Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A construcción de grandes encoros, grupo ó que pertencen os que superan 15 metros de altura ou almacenan máis de 100.000 metros cúbicos, sempre foi motivo de polémica. Fonte de progreso e de reparto racional da auga segundo algunhas persoas, prexudiciais polo seu impacto ambiental e polos problemas de seguridade que poden ocasionar segundo outras, a necesidade destas grandes obras aínda se discute.
España, con 1.200 encoros desta envergadura, é o segundo país do mundo, despois dos Estados Unidos, con maior número de encoros. A metade deles ten máis de 40 anos e, segundo algunhas fontes, o 80% non seguen as normas da Instrucción para o Proxecto, Construcción e Explotación de Grandes Encoros polo elevado custo económico que supón facelo.
A capacidade dos encoros españois é de 53.000 millóns de metros cúbicos, dos que se ocupou o 65% no ano 2002. A maior chea tivo lugar nas concas Norte (88%) e do Ebro (77%). Os pantanos de menor ocupación foron os do Segura e Xúquer, que nin sequera chegaron ó 20% da súa capacidade.
En arredor de 140 países os grandes encoros proporcionan enerxía hidroeléctrica, que desenvolve un papel fundamental para a reducción das emisións de gas de efecto invernadoiro, e augas para a rega, que bañan as terras que subministran case o 16% dos alimentos do mundo. Sen embargo, tamén provocaron a desaparición de fragas, de hábitats de rica fauna e da biodiversidade acuática. Os contrarios a estes pantanos xigantes sosteñen que para a construcción dos máis deles non se realizou unha avaliación do seu impacto negativo sobre as comunidades desprazadas e emprazadas noutro lugar. Cualifican de superficiais e ineficaces os esforzos por mitiga-los efectos imprevistos que sofren máis de 80 millóns de persoas desprazadas e a perda do seu medio de vida augas abaixo.
Segundo a Comisión Mundial de Presas, os grandes encoros poderían desaparecer, xa que se demostrou que construír minicentrais hidroeléctricas é máis barato e permite unha mellor xestión da auga, especialmente dos sistemas de irrigación.
O enorme encoro das Tres Gorxas, no curso medio do río Yangtsé, comezou en xuño a enche-lo seu gran pantano. Cando o encoro estea á súa plena capacidade, no ano 2009 (17 anos despois do seu inicio), será o terceiro lago artificial do mundo, tralo de Assuán, en Exipto, e o de Zambeze, en Zambia. Ese ano, a producción do encoro alcanzará os 18.200 millóns de quilovatios por hora e a súa capacidade de 39,3 millóns de metros cúbicos permitirá tamén regula-lo comportamento dun río que, coma o Nilo, está intimamente unido a unha civilización.
A China conviviu ó longo da súa historia coas inundacións do Yangtsé, o seu maior río. Nos últimos dous mil anos, o Yangtsé rebordou de media unha vez cada década. A contabilidade do século XX rexistra máis de 300.000 mortos por esta causa e a perda de millóns de casas. O grande encoro acabará con iso, pero os seus críticos citan numerosos prexuízos ambientais, sen contármo-lo millón de desprazados que xerou, o enorme gasto (case 22.000 millóns de euros) e a desaparición, baixo as augas, de 140 núcleos urbanos.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI