Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Francisco Mangado, arquitecto: "O comprador deberíalle esixir máis calidade á vivenda"

  Francisco Mangado, que a día de hoxe é un dos referentes da arquitectura nacional, recoñece que chegou a esta profesión por casualidade: "cando rematei o bacharelato e tiven que decidir qué estudiar, entendín que a miña aspiración de dedicarme a deseñar barcos era algo peregrina". Sen demasiada paixón presentouse á proba de acceso na Escola de Arquitectura da Universidade de Navarra. Non a superou, pero ó cabo de dous anos, xa plenamente convencido, volveuno intentar. Seis anos máis tarde conseguiu o premio ó mellor proxecto de fin de carreira e o segundo Premio Nacional de Terminación de Estudios de Arquitectura. Esta anécdota define perfectamente o seu convencemento de que o arquitecto se fai e non nace. Para Mangado, esta é unha vocación aprendida que suma á da docencia, pois non entende o exercicio da súa profesión sen o compromiso de transmitírlle-los seus coñecementos ós arquitectos do futuro. Entre as súas obras máis significativas salienta o Pazo de Congresos e Exposicións de Pamplona, coñecido como O Baluarte, que se acaba de inaugurar. Este símbolo de modernidade artística súmase a unha traxectoria profesional na que se suceden obras de carácter social, vivendas de protección oficial e edificios públicos.

De trato cordial, namorado da palabra e dos conceptos e teorías ligados ó seu oficio, Mangado non se evade ó trata-lo vidroso tema do desmesurado prezo da vivenda. Non elude a responsabilidade dos arquitectos no problema e entende que deberían ofrecer moito máis do que se lles pide nos pregos. "Debemos emitir xuízos de valor sobre os proxectos e sobre as condicións nas que se desenvolven". Ademais, incide directamente nun tema sobre o que non se fala demasiado pero que é fundamental, as carencias de calidade dalgunhas construccións: "o comprador vese obrigado a fixarse en condicións que representan mínimos, como o acabado ou a insonoridade das paredes, cando iso non é máis ca algo obvio, un mínimo, e o que debería esixir é outras cuestións como máis luz natural, un eficaz aproveitamento do espacio e mesmo mellores vistas".

Cando comeza a traballar nunha construcción, ¿enfócao como un exercicio artístico ou como un labor no que a beleza se debe dobregar á utilidade?

A arquitectura é unha actividade humanística que para ser considerada arte ten que cumprir unhas condicións esenciais. É obrigado que se materialice, só é arquitectura aquilo que de proxecto pasa a ser unha obra concreta, real. Pero igual de importante é que, unha vez construída, sexa útil. É dicir, que responda ó propósito para o que está concibida, que, na súa expresión final, é servir á sociedade na que se desenvolve. Non concibo un edificio belo se este non serve ou se a súa construcción non ten valor material.

A súa opinión de que os arquitectos teñen a súa parte de responsabilidade no encarecemento da vivenda non é moi común na profesión.

A vivenda é a máxima expresión do cumprimento da arquitectura na súa función de servicio, e o arquitecto está quedando á marxe nesa función social e particular. Durante o Modernismo, o arquitecto colaboraba na definición dos plans urbanísticos, participaba na proxección de novos ensanches e na concepción do desenvolvemento das cidades. Eu coido que agora debería volver ó xogo político, sobre todo no caso das vivendas sociais. Con isto non quero dicir que opte entre as diversas teses dos partidos políticos, pero si que emita xuízos de valor sobre os proxectos e que propoña melloras. É dicir, que contribúa en máis do que hoxe se lle pide. A arquitectura non é allea á realidade nin ás normas imperantes na sociedade. Como feito formal con proxección mediática que é, e na medida en que se trata dun ben de consumo, rodéaa unha concepción efémera e de respostas inmediatas ás necesidades. Isto, aplicado á vivenda, é moi grave, pois esquéceselle o seu carácter social e a proxección dunha cidade como polis, como un lugar onde viven os cidadáns. Se os que mandan, deciden e condicionan a arquitectura non son arquitectos, senón outros axentes sociais con coñecementos e intereses distintos, triunfarán, como o fan, as propostas nas que, entre outras cousas, a utilidade deixou de primar. Sen dúbida, a situación actual está ligada ó problema do solo, pero detrás del non cabe dúbida de que o sentido social que ten a construcción de vivendas vive un momento moi baixo.

¿Ten solución o problema da carestía do solo, ó que se atribúe o elevado prezo da vivenda?

En boa medida ten que ver cun modelo moi burocratizado da xestión urbanística, que xera un encarecemento extraordinario do solo e demostra que se seguen facendo plans urbanísticos que non funcionan, porque ó final son unha especie de inmenso volume de normas con afán de definición exhaustiva que non establecen pautas xerais. Ademais, está a cultura imperante da especulación, que pouco ten que ver coa realidade física, pero que se impón na economía, e non se sabe cómo pórlle freo.

A adquisición dunha vivenda é o gasto máis importante que realiza unha persoa ó longo da súa vida. Parece evidente que debería mercar un ben que satisfaga as súas expectativas, polo menos as básicas.

O problema do difícil acceso á vivenda enmascara, agocha, unhas necesidades que deberían ser demandadas e, por suposto, ofertadas. Deberíase esixir que a vivenda teña luz natural, que a calor estea repartida homoxeneamente e que as vistas sexan agradables, por exemplo. Estes tres son temas esenciais na arquitectura e, así e todo, nin sequera se discuten. Para o cidadán é moi difícil solicitar estas cousas cando nin sequera o mínimo está cuberto.

Esa lei de máximos, ¿está polo menos cuberta na arquitectura civil?

É na proxección pública da arquitectura onde se experimentaron maiores avances cualitativos. Nada teñen que ve-las escolas, hospitais ou centros de saúde de antes cos de agora. Hoxe enténdense como espacios onde quen acude a eles se debe sentir cómodo. Por suposto, son construccións que deben cumprir unha utilidade e, segundo o meu criterio, impoñe-lo concepto de confortabilidade, un termo en desuso porque non soa a moderno pero que a min me segue parecendo que implica un respecto esencial ó usuario.

Vivimos nun momento en que case tódalas cidades parecen empeñadas en crearen a súa propia icona arquitectónica, como se carecer delas condenase a cidade ó ostracismo ou a non merece-lo interese dos turistas. ¿Estamos ante unha moda pasaxeira?

A necesidade de tódalas sociedades de buscar símbolos é un feito histórico. Cada cidade busca a súa referencia arquitectónica para distinguirse fisicamente das demais, pero a historia indícanos que os símbolos precisan do paso do tempo para que a xente os admita na súa vida e se convertan en referentes. Antes, as obras, igual que precisaban de tempo para elevarse, tamén o precisaban para consolidarse. Hoxe non, porque se xulgan no seu proxecto, na súa execución e no seu resultado. Entendo esa vontade da cidade por ter un rostro novo que a represente, pero continúa sendo preciso o paso do tempo para que realmente esas novas construccións se convertan no símbolo que as identifique.

A domótica, os edificios "intelixentes", ¿son o futuro?

Non o creo. Os edificios non son intelixentes, as instalacións poden estar moi ben resoltas, pero non podemos dicir que nos esteamos achegando á perfección. Os sistemas de comunicación avanzaron, pero son elementos aplicados, non consubstanciais. Paréceme máis importante investigar e afondar na calidade dos espacios, da luz, da confortabilidade da que falabamos antes, ca na implantación tecnolóxica na edificación. Podemos atopar un edificio chamado intelixente onde o persoal que traballa está separado por biombos e a luz natural queda a moitos metros do seu posto de traballo. Pois... vaia intelixencia.

Lonxe desta tendencia atópase a arquitectura rural, definitoria de rexións e de culturas durante séculos. ¿Estámola perdendo?

Non sei ata que punto as construccións rurais poden ser consideradas arquitectura, xa que a súa existencia é a resposta inmediata ós requirimentos do medio e non o producto da razón. Con esta afirmación non trato, nin moito menos, de desprestixiala, pero a arquitectura como expresión é unha resposta da razón e nace coa cidade e coa ilustración. É dicir, o seu valor está unido á capacidade do ser humano de transforma-lo condicionante natural para sometelo ás necesidades da polis, onde se xeran xuízos políticos, culturais e sociais.

¿As urbanizacións, daquela, quedan a medio camiño?

Son respostas inmediatas ás deficiencias da cidade. Non deixan de ser un retorno ó rural, no que se inclúe o illamento, pero intentando conserva-los esquemas da cidade. Para min teñen o peor das dúas cousas.

¿En que medida se parece, no traballo de a cotío, o proxecto acabado ó soñado?

Sen dúbida, o soñado é máis atraente e o ideal é que se semellen o máis posible. Pero o soño é inmaterial e xa diciamos antes que a arquitectura non o é ata que non está construída.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto