Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Maquinas de afeitar: A banda lubricante inflúe no afeitado, pero o cabezal basculante non

Só a metade destas coitelas desbotables evidenciou un avellentamento aceptable

 Analizáronse oito máquinas de afeitar desbotables, con prezos que abarcan desde os 33 céntimos de euro de Bic Twin Easy, ós 63 céntimos de euro de Gillette Blue II Plus Slalom. Se ben algunhas mulleres e homes as utilizan como método de depilación, nesta análise só se valorou a eficacia destas máquinas de afeitar no afeitado facial. Para o estudio, establecéronse tres categorías de máquinas de afeitar desbotables: as elementais sen extra ningún, as que incorporan banda lubricante, e as que teñen, amais desta banda, cabezal basculante.

As máquinas Gillette, malia a seren as máis caras, mereceron a mellor relación calidade-prezo nas tres categorías. E a Gillette Blue II Plus (con banda lubricante) é a mellor relación calidade-prezo de tódalas máquinas analizadas.

Coas máquinas non reutilizables (ou desbotables) pódese conseguir un afeitado máis apurado que coas máquinas eléctricas. Pero cando o seu fío se gasta, o usuario debe cambiar non só o cabezal, senón tódolos compoñentes da máquina. As oito mostras son de dobre folla, e difiren en aspectos como a existencia ou non dunha placa lubricante, dun cabezal basculante ou dun sistema antiescorregamento do mango.

Proba de laboratorio

As máquinas de afeitar máis elementais

Nesta categoría, a anchura do cabezal de Wilkinson Extra II Precision é a máis curta (9,8 milímetros), o que explica a súa mellor precisión en zonas estreitas como o bigote. BIC Twin Easy é a máis lixeira (4,4 gramos) e a máis manexable. Gillette Blue II ten as follas menos grosas (82 m, fronte a 100 m de Bic e Wilkinson), pero isto non inflúe na eficacia da folla. No tocante á forza de corte, nas cinco primeiras incisións case non se aprecian diferencias entre as tres máquinas. Sen embargo, ó sexto corte Wilkinson Extra II Precision non cortou o papel, senón que o rompeu. As outras dúas aguantaron dez cortes, pero demostraron un avellentamento considerable: Gillette Blue II (70%, o mellor das tres) e BIC Twin Easy (91%). BIC ofrece os ángulos de afeitado máis baixos (negativo) e, ó igual cá de Gillette, a forza necesaria para consegui-lo corte resulta elevada. As tres ofreceron sistemas para facilita-la súa limpeza, se ben a de Gillette foi a mellor valorada.

As que teñen banda lubricante

Novamente, a de Wilkinson (neste caso, Extra II Sensitive) ten o cabezal menos ancho, o que a converte na máis precisa para as zonas estreitas da cara do usuario. Con respecto ó peso, destaca outra vez a de Bic (aquí, Comfort Twin) por se-la máis liviá. Segundo a súa etiqueta, as tres incorporan vitamina E na súa banda lubricante. Gillette Blue II Plus ofrece as coitelas menos grosas (83 m), pero isto non afecta á súa eficacia.

A de Gillette e a de Bic demostran unha forza de corte e avellentamento aceptables. Gillette Blue II Plus obtén un 26% na proba de avellentamento e Bic Comfort Twin un 21%, as dúas notablemente inferiores ás das súas mesmas marcas sen banda lubricante. A de Wilkinson volve fallar, pero neste caso é levemente mellor, e rompe o papel ó oitavo corte, non ó sexto. As tres incorporan sistemas eficaces para facilita-la limpeza das follas.

As que contan con banda lubricante e cabezal basculante

Gillette Blue II Plus Slalom e Bic Softwin son moi semellantes nas súas dimensións, salvo na espesura das coitelas (82 m de Gillette fronte ós 100 m de Bic).

As dúas incorporan vitamina E e áloe vera á composición da súa banda lubricante, aínda que ámbalas substancias só estaban separadas na banda de Bic.

A de Gillette necesitou a menor forza para corta-lo papel (sensiblemente máis cá de Bic), aínda que no avellentamento as dúas demostraron boas aptitudes. Ámbalas dúas son doadas de limpar, se ben Gillette sobresae un pouco polas súas numerosas e amplas perforacións nas coitelas e na barra espaciadora.

Amais das probas analíticas de laboratorio, as oito máquinas foron avaliadas por un panel de usuarios que se afeitou cada dous días nas mesmas condicións.

Proba con usuarios

As máis elementais

 No tocante ó puramente estético, Wilkinson Extra II Precision é a que suscita a maior cantidade de valoracións positivas, seguida por Bic Twin Easy. Gillette Blue II é a que obtén a puntuación máis modesta neste apartado.

Os cabezais das máquinas Wilkinson e Gillette son os máis cómodos. Wilkinson destaca, ademais, pola boa curvatura do seu mango, máis ergonómico. Bic é, unanimemente, a máis eficaz no afeitado e na ausencia de cortes, seguida de Gillette. As máis doadas de limpar son Gillette e Wilkinson (botón aclara-follas). Bic resultou a peor valorada neste apartado.

Tralo afeitado, os usuarios preferiron o benestar (suavidade, apurado e ausencia de irritacións) deixado na pel por Wilkinson e Gillette, fronte ó de Bic.

As que teñen banda lubricante

Esteticamente, as tres máquinas con dúas coitelas e placa lubricante son semellantes. As máis doadas de usar son as de Wilkinson e Gillette, que quedaron lixeiramente mellor ca Bic. O cabezal de Gillette destacou pola súa comodidade. No tocante á eficacia de corte, Gillette é a mellor valorada, seguida de Wilkinson. Bic obtivo a peor valoración polo seu mal comportamento no apartado "ausencia de cortes". Non se atoparon diferencias entre as tres bandas lubricantes, aínda que si as houbo entre as máquinas que incorporaban unha banda destas características (que si demostrou mellora-lo coidado da pel) e as que non o facían.

Á hora da limpeza, Gillette (perforacións nas follas e barra espaciadora) e Wilkinson (botón aclara-follas) sitúanse por riba de Bic, que só presenta unha única perforación na parte superior da coitela. No benestar deixado sobre a pel (suavidade, apurado e ausencia de irritacións), volven destacar Gillette e Wilkinson.

As de banda lubricante e, ademais, cabezal basculante

Tampouco se atoparon entre as dúas máquinas analizadas diferencias estéticas significativas. A eficacia do corte e a eficacia da banda lubricante de Gillette Blue II Plus Slalom son mellor valoradas cás de Bic Softwin. Gillette ofrece un maior benestar na pel despois do afeitado.

Segundo esta proba práctica, o cabezal basculante non inflúe de xeito significativo na calidade do afeitado. A única diferencia co cabezal fixo é que a máquina se axeita ó contorno da cara sen facer traballa-lo pulso, polo que estas dúas máquinas resultan máis cómodas de usar.

En resumo, e xa falando en xeral, é dicir, nos tres tipos de máquinas, as de Gillette son as que demostraron unha mellor calidade. Wilkinson de dúas coitelas podía se-la mellor da súa categoría de non influí-lo mal avellentamento das súas follas (ó igual cá outra máquina de Wilkinson, rompía o papel no canto de cortalo antes dos dez cortes dos que se compuña a proba).

Bic obtivo uns resultados semellantes ó resto no grupo das dúas coitelas, pero demostrou un comportamento cualitativamente peor tanto no seu modelo con banda lubricante, coma no de banda lubricante e cabezal basculante.

Afeitado apurado

As máquinas de afeitar desbotables están formadas por unha parte plástica (polistireno) e por dúas culleriñas de ferro temperado inoxidable que unha barra plástica espaciadora mantén a igual distancia. O cortante das follas cóbrese cun elemento protector endurecido mediante a calor. Despois, enriquécese mediante un bombardeo electrónico de elementos metálicos que solidifican o fío da folla.

Para facilita-lo afeitado, cinco das oito máquinas analizadas dispoñen dunha banda lubricante na parte superior dos cabezais, que contén un producto cosmético composto por polietileno glicol (PEG) e outros aditivos conservantes (BHT), emolientes (que abrandan a barba, como o áloe vera) e vitamina E. Así, facilítase o afeitado e diminúese a irritación, conseguindo un maior coidado da pel. A proba práctica demostrou que esta banda lle proporciona calidade ó afeitado.

Pola súa banda, o cabezal basculante permite unha maior adaptación da máquina ó contorno da cara. Non obstante, este dispositivo non inflúe no apurado do afeitado, senón que só lle proporciona comodidade ó usuario, ó reduci-lo movemento de pulso necesario para percorre-lo rostro.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto