Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Informe

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Comercio xusto: Iniciativa para favorece-la igualdade entre pobos

Mercando productos de comercio xusto contribúese a elimina-las diferencias entre países ricos e pobres

Os efectos nas zonas productoras

  Os productores de elementos de comercio xusto atópanse distribuídos por tódolos países considerados "Terceiro Mundo", e tamén nalgúns como México, onde as diferencias sociais son tales que cómpre constituír estas cooperativas para que grupos marxinais se poidan desenvolver. O efecto que provoca este comercio non se limita ás familias que poden traballar nestas cooperativas, senón que afecta a toda a comunidade.

A India é un dos países onde máis cooperativas de Comercio Xusto se desenvolveron. Segundo datos do ano 2000, en Tamil Nadu aproximadamente 1.300.000 homes e mulleres traballan nuns 500.000 teares manuais. Amais de saris (destinados ó mercado local), tecen sabas, mantas e outros téxtiles para o fogar destinados sobre todo á exportación. Dúas terceiras partes dos tecedores están organizados en cooperativas adheridas á organización de segundo grao semipública Cooptex. Os servicios máis importantes que Cooptex brinda son o de subministrar fíos baratos e o de asesorar a nivel técnico, de producto e de comercialización. Tamén leva a cabo programas de construcción de vivendas, de créditos con xuros baixos e de recompra das débedas que obrigan a que os tecedores traballen para un empregador concreto. Un tecedor que traballa a xeira completa recibe 1000 rupias de Cooptex, é dicir, máis ca un traballador de fábrica. Unha parte dos productos de cooperativas escollidas véndese a través das organizacións de comercio xusto, o que permite crear novos productos, conceder vantaxes sociais e penetrar ós poucos nos mercados estranxeiros.

Un comercio con múltiples beneficios

Para os responsables de Tendas de Comercio Xusto de Intermón Oxfam, a prioridade das institucións dedicadas ó comercio xusto, ben sexan ONG, asociacións ou cooperativas, non é a ganancia económica.

O obxectivo principal destas iniciativas é mellora-lo xeito de vida dos productores, axudándolles a acceder ós mercados a través do pagamento dun prezo xusto polo seu traballo e cunha continuidade nas súas relacións que permita unha mellora real das condicións de vida dos productores a longo prazo, destinando parte do seu beneficio á mellora das condicións básicas das súas propias comunidades. Esta actividade persegue como obxectivo final que estes productores poidan competir en igualdade de condicións nos mercados internacionais, polo que a axuda non é unha caridade, senón que existen esixencias de calidade e de certos cumprimentos.

O comercio xusto ten tamén como obxectivo favorecer ós máis desfavorecidos. Segundo os datos ofrecidos por Intermón Oxfam, "o 65% dos pobres do mundo son mulleres, mentres que só constitúen o 52% da poboación". Deste xeito, as mulleres sofren unha dobre discriminación: polo seu sexo e pola súa situación económica. O comercio xusto trata de promover a este colectivo, xunto a outros, como os indíxenas, para que poidan saír da súa situación. Tamén busca rematar co traballo infantil, permitindo que as xeracións máis novas empreguen o seu tempo na educación. Outro obxectivo deste comercio é promove-la igualdade entre homes e mulleres con salarios iguais a igual actividade, promove-la participación, o respecto ó medio natural e a producción de productos de calidade.

Un comercio aberto a todos

A Coordinadora Nacional de Comercio Xusto está traballando para pór en marcha un Selo de Garantía Social, que emitirá unha entidade independente, e que poderán solicitar tódalas empresas que queiran sumarse ó comercio xusto, para o que deberán cumpri-las condicións que impón este selo. É dicir, calquera empresa de calquera sector, se cumpre as condicións de comercio xusto (salarios dignos ós productores, eliminación do traballo infantil, equiparación entre homes e mulleres, promoción de sociedades participativas e democráticas, etc.) pode solicitar que unha entidade independente verifique esta situación e lle outorgue este selo. Deste xeito, os consumidores saberán que empresas teñen unha vertente de responsabilidade social cos países menos favorecidos. Os principais beneficiarios do potencial éxito desta iniciativa son os productores, que poderán acceder a mercados moito máis amplos. Ademais, este selo poderá identifica-la procedencia de cada producto e asegurar que cada un dos elementos que interveñen nunha prenda ou artigo de artesanía cumpre tódolos requisitos. Xa que logo, se nun producto intervén máis dunha materia prima, fabricada en distintos puntos do planeta, necesitará acreditar que cada un deles cumpre cos criterios de comercio xusto para obte-lo selo.

As regras do Comercio Xusto:

  • Reducción da cadea de intermediarios.
  • Pago dun prezo xusto. O prezo de compra está en función do custo das materias primas, da producción e do tempo e da enerxía investidos. Débenlle permitir ó productor alcanzar un nivel de vida razoable.
  • Condicións laborais dignas.
  • Sen discriminación por sexo, raza, relixión...
  • Condena de calquera tipo de explotación infantil.
  • Relacións comerciais a longo prazo.
  • Pagamento por adiantado da mercadoría (ata un 60%).
  • Investimento dos beneficios no desenvolvemento da comunidade.
  • Respecto do medio natural.
  • Productos de calidade.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto