Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Francisco Santolaya, Decano do Colexio de Psicólogos de Valencia: "Non temos máis problemas psicolóxicos ca antes pero somos máis sensibles cara a eles"

  Licenciado en Filosofía e doutor en Psicoloxía, Francisco Santolaya é decano do Colexio Oficial de Valencia. Compatibiliza a súa actividade na unidade de saúde mental do Servicio Valenciano con actividades docentes e de investigación e coa colaboración en organismos como a Comisión Estatal de Drogodependencias.

De maneiras pausadas, con sinxeleza e cunha voz tan cadenciosa coma suave, transmite unha optimista fe no ser humano, o que non obsta para que asuma as nosas debilidades. Nas análises de Santolaya escasean os xuízos categóricos, quizais porque a súa dilatada experiencia profesional o levou a pensar que os problemas teñen solución ou, polo menos, un camiño para buscala.

¿Que portas abre a psicoloxía?

Como ciencia que ten a súa raíz na filosofía, afonda no coñecemento da psique. O psicólogo converteuse nun facilitador de procesos, que pon á disposición das persoas metodoloxías científicas de achegamento e de coñecemento de si mesmas a través da escoita, a observación, a análise, a interpretación, a confrontación, o sinalamento e a orientación. É un especialista que ten como función axudar a que a relación das persoas coa realidade sexa máis satisfactoria.

¿Como se explican as reticencias, cando non o medo, a acudir á consulta do psicólogo ou psicóloga?

Por fortuna, o temor, os receos e a desconfianza cara ó psicólogo diminuíron. Ó tempo, hai que recoñecelo, a nosa profesionalización aumentou, o que xera que esteamos cada vez máis presentes na vida cotiá. Os ámbitos en que a disciplina se fixo útil ampliouse. Non só está a psicoloxía clínica, que abrangue o diagnóstico, etioloxía e tratamento dun comportamento alterado, senón que tamén se involucrou en institucións sociais, como poden se-los conflictos nas relacións de parella ou entre familiares, ou nos problemas escolares, e mesmo en metodoloxías aplicadas á empresa no campo dos recursos humanos co fin de lograr prosperidade económica e humana, ou na psicoloxía xurídica, un campo no que cada vez está máis presente o diagnóstico profesional.

A actividade, cada vez máis común, dos psicólogos infantís, podería dar a entender que pais e educadores acabaron delegando en especialistas parte das súas responsabilidades na súa tradicional tarefa de axudar e orienta-los nenos no seu crecemento persoal. ¿Precisan os nenos de hoxe o labor especializado dun profesional da psicoloxía?

 Igual que pasa cos adultos, non é que se produzan entre os nenos de hoxe máis casos ca hai uns anos nos que cumpra ou sexa útil a intervención dun psicólogo; o que acontece é que agora temos maior sensibilidade cara a estes problemas. A sociedade está progresando, e un dos factores en que se demostra este progreso é que se trata de facer da vida algo máis ca un tempo de sacrificio e de dor. No caso da psicoloxía infantil, demostrouse que a infancia é unha etapa determinante da vida porque é nela onde se forman as futuras conductas e se enraíza a personalidade do adulto. Pais e nais acoden ó psicólogo sabendo que poden resolver un problema, que iso axuda a que os fillos e eles mesmos logren que a súa conducta sexa positiva. Nas escolas, os equipos de psicólogos están adestrados en avalia-lo seu desenvolvemento emocional e en detectar problemas de aprendizaxe co propósito de que sexan superados canto antes e do xeito máis eficaz.

¿Como saber cando precisamos ou cando nos convén visita-lo psicólogo?

A acción do psicólogo está encamiñada a axuda-las persoas que sofren problemas emocionais ou conductuais, que ás veces serán puntuais, como a perda dun ser querido, e outras non. Tamén acontece que cando a persoa se atopa nun momento de crise ou de confusión, lle pide colaboración a un especialista para volver á tranquilidade e ó equilibrio. Falo de colaboración porque o primeiro paso neste retorno é que o adulto recoñeza o problema e a necesidade de axuda.

A incorporación da muller ó traballo implica forzosamente menor atención á vida familiar e ó coidado dos nenos, e máis tensión para a parella, especialmente -aínda- para a muller. ¿Estase o home adaptando á nova situación?

Seguramente, si. Nas relacións familiares e de parella non existe unha pauta a seguir que sirva de fórmula infalible, porque cada familia ten as súas particularidades, aínda que no tempo que se destina ós fillos vale máis a calidade cá cantidade. A muller traballou sempre, fóra ou dentro da casa, e o tempo que estaba cos fillos atopábase igual de condicionado. O problema xorde cando tanto o pai coma a nai sofren un complexo de culpa pola falta de contacto cos seus fillos ou de atención cara a eles. Pero se as condicións en que se están -aínda que sexa pouco tempo- cos fillos tenden á excelencia, o valor desta relación será maior có de simplemente dedicarlle cada día moitas horas a estar con eles.

As dificultades para mercar vivenda, a precariedade laboral, a vida despreocupada, o mito creado pola moda e a publicidade da xuventude case eterna... o noso contexto social propicia que a adolescencia se prolongue ata ben superada a trintena. ¿Pódese vincular esta conxuntura a unha menor madurez nos adultos novos?

Á marxe de que a adolescencia sempre será unha etapa difícil da vida, non podemos falar de perpetuos adolescentes. É certo que agora as responsabilidades se adquiren máis tarde, pero tamén a necesidade de asumilas chega despois. Hai non tanto tempo, a partir dos 20 anos facíaste adulto, formabas unha familia e case elixías o traballo do que rematarías xubilándote. Isto cambiou moito, pero non podemos xeneralizar e afirmar que os mozos de hoxe son máis inmaturos cós de décadas pasadas. Insisto na idea: agora somos conscientes de que podemos acudir a un profesional que nos axude a superar problemas emocionais ou conflictos mal resoltos. Non é que sexamos máis débiles ca antes, é que admitimos con maior naturalidade as nosas debilidades e queremos superalas.

A terceira idade é, no plano psicolóxico, unha etapa difícil, pero parece que pensamos "total, quédanme tan poucos anos de vida..." ou "non imos cambiar de maneira de ser a estas alturas". Coa elevada esperanza de vida do noso país, ¿non deberiamos superar este enfoque tan conformista e resignado?

Suponse que todos queremos chegar a vellos e que aspiramos a que a nosa vellez sexa confortable. E non me refiro só a ter unha pensión, senón tamén a que a nosa calidade de vida sexa óptima. A psicoloxía do ancián é un dos campos que maior desenvolvemento está experimentando, trátase de investir en nós mesmos. Se deixamos a un lado patoloxías e tratamentos intrínsecos á idade, que merecen un tratamento específico, como o caso do Alzheimer, e aparcamos o prexuízo de relacionar vello con enfermo, decatarémonos de que prevalece a súa capacidade de decisión, e de que os seus problemas psicolóxicos son igual de importantes e precisan dun intento de cura igual ca en calquera outro momento da vida.

Moitos seguímonos preguntando as diferencias que existen entre un psicólogo e un psiquiatra. É que, cando nos atopamos mal, non sabemos se temos que dirixirnos a uns ou a outros.

Somos complementarios. Do mesmo xeito que nós detectamos problemas que deben curarse mediante medicación ou tratamento médico, o psiquiatra pode determinar que ese problema está mellor atendido por un psicólogo, ou que a continuación da cura pasa por unha terapia psicolóxica. A diferencia fundamental é que o médico psiquiatra é un profundo coñecedor do sistema nervioso e do cerebro humano desde os puntos de vista biolóxico e bioquímico, polo que pode pór en marcha tratamentos farmacolóxicos. Os psicólogos, en cambio, non somos médicos e traballamos con técnicas psicolóxicas que serven tamén para resolver problemas mentais.

¿Que opina dos cada vez máis en boga libros de autoaxuda?

Na medida en que a persoa coñece as preguntas, estes libros pódenlle axudar a afondar nas respostas. Estas obras reforzan crenzas e resolven dúbidas, e sempre é bo estudiar ou achegarse á epistemoloxía, pero non se debe pensar que poden suplir a un especialista.

O Nadal é un período emocionalmente delicado para algunhas persoas: lembranzas entrañables, relacións case obrigatorias con familiares e amigos non moi apreciados, notoria ausencia de seres queridos, soidade abafante...

Efectivamente, as datas significativas, sexan de carácter persoal ou social, poden resultar delicadas. Sería doado invitar ó diálogo, á tolerancia do outro e á fortaleza de un mesmo, pero en ocasións gastamos unha cantidade de enerxía brutal en tratar de cambia-lo inmutable. Quizais sería máis eficaz empregala en acepta-la realidade tal e como é. Moitas frustracións sobreveñen por non asumi-lo que é imposible de modificar.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto