considerar como un descontrol dos impulsos, o mesmo que acontece co impulso de roubar (cleptomanía) ou de queimar cousas (piromanía).
Hai ludópatas que atopan pracer no feito de xogar, outros din gañar cartos xogando e tamén os hai que afirman ser uns expertos nos trucos do azar e que son capaces de detectar cando, por exemplo, a máquina "está quente" e se dispón a dar premios cuantiosos.
Todos sabemos que se se chaman xogos de azar é porque non hai xeito de controlar sistematicamente os resultados do xogo e, polo tanto, case non interveñen as habilidades da persoa para saber cando se cantará bingo, se a ruleta se vai deter nese ou nesoutro número ou se o premio da lotería se venderá naquela ou naqueloutra localidade.
Por outra banda, algúns ludópatas escúsanse asegurando que xogar os libera de tensións cotiás, que os divirte, os distrae ou lles permite alberga-la esperanza dun futuro sen problemas económicos.
Case sempre son situacións que se prolongan no tempo, porque o xogador patolóxico raramente recoñece selo. Amosa tendencia a mentirlles mesmo ós seres máis próximos, a endebedarse para saldar débedas de xogo e así poder xogar novamente para elimina-la nova débeda contraída, aínda que manifesta que todo se solucionará axiña, cando chegue a "racha boa".
Minimizan o seu problema manifestando (como o fan outros adictos, por exemplo ó alcohol): "eu déixoo cando queira". A miúdo, a ludopatía é unha adicción que se presenta asociada a outras: alcohol, tabaco, medicamentos, drogas...
O perfil máis clásico de quen xoga de xeito patolóxico é o dunha persoa caprichosa, con problemas de ansiedade, dificultades de adaptación social e escasa tolerancia das frustracións. No tocante ós tipos de xogo, xunto ó bingo, ás loterías e ós casinos, as máquinas comecartos merecen unha atención específica, aínda que só sexa pola súa proliferación e pola proximidade tan inmediata a toda a poboación.
O atractivo das máquinas comecartos consiste non só na relativa frecuencia con que soan as moedas ó caer, aínda que sexa en pouca cantidade, senón que ademais teñen músicas, palabras seductoras e cores en movemento que estimulan e atraen ó posible xogador. Quen deseñou os programas das máquinas coñecen os mecanismos do comportamento humano. Reforzan de tal xeito a conducta que quen padece algunha debilidade anterior facilmente corre o risco de converterse en adicto a ese xogo e a outros. As máquinas comecartos devólvenlle ó xogador unha porcentaxe fixa dos cartos captados. Pero saibamos que se se xoga de xeito continuado pérdese sempre, irremisiblemente. Mantén a atención e a tensión do xogador concedendo pequenos premios de vez en cando. Como as máquinas poden ser en certa maneira manexadas polo xogador que selecciona opcións mediante pancas ou botóns, fáiselle crer a este que dalgún xeito controla o resultado dos premios que se van obter.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI