Saltar o menú de navegación e ir ao contido
En épocas de inestabilidade atmosférica como o outono e a primavera é máis difícil acertar na predicción
As altas temperaturas sufridas o pasado verán situaron a información meteorolóxica, máis aínda se é posible, no centro de interese da cidadanía. Os informativos alertaban a cotío dos valores históricos que alcanzaban os termómetros. A precisión coa que se anunciou o tempo puxo de manifesto o coñecemento cada vez maior que se ten da meteoroloxía, que ocupa o 7% do espacio dos informativos televisivos. Sen embargo, os meteorólogos non sempre acertan no prognóstico, especialmente en épocas de inestabilidade atmosférica coma o outono e a primavera, que é cando as variables son máis cambiantes. Aínda que as prediccións se elaboren a partir da interpretación de numerosos datos obtidos coa máis alta tecnoloxía (satélites, observatorios...), están sempre suxeitas a probables alteracións climatolóxicas.
Para realizar unha predicción cómpre obter unha gran cantidade de información sobre as condicións existentes en superficie e na atmosfera. Os satélites Meteosat subministran día e noite, cada media hora, imaxes completas do disco terrestre transmitidas por tres canles do espectro, e os barcos que saen ó mar e as aeroliñas comerciais realizan tamén medicións. Os datos tamén se axencian a través de globos sonda que as estacións meteorolóxicas de todo o mundo lanzan dúas veces ó día á atmosfera superior e mediante boias permanentes que rexistran a temperatura a centos de metros de profundidade no océano.
Xa que logo, no momento de elabora-lo prognóstico o meteorólogo dispón de infinidade de fontes que rexerán as súas conclusións: ten que coñece-la presión atmosférica medida en milibares polo barómetro; cumpriralle saber qué condicións de vento revela o anemómetro para estimar, sobre todo, a sensación térmica, que depende da velocidade do vento; co psicrómetro coñecerá a humidade atmosférica, necesaria para realiza-la previsión das próximas horas; deberá descifra-las claves servidas pola meteoroloxía aeronáutica e recibi-los boletíns de meteoroloxía marítimas nas escalas Beaufort e Douglas. Tamén terá que manexar productos específicos (boletín agrometeorolóxico, balance hídrico, radiación ultravioleta, etc.).
Obtidos os datos e gracias á experiencia realízase a interpretación ou, o que é o mesmo, a predicción. Malia ós avances tecnolóxicos, incluídos sofisticados sistemas informáticos, só se pode prognostica-lo tempo de maneira relativamente precisa cuns días de antelación, pois os innumerables factores que determinan a temperatura e as condicións atmosféricas están sometidos a unha probabilidade de cambio moi alta.
A meteoroloxía ofrece tres tipos de información. Por unha banda, a explicación das causas que motivaron determinada situación climática e a descrición da mesma; por outra, o prognóstico do tempo actual e recente obtido dos sistemas de observación e a vixilancia atmosférica permanente (estacións e instrumentos meteorolóxicos, satélites, radares, rede de raios...). E, para rematar, a da evolución máis probable do tempo a curto, medio e longo prazo (dun a dez días) que cabe esperar, de acordo coas posibilidades e límites do coñecemento científico, baseada nos medios técnicos máis avanzados e na experiencia e profesionalidade de meteorólogos cualificados.
Dentro desta última información ocupan un lugar prioritario os avisos meteorolóxicos cando se observan ou prevén fenómenos atmosféricos especialmente relevantes por superar determinados valores soleira, dado que poden comportar un risco para as vidas ou bens dos cidadáns. Estes avisos subminístranselles ás autoridades de Protección Civil e a outros Organismos encargados das medidas de prevención correspondentes e ós medios de comunicación para a súa difusión pública.
Os profesionais que informan do tempo son licenciados en Ciencias Exactas dentro da rama de Ciencias da Atmosfera, aínda que tamén se imparte un título intermedio no Bacharelato en Ciencias da Atmosfera de 3 anos. Esta formación capacita a priori para o desenvolvemento da actividade, pero para poder pertencer ó corpo oficial de meteorólogos, diplomados ou observadores do Instituto Nacional de Meteoroloxía é imprescindible completa-la curso selectivo, posterior a unha oposición, do que a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) marca as materias e os niveis de esixencia.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI