Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Margarita Salas, bióloga molecular e académica da lingua: "Un país sen investigación é un país sen desenvolvemento"

  Margarita Salas é a viva encarnación da singularidade, unha excepción que confirma a regra. Unha muller de máis de 60 anos recoñecida mundialmente como investigadora científica é unha cousa ben rara no noso país, un froito extraordinario da difícil época que lle tocou vivir.

Nos anos 50, as mulleres, arredadas dos ámbitos do saber e do poder, a penas podían acceder á universidade, pero a capacidade de traballo de Margarita Salas e a súa enorme forza de vontade proveitosamente unidas á gran categoría humana dos homes que marcaron a súa vida, permitíronlle a esta muller insólita decidi-lo seu futuro por ela mesma.

O seu pai, un recoñecido psiquiatra que nunca foi o mesmo trala guerra civil, sufriu o exilio interior e a marxinación profesional pero non quixo acepta-lo cruel retroceso que a dictadura supuxo na emancipación das mulleres. Margarita, ó igual cós seus irmáns, estudiou unha carreira, no seu caso Químicas, "cun fin moi distinto ó da maioría das miñas escasas compañeiras de Campus", afirma hoxe con ironía, aínda que, casualidades da vida, o seu compañeiro de tese, Eladio Viñuela, se converteu no seu esposo. Sendo ámbolos dous doutores, comezaron xuntos a carreira científica, pero Severo Ochoa, o seu mestre, separounos profesionalmente. É xa célebre a medida, cargada de intencións, adoptada por Ochoa ó recibi-lo matrimonio en Nova York: "Estaredes en distintos grupos de traballo. Se non aprendedes outra cousa, polo menos falaredes inglés". Ó seu regreso, continuaron traballando por separado: na España da época, investigar xunto ó seu home suporía verse abocada a ser "a muller de...".

Estes retrincos de vida son os antecedentes da primeira muller de ciencia na historia española. O seu pai abriulle de par en par a ventá dun futuro elixido por ela mesma pero ben distinto ó convencional, o seu mestre axudouna a forxar unha fértil e sacrificada carreira científica e o seu home respectou a súa vocación. Tres piares, tres homes adiantados á súa época que, nunha sociedade hexemonicamente masculina, lle habilitaron o espacio para que puidese traza-lo seu propio camiño e, tamén, escolle-las súas renuncias vitais. Que foron moitas nunha muller comprometida, que defende os alimentos transxénicos como un indiscutible avance e que entende, nunha sociedade do lecer como a que hoxe temos, a investigación como "un compromiso ó que cómpre dedicarlle o 100% do teu esforzo".

Os científicos son, no noso país, pouco recoñecidos socialmente. Vostede, sen ir máis lonxe, admite que a grande atención mediática que recibe a súa figura se debe máis ó feito de ser muller ca ós seus traballos como investigadora. ¿Como se definiría a si mesma?

Son unha persoa sinxela, moi traballadora e á que lle gusta face-las cousas ben. Estas tres calidades, unidas ó apoio incondicional do meu home e ás ensinanzas iniciais de Severo Ochoa, servíronme para aprender, e, con grande esforzo, logrei desenvolve-la miña carreira.

É xa un tópico que a Ciencia nos anuncie un futuro mellor. Na actualidade, ¿en que feitos se sustenta esta expectativa?

Neste momento, co descubrimento do xenoma humano temos moitas posibilidades de determina-la orixe, as causas, das enfermidades relacionadas coa xenética. Estamos vivindo unha nova etapa da ciencia médica. Moitos dos avances deste século estarán centrados en analizar xeneticamente o ser humano e en relacionar estes coñecementos coas enfermidades para así poder determinar qué tratamento preventivo e curativo convén para cada unha.

Falar de enxeñería xenética suscita moito respecto. Adela Cortina, catedrática de Ética e Filosofía Política, avogaba nesta revista porque a ética estivese presente en todo o proceso do desenvolvemento científico, e non só no resultado final. Desde o outro lado da barreira, ¿cal é a súa postura?

 Ó poñer en marcha certas investigacións que se poden enfrontar á ética, son os propios científicos os que buscan o amparo legal e as garantías morais. A comezos dos 70, nos inicios da enxeñería xenética, os científicos promulgaron un foco no que se reuniron con políticos, biólogos, xuristas e estudiosos da ética para acordaren unha serie de medidas que determinaron qué tipo de investigacións se ían emprender e en qué condicións se podían face-los experimentos. Co paso do tempo, viuse que algunhas daquelas medidas eran demasiado extremas e fóronse flexibilizando. De calquera xeito, a ciencia avanza máis axiña cás institucións ou cás leis, e aínda que ten que se preocupar por non vulnera-la sensibilidade moral, tamén debe esixirlle á outra parte, ás leis e á ética, que fagan un esforzo por non quedaren retrasadaa. O obxectivo é que non retarden avances importantes para a humanidade.

Outra polémica na boca de todos é a dos alimentos transxénicos.

Unha vez máis, evidénciase a falta de coñecementos da sociedade en xeral e de quen a informa en particular. As plantas transxénicas non son máis ca plantas normais ás que se lles incorporou un xene que lles confire ás sementes propiedades que lles permiten adaptarse a contornos inimigos ou sobrevivir en condicións perversas. É indiscutible que estas melloras converten os transxénicos en algo bo, posto que quen se beneficia directamente é a humanidade. Na Terra hai unha porcentaxe de solo cultivable que é limitada; mediante as plantas transxénicas pódese ampliar ese solo e converter en fértiles terras moi salinas ou áridas, co fin de alimentar a millóns de persoas. Tampouco estaría de máis lembrar que a mellora xenética das plantas é algo que se realizou ó longo de séculos, a diferencia é que antes se tardaba anos en modificar unha planta e agora tárdase días.

En liña con este debate xorde a necesidade, urxente na opinión dalgúns, de separa-la mercantilización da investigación. ¿Cando un resultado científico é patrimonio da humanidade ou un producto comercial da empresa que patrocina a investigación ou adquire a patente?

Poñamos un exemplo. No estudio e descubrimento do xenoma humano houbo un consorcio público que determinou a secuencia. Logrouno antes cá compañía privada que tamén perseguía ese obxectivo. O resultado da investigación, segundo o meu criterio, tiña un marcado carácter de patrimonio da humanidade. E non só por principios éticos, senón porque cientificamente se trataba de cubrir algo que xa existía, que non tiña un propietario. Pola contra, o que si é patentable son os desenvolvementos que as compañías poden obter a partir do seu coñecemento. As empresas farmacéuticas invisten moitos cartos e tempo en investigación. A dúbida aparece cando se producen desigualdades, e non avances cualitativos. Os fármacos contra o Sida non chegan a África e neste continente o virus está matando a metade da poboación. Os países desenvolvidos deberíanse concienciar e adoptar medidas para que estes medicamentos esenciais fosen alcanzables para a poboación dos países pobres que os necesitan con tanta urxencia.

Os investigadores españois levan décadas queixándose da escaseza de axudas públicas para a ciencia e os máis prometedores, incluso os máis eminentes e consolidados, víronse obrigados a emigrar a países máis receptivos, sempre os máis desenvolvidos do mundo. ¿Que medidas se deberían adoptar para que este capital intelectual e esa producción científica queden dentro das nosas fronteiras?

O primeiro é obvio: cómpre investir máis en investigación. O orzamento español colócanos nos últimos postos da Unión Europea, onde de media se gasta un 2% do PIB (producto interior bruto), mentres que en España estamos no 0,9%. Se non hai máis investimento, os investigadores que viaxan ó estranxeiro, sobre todo a xente nova que vai realizar unha tese doutoral, ten difícil o regreso. Os contratos Ramón y Cajal están aliviando esta diáspora, pero só dan entrada a grupos de traballo xa formados, e non contemplan o apoio a traballos independentes porque faltan tanto laboratorios como infraestructura.

Sen embargo, cada ano que pasa consolídase máis a convicción de que o futuro económico do noso país pasa ineludiblemente por aumentar, e moito, o investimento en I+D (innovación e desenvolvemento).

Eu iría máis lonxe. Un país sen investigación é un país sen desenvolvemento, posto que é a investigación básica a que orixina o desenvolvemento. As súas metas son impredicibles, non sabes por ónde vai saír, pero si podemos estar seguros de que ofrecerá resultados. Pode que estes sexan prácticos por si mesmos ou consigan afondar no coñecemento científico. Ochoa avogaba pola emoción de descubrir, de chegar a un plano de coñecemento no que ninguén estivera anteriormente. Iso éncheche de satisfacción, e se ademais os coñecementos levan a algunha aplicación, aínda mellor.

¿Cal foi a utilidade das súas investigacións sobre o fago Phi-29?

Este é un virus que infecta a Bacillus subtilis, unha bacteria non patóxena utilizada en biotecnoloxía. Cando o virus infecta esta bacteria destrúea, pero non produce problemas noutros organismos. O meu traballo centrouse nos mecanismos de duplicación do seu material xenético de maneira fiel e sen deixar posibilidade de erro, e controlar despois esa expresión. O Phi-29 é simple e doado de manipular; ten só vinte xenes, en comparación cos 100.000 que posúe o xenoma humano. Por outra banda, a proteína que estudiamos neste virus existe de modo similar noutros virus que causan enfermidades, como a poliomielite ou a hepatite B. Os nosos descubrimentos leváronnos a descubrir que a proteína, que replica o Denaviral, ten unhas propiedades fantásticas desde o punto de vista biotecnolóxico. Esta polimenasa está patentada e está sendo comercializada por unha compañía americana con rendementos moi interesantes, posto que serve para amplifica-lo ADN.

¿Isto é manipulación xenética?

Non. É amplifica-lo ADN para despois secuencialo e determinar enfermidades, ou aplicalo a estudios forenses. Trátase dunha análise xenética, pero non de manipulación.

Acadado o propósito logo de tantos anos de esforzo, ¿chega a necesidade de descansar?

Seguirei na miña profesión, non vou colga-la bata branca. Dirixo un grupo de 16 persoas. No laboratorio seguimos estudiando o fago e realízanse teses doutorais. Por certo, comentabamos que a miña condición de muller científica era unha particularidade. Agora sucede ó contrario, e a maioría das investigadoras son mulleres. ¿A razón? Aventuraríame a dicir que os homes buscan resultados máis inmediatos na súa vida. Cando un doutorando ou un alumno, sexa home ou muller, solicita desenvolve-la súa tese doutoral no laboratorio, enfróntoo á seria reflexión de se está disposto ou disposta a dedicarse ó 100% a isto; se non é así, non paga a pena que o intente. A investigación é demasiado sacrificada.

¿E que fai unha científica na RAE?

Antes da miña toma de posesión, que se produciu o 4 de xuño deste ano, asistía como vocal a unha comisión de vocabulario onde se discuten e definen os termos científicos, os que xorden e os que se adaptan doutras linguas, sobre todo da inglesa. Hai que traducilos o mellor que se poida e defini-lo concepto. Ocupar unha cadeira na Academia da Lingua foi consecuencia dunha actividade que xa desenvolvía.

Amais de co traballo, ¿con que se divirte?

Gústanme moito a música e a arte. Busco as ocasións para acudir a concertos e visitar exposicións. Cando era máis nova xogaba ó tenis, pero agora confórmome con anima-los tenistas desde o sofá. ¿O cine? Gústame, pero non a ciencia ficción; non podo crer nela, está moi lonxe de ser ciencia. Para evadirme da realidade gústame máis a ficción.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto