Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A calidade dun perfume determínase pola cantidade de esencia empregada na súa elaboración
A historia do perfume discorre parella á das civilizacións que o incluíron na súa vida cotiá. Atrás quedaron os tempos nos que as máis antigas culturas utilizaban nos seus ritos relixiosos plantas aromáticas e resinas, e os días nos que o París exquisito da corte do Rei Sol converteu o perfume no accesorio imprescindible do bo gusto. Pouco a pouco o seu carácter exclusivo foise democratizando conforme o facía a sociedade. Hoxe, na era do consumo, os perfumes moven cantidades astronómicas de cartos, constitúen unha industria punteira na investigación e desenvolvemento, ligada a grandes marcas, e arrastran nomes míticos do mundo da moda e da fama.
Hoxe en día séguense empregando técnicas antigas como a maceración de flores en graxas animais purificadas e cocidas, que consegue unha mestura que se solidifica case inmediatamente, a partir da cal se elaboran as distintas esencias. Sen embargo, a elaboración dun perfume ó por maior precisa de adiantos científicos e técnicos que desenvolven fórmulas complexas e mecánicas en todo o proceso. Este abarca desde a elección de materias primas e as técnicas de destilado, pasando pola profesionalidade olfactiva dos perfumistas. A base da gran maioría dos perfumes son aceites esenciais extraídos desde as materias primas naturais mediante destilación. Con esta técnica trátanse flores, follas, raíces, madeiras... As substancias que levan o cheiro son arrastradas no vapor de auga e, ó teren a esencia e a auga distinta densidade, sepáranse facilmente. Outros aceites máis delicados, e cos que esta técnica non funciona, extráense a través de disolventes volátiles. A planta da que se vai extrae-lo aceite ponse en maceración, utilizando o disolvente apropiado (petróleo ou benzol), a esencia queda disolta e o disolvente elimínase por evaporación. Sexa cal sexa a fórmula, a maioría dos perfumes están finalmente disoltos en varias formas de alcohol e conteñen ingredientes para que a substancia sexa estable. A chegada ó mercado do perfume no seu envoltorio depende, pois, da súa elaboración, pero o que lle importará ó consumidor é a materia prima que provoca a nota predominante.
A calidade dun perfume determínase pola cantidade de esencia empregada na fórmula da súa elaboración. Podemos falar de extracto cando a concentración de esencia alcanza o 40% en relación á cantidade de alcohol. Esta fórmula, a máis cara de todas, preséntase a xeito de crema. Pero, sen dúbida, as formas líquidas do perfume son as máis coñecidas e utilizadas.
Eau de Parfum. A máis alta concentración de fragrancia presentada en formato líquido. Normalmente contén ata un 20% de ingredientes activos, aceites esenciais ou fragrantes. A súa fragrancia perdura ata 7 horas.
Eau de Toilette. Presenta máis ou menos un 10% de aceites esenciais. O seu arrecendo no corpo mantense entre 3 e 5 horas.
Eau de Cologne. Inclúe aproximadamente un 5% de esencia. O seu aroma aguanta aproximadamente 3 horas no corpo.
Colonia. É unha forma moi lixeira de perfume, con só 2-3% de concentración. É a máis utilizada por quen gusta de se aplica-las fragrancias xenerosamente, pero non dura máis de dúas horas no corpo.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI