Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Millo para flocos salgados, para microondas: Moi calóricos e con graxa pouco saudable

  O millo Everta, tamén coñecido como millo para flocos ou millo que salta, é a única subespecie de millo que rebenta coa calor, producindo así os populares flocos de millo. O millo, un dos cereais máis cultivados e consumidos en todo o mundo, pertence á familia gramíneas e á especie Mays, dentro da que hai numerosas subespecies e variedades que se clasifican segundo o seu uso. Os máis utilizados son o millo con grans de cor branca (de gran contido de azucre e proteínas, con el elabóranse os cereais do almorzo), o millo con moita graxa (emprégase na industria aceiteira) e o millo con maior proporción en amidón, que se utiliza para os flocos de millo.

Leváronse ó laboratorio oito mostras de flocos de millos para microondas con sal, que os consumidores poden preparar na casa. Vendíanse en envases de tres bolsas de cen gramos cada unha (tres mostras: Poppers, Pop Up e Act II) e nunha única bolsa (as outras cinco mostras), igualmente de 100 gramos. Os prezos varían moito: desde menos de 4 euros o quilo de Tuxis e Friper a máis de 7 euros o quilo de Pop Up e Micro Pop Usa.

De qué están compostos

Os ingredientes destes flocos de millo salgados para microondas son millo, graxa, sal e, nos máis dos casos, antioxidantes. A composición nutricional do millo, ó utiliza-la mesma especie, é semellante en tódolos productos analizados. Por iso, analizouse o tipo de graxa empregada, o contido en graxa total e o perfil lipídico; é dicir, as porcentaxes de ácidos graxos saturados (menos saudables), monoinsaturados e poliinsaturados (máis saudables) e os ácidos trans que, menos saudables aínda cás graxas saturadas, aparecen no proceso de hidroxenación das graxas vexetais. Ademais, esclareceuse a porcentaxe de cinzas e o contido en sal común (cloruro sódico). Os valores son os obtidos trala preparación do producto seguindo as instruccións das etiquetas. Polo tanto, as cantidades que se inxiren unha vez preparado o producto; na bolsa queda parte da graxa e do sal.

Cen gramos de millo conteñen 65 gramos de carbohidratos (principalmente amidón, un hidrato complexo), uns 9 gramos de proteínas e 4 gramos de lípidos. E proporcionan unhas 310 calorías cada 100 gramos. O contido en vitaminas non é significativo. Os minerais máis abundantes son potasio, fósforo, magnesio, e unha pequena cantidade de sodio que aumenta cando se lles engade sal, como é o caso. A diferencia doutros aperitivos elaborados con fariñas refinadas e azucres sinxelos, os flocos de millo achegan unha cantidade apreciable de fibra, o 2,2%.

Pero a composición dos flocos de millo varía moito con respecto á do gran orixinal. A culpa téñena os ingredientes engadidos: graxa, sal e aditivos. Así, cen gramos de flocos de millo salgados xa preparados achegan unhas 500 calorías e o seu contido en graxa pasa do 4% que tiña o gran de millo a entre o 19% e o 27% cando se consomen neste formato, unha vez cociñados. Esta graxa é en tódolos casos de orixe vexetal.
Ó tratarse de flocos de millo salgados, o contido en sal no producto cociñado é elevado, entre o 1,3% de Act II e Poppers e o 2,6% de Dedebó Snacks. Deben telo en conta as persoas con problemas cardiovasculares ou de hipertensión.

No tocante ós aditivos, segundo as súas listas de ingredientes, Friper e Act II son os únicos que non os engaden, se cadra porque as súas graxas vexetais hidroxenadas aseguran unha mellor conservación do producto. Os outros seis recorren a antioxidantes que protexen os millos de que as graxas collan rancio e dos posibles cambios de cor. Micro Pop Usa, Tuxis, Poppers, Pop Up e Dedebó Snacks utilizan dous antioxidantes: E-304 (ésteres de ácidos graxos de ascórbico) e E-306 (extracto rico en tocoferois), mentres que Popitas só usa un: E-330 (ácido cítrico).
O millo non conten glute, polo que pode ser consumido polas persoas celíacas.

A graxa é vexetal, pero non saudable

A estes millos engádeselles graxa para que melloren as súas calidades organolépticas, fundamentalmente o sabor. Esta adición non só torna máis calórico o producto, senón que ten outras consecuencias.
É ben sabido que as graxas animais son pouco saudables se se consomen en exceso, debido ó seu alto contido en ácidos graxos saturados, relacionados con enfermidades cardiovasculares. Pero éo menos ca algunhas graxas vexetais (palma, palmiste, coco, colza), que son tamén pouco saudables pola súa elevada proporción de graxas saturadas. Ningunha mostra das estudiadas utiliza graxas animais, pero seis empregan palma, e iso fai que o seu contido en graxas saturadas (arredor do 50% do total da graxa) sexa superior ó saudable (arredor do 30%-35%). A graxa empregada polas outras dúas mostras, Act II e Friper, é "aceite vexetal hidroxenado". A hidroxenación permite solidificar e converter en untables aceites vexetais como oliva, xirasol e soia, que a temperatura ambiente son líquidos. Este proceso físico-químico de introducir moléculas de hidróxeno no aceite vexetal, transforma as graxas insaturadas do aceite en graxas saturadas. A diferenciación entre "graxa mala" e "graxa boa" ten a súa orixe na súa capacidade para modifica-los niveis de colesterol en sangue.

Para achegármonos ó perfil lipídico (de distribución das graxas) destes flocos de millo para microondas, sumáronse en cada mostra, cando procedía, a proporción de graxas saturadas e a de ácidos graxos trans. Os flocos de millo con maior proporción de graxas pouco saudables son Act II (o sumatorio de saturadas e trans é do 69%) e Friper (57%), mentres que nas demais, que non teñen graxas trans xa que non se produciu a hidroxenación, as saturadas representan arredor do 50%. Aínda existindo estas notables diferencias, as oito mostras presentan un perfil lipídico pouco saudable, porque convén que as graxas saturadas non superen o 35% do total da graxa. O resto deben ser mono e poliinsaturadas, ambas saudables. Pero non tódolos flocos de millo conteñen unha cantidade de graxa semellante. Precisamente, os dous cun perfil lipídico menos saudable son os máis graxos: Act II e Friper teñen por riba do 26% de graxa, mentres que Dedebó Snacks, Micro Pop Usa e Popitas non superan o 20% de graxa.

Etiquetaxe, moi mellorable

No estudio da etiquetaxe das oito mostras (a falta dunha normativa específica para este producto aplicóuselle-la xeral) detectáronse algunhas irregularidades. Só Micro Pop Usa e Pop Up se axustan totalmente á norma.

Poppers non indica o domicilio do fabricante; Popitas, Tuxis, Friper, Act II e Dedebó Snacks non indican a cantidade de sal cando deben facelo porque informan da súa adición; e, para rematar, Friper e Act II non indican no mesmo campo visual a denominación de venda, o peso neto e a data de consumo preferente. Ademais, hai outras indicacións non obrigatorias que mellorarían a información destes productos. Na lista de ingredientes, as seis mostras que a utilizan limítanse a indicar "graxa vexetal", o que resulta confuso, xa que pode confundi-lo consumidor, que -ó non se tratar de graxa animal- podería pensar que esta graxa vexetal é beneficiosa para a súa saúde, cando non sempre é así. Entre as graxas vexetais, figuran as monoinsaturadas (aceite de oliva) e as poliinsaturadas (xirasol), ámbalas dúas saudables, pero tamén están as graxas saturadas (palma, palmiste, coco ou colza) e hidroxenadas, que consumidas en exceso resultan prexudiciais para a saúde. É por iso que conviría que os fabricantes indicasen o tipo de graxa vexetal que utilizan. Pero tamén hai aspectos positivos: a excepción de Friper, todas informan da composición nutricional (non obrigatoria), e tódalas etiquetas presentan o "Punto verde" dos envases adheridos a un sistema de xestión que asegura a súa recollida e facilita a reciclaxe do envase.

Dos ingredientes destes millos, os que teñen maiores probabilidades de seren modificados xeneticamente son o millo e os antioxidantes. A análise específica á que se someteron as 8 mostras demostrou que ningunha contiña ingredientes transxénicos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto