Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Lámpadas de baixo consumo: Diferencias mínimas en prezo e calidade

Logo de doce anos de uso, só tres euros de diferencia no gasto total entre a máis cara e a máis barata

  Analizáronse seis lámpadas fluorescentes compactas (tamén chamadas de baixo consumo), que custan desde os 16,50 euros de Osram Dulux Longlife ata os 3,25 euros de Cesaga. Esta abismal diferencia de prezo non resulta tan avultada se se ten en conta que, logo de doce anos de uso descontinuo (15.000 horas), o custo total (lámpadas substituídas neses doce anos e maila enerxía consumida) resulta moi semellante en tódolos casos: Cegasa é de novo a máis barata (27,59 euros ós doce anos) e Silvana Mini-Lynx Economy a máis cara (30,67 euros ós doce anos). Isto é, a diferencia total de gasto entre a máis cara e a máis barata tras doce anos de uso case non alcanza os tres euros. A mellor relación calidade-prezo resulta a máis barata, Cegasa, por se-la que menos electricidade consome e a que ofrece un maior rendemento.

Estas seis lámpadas duran de media 7.500 horas (uns seis anos en uso descontinuo), o que unido ó seu baixo consumo eléctrico fai que compensen o maior desembolso inicial que representan fronte ás convencionais (as incandescentes). Estas lámpadas fluorescentes compactas teñen un tamaño semellante ás incandescentes, e, como acontece nos tubos fluorescentes, xeran a luz polas reaccións químicas que produce unha mestura de gases no seu interior.

Avellentamento prematuro

Un dos parámetros no que as lámpadas máis se distinguiron foi no seu ciclo de vida medio nominal, é dicir, nas horas que poden chegar a estar acesas. Cegasa é a que peor se desenvolve neste apartado, con 3.000 horas. Sylvania e Philips ofrecen o dobre (6.000 horas), e General Electric, un tercio máis (8.000 hora). Osram, a máis cara, destaca por ofrece-lo maior período de vida, notablemente superior ó resto, con 15.000 horas de emisión de luz (que quintuplica a duración de Cegasa). Electro DH non indicou na súa etiqueta este dato, polo que quedou á marxe desta medición.

Para avalia-lo avellentamento de cada lámpada, sometéronse a 360 ciclos de dúas horas de acendido e dez minutos de apagado, a unha temperatura entre 38 e 42 graos centígrados. Esta elevada temperatura acelera o proceso de desgaste e consegue que as lámpadas avellenten prematuramente. Antes de despois da proba mediuse o fluxo luminoso de cada lámpada, para coñece-la porcentaxe de perda de luz causada polo avellentamento. Tódolos resultados foron positivos, se ben Philips demostrou se-la mellor neste apartado, ó mingua-la súa emisión de luz só un 1,7%. Silvana (5,5%) e Cegasa (5,4%) foron as que peor avellentaron.

Seguridade

As indicacións escritas nas seis lámpadas foron lexibles e indelebles. Tamén se mediu a resistencia ó illamento das partes conductoras e do material illante, así como a súa rixidez dieléctrica (o illamento entre as diferentes partes do producto), probas que tódalas mostras superaron. O material illante demostrou ser suficientemente resistente á calor.

As lámpadas sometéronse a un fío incandescente durante trinta segundos; deste xeito púidose medi-la resistencia á ignición e á propagación do lume dos materiais non metálicos e ás partes que forman o recubrimento da lámpada. En ningunha lámpada apareceu lume ou fume, nin se produciron danos nin quecemento por riba dos límites establecidos pola norma. As lámpadas foron quentadas de novo para comprobar que o incremento de temperatura no casquete non excedese o valor máximo establecido pola norma. Neste exame, ó igual ca no resto, os resultados foron satisfactorios.

Características técnicas e prestacións

Tódalas lámpadas indican na súa etiquetaxe que consomen unha potencia eléctrica de 11 vatios, pero as lámpadas de Philips (10,9 vatios), Electro DH (10,2 vatios) e Cegasa (9,4 vatios) ofrecen incluso un consumo menor. En Silvana, Osram e General Electric a potencia indicada (11 vatios) e a real son idénticas.

Antes de medi-lo fluxo luminoso das lámpadas sometéronse a un avellentamento de cen horas (dúas horas e media de acendido por cada dez minutos de apagado, oito veces ó día). Tras este paso previo, todas superaron este test, aínda que con diferencias notables: Osram (599 lúmenes) e General Electric (577 lúmenes) emitiron menos luz dos 600 lúmenes que indicaban na súa etiqueta (esta medición ten un erro posible de 30 lúmenes, por exceso ou por defecto, polo que non poden ser mal valoradas neste apartado). O resto estivo por riba do publicitado: Silvana (609 lúmenes) e Philips (665 lúmenes) situáronse por riba dos 600 lúmenes indicados e Cegasa, con 585 lúmenes, superou os 550 lúmenes indicados. Un lumen é a unidade de medida da luz, e equivale á luminosidade dunha candea en condicións ideais.

O rendemento de cada lámpada indica o fluxo luminoso que ofrece en relación coa potencia consumida. Canto maior sexa o seu rendemento será capaz de emitir máis luz con menos consumo eléctrico. As lámpadas con maior rendemento son Cegasa e Philips (62,2 e 61, respectivamente), e as menos rendibles, aínda que cuns resultados satisfactorios, son General Electric e Osram (52,5 e 54,5, respectivamente). En calquera caso, todas elas demostraron estar dentro do grupo A (máxima eficiencia enerxética), dunha escala que abarca do 'A' ó 'G'.

O gasto total destas lámpadas vén determinado por tres factores: o prezo da propia lámpada, a súa duración media e o gasto eléctrico que comporta. Escolleuse un período de 15.000 horas (12 anos en funcionamento descontinuo) para medi-lo número de veces que cumpriría repoñe-la lámpada, e sumarlle a electricidade consumida (presupoñendo un prezo por quilovatio/hora de 0,080401 euros) e poder así comparar de xeito máis preciso o custo total. Cegasa resulta a máis económica tras doce anos (27,59 euros) aínda que é a que require substituír máis veces a lámpada (cinco veces). As de Silvana e Philips só deben substituírse tres veces, pero malia a que o seu custo por unidade non é dos máis altos (5,80 euros e 5,77 euros, respectivamente), os seus custos totais (30,67 euros e 30,46 euros) resultan os máis elevados polo seu alto consumo eléctrico. Osram (16,50 euros/unidade) e General Electric (8,25 euros/unidade) son as máis caras, pero como resultan as máis duradeiras (15.000 horas e 8.000 horas) o seu gasto final é de 29,77 euros. Non é posible calcula-lo custo total de Electro DH, ó non indicar na etiqueta o seu ciclo de vida medio nominal.

Etiquetaxe

Tódalas etiquetaxes son correctas, agás dúas: Electro DH non indicou nin o fluxo luminoso (a intensidade da luz) nin o ciclo de vida medio nominal (é dicir, o que dura), e Sylvania, por non indica-lo enderezo do fabricante. A etiquetaxe de Electro DH tampouco inclúe o "contedor tachado" (que non é obrigatorio e si está presente no resto de lámpadas), e que indica que a lámpada debe desbotarse nun contedor apropiado para a súa posterior reciclaxe, e non guindarse co lixo convencional. O problema é que neste momento case non hai puntos limpos nos que se recollan lámpadas (un residuo catalogado como perigoso), polo que o usuario concienciado non ten máis opción que atopar un que si as admita, ou almacenalas ata que instalen un na súa proximidade.

Tipos de lámpadas

124 anos despois de que Thomas Alva Edison patentase a primeira lámpada eléctrica, o mercado ofrece catro opcións para elixir:

  • Lámpadas incandescentes: son as máis coñecidas e usadas. Emiten luz cando a corrente eléctrica pasa por un delgado filamento que quece e se torna incandescente. Duración media: 1.000 horas.
  • Tubos fluorescentes: crean unha descarga de gases (vapor de mercurio a baixa presión e unha pequena cantidade de gas inerte) dentro dun tubo que emite radiación ultravioleta de baixa intensidade. A radiación bate sobre un revestimento de fósforo facendo visible a luz ultravioleta. Estas lámpadas non se acenden instantaneamente, e "sofren" con cada acendido e apagado. Duración media: 8.000 horas.
  • Lámpadas halóxenas: no seu interior dispoñen dun gas halóxeno que require unha menor cantidade de enerxía para xerar luz. Son máis caras, pero a súa luz é máis potente, branca e nítida e a súa duración considerablemente maior cás incandescentes. Duración media: 2.000 horas.
  • Lámpadas fluorescentes compactas ou de baixo consumo: semellantes ós tubos fluorescentes, pero de tamaño semellante a unha lámpada clásica. Duran máis e consomen menos ca unha lámpada convencional. Duración media: 7.500 horas (media deste comparativo).

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto