Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Pode vir ben a axuda de especialistas en temas de parella
O amor non impide a crise, pero si se pode converter no principal elemento de apoio para buscarlles unha solución. Da maneira en que se superen os problemas dependerá que unha parella, referíndose a unha etapa conflictiva, fale dunha crise máis ou a perciba como o que foi o principio da fin. O xeito en que cada membro da parella afronta ese período de problemas obedece a factores como a madurez emocional, a habilidade para xestiona-los conflictos, a duración da relación, as redes de que dispoña ou o momento persoal en que se atope.
Non hai criterios fixos ós que recorrer para determinar se unha relación chega xa á súa fin. Ademais, canto máis duradeira fora esa unión e cando a ruptura afecte a máis persoas -os fillos son o argumento que moitas persoas esgrimen para seguir convivindo, a pesar da crise-, máis difícil se fará toma-la decisión de romper. Poderíase dicir que o momento no que unha relación deixa de proporcionarlles ós membros da parella ese conxunto de elementos que a propiciou -afectividade e emoción, seguridade, goce sexual...-, alcánzase o punto de inflexión no que se debe produci-lo cambio.
Recoñecer se se está atravesando unha época con dificultades graves ou se estamos ante o principio da fin da relación é unha tarefa ardua para os membros da parella, xa que, inmersos nunha morea de emocións, sentimentos e sensacións, resulta difícil serenarse o suficiente para facer unha reflexión tranquila que os conduza a esclarecer en qué punto da relación se atopan. Non é estraño que se produzan autoenganos, máis ou menos conscientes, que xorden como resistencia ó cambio, ben sexa para reconsidera-la situación de parella e seguir adiante con cambios, ben para iniciar definitivamente unha separación.
En función do modo en que se afronte unha crise e de cómo se comporten os membros da parella ante esa etapa, a unión sairá reforzada ou será a primeira fase da fin. É dicir, ante unha fase conflictiva da parella a pregunta non é "¿é isto a fin?", senón "¿quero que sexa a fin? ¿interésame seguir co compromiso que supón esta relación?". En definitiva, unha mala racha será só unha crise se é superada, pero converterase nunha separación se a unión remata. A resposta a algunhas preguntas pódenos brindar pistas que nos axudarán a tomar unha decisión nesa difícil conxuntura: ¿Ámoa? ¿Ollamos xuntos na mesma dirección, témo-la mesma meta? ¿Sento profundo interese pola outra persoa? ¿Deséxoa? ¿Teño confianza total no outro? ¿e na propia relación? ¿Reflexiono e comprométome para ver qué podo achegarlle á outra persoa e á nosa relación para mellorala?
En fase de crise o noso estado emocional altérase; por iso, teñamos presente o alcance das decisións, sobre todo se se opta por rematar coa relación. Non se separan dúas persoas, senón ás veces unha familia con fillos, toda unha estructura de relacións e amigos, de dependencias económicas, polo que se a parella se atopa con freos que impiden que a reflexión prospere, é conveniente acudir a un especialista en temas de parella, que desbloquee a situación e que habilite espacios para que a reflexión reúna as garantías desexables. Introducirá equilibrio e establecerá un protocolo para axudar a que a parella decida mellor.
Debemos utilizar ou desenvolver estas habilidades:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI