Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Método Pilates: Reforza-los músculos e concentra-la mente

Componse de exercicios que combinan forza, resistencia e flexibilidade co control mental

  Durante a Primeira Guerra Mundial o fisioterapeuta alemán Joseph Pilates ideou unha serie de exercicios lentos e controlados para rehabilitar a soldados lesionados. Cando o fixeron prisioneiro, el mesmo confiou no seu método ximnástico, que ó longo do tempo completou con 500 exercicios que combinaban forza, resistencia e flexibilidade amais de control mental. Pasados os anos, as súas táboas ximnásticas, acompañadas de pautas psíquicas, aplicáronse no adestramento de atletas, especialmente no daqueles con lesións nas costas e que tiñan que cura-la moral ó tempo cás vértebras. E a finais do século XX o método Pilates saltou á fama entre modelos, actrices e cantantes. Malia ó seu halo de glamour, revistas científicas de primeira orde aválano como unha opción aconsellable para quen busca alternativas no exercicio preventivo, e nos Estados Unidos e no Reino Unido forma parte das terapias de rehabilitación.

Traballa-la musculatura profunda

Aínda que os máis puristas aconsellan realiza-los 500 exercicios -coñecidos como o Caderno Mat- nun banco multifuncional equipado con pesas e pisos esvaradíos, igual de correcto é valerse só dunha colchoneta. O principal neste método, que para algúns alcanza a categoría de disciplina, é deixarse guiar por expertos especialmente preparados, pois aínda que non se trate dun procedemento médico é unha técnica delicada e complexa que debe ensinarse e aprenderse.

  Ó conter elementos de kinesioloxía (avaliación de cada músculo para coñece-lo nivel de tensión que almacena) convén ser prudente e evitar unha práctica indiscriminada ou mal guiada que pode causar lesións. O adestramento require unha fonda concentración que axuda a tomar conciencia do propio corpo, do seu funcionamento e debilidades, para aumenta-lo autocontrol e o coidado do físico. Son tamén indispensables os exercicios respiratorios, pois con eles se equilibra o esforzo e a relaxación. Pilates mantiña que en dez sesións se sente a diferencia, que en vinte sesións se ve a diferencia e que en trinta sesións se cambia o corpo. Sexa como sexa, no fondo agacha unha educación corporal que non só persegue traballa-los músculos superficiais, senón que aspira a alcanza-la musculatura profunda.

Control da mente e do corpo

Os movementos están baseados en seis principios: concentración, control, centralización, fluidez de movemento, precisión e respiración. Todo iso busca activa-lo sistema sanguíneo e o linfático, estirando cada músculo e tendón para lubrica-lo corpo obedecendo a unha táboa de exercicios mentres se controla a respiración. A súa práctica aumenta o control, a forza e a flexibilidade do corpo, respectando as articulacións e as costas.

Buscando a perfección

  O método Pilates é esixente e perfeccionista. Antes de comezar, o instructor debe analiza-la condición física do deportista, os seus desequilibrios, debilidades, problemas e necesidades. Iranse superando ós poucos distintas fases, sendo o control da respiración indispensable para activar cada músculo cun propósito específico. Trabállase polo miúdo cada engrenaxe do corpo para devolverlle funcionalidade e tirarlle o máximo rendemento. Os movementos son lentos e suaves; precisan unha concentración semellante á do ioga, o que serve tamén para liberar tensións e problemas.

Tamén terapia postular

Outra característica deste adestramento é a súa utilidade para corrixir malas posturas. Boa parte da súa función consiste en acadar unha correcta aliñación do corpo, fortalecendo os músculos abdominais, os oblicuos e a base das costas e os glúteos; isto é, os puntos fundamentais de apoio das persoas. Quen o practica gaña mobilidade e flexibilidade, e ata aumenta a calidade no sono, pois este método relaxa corpo e mente.

¿Quen o pode practicar?

Está aconsellado para mozos de vida sedentaria e persoas maiores que deben combate-la rixidez do seu corpo, pero calquera que non teña unha contraindicación médica pode practicalo. En Inglaterra é habitual que o sigan pacientes inmersos en procesos de rehabilitación ou que sufriron un accidente, en especial se a súa lesión se localiza na columna, xeonllo ou clavícula. Tamén axuda a superar lesións deportivas e a combate-la osteoporose.

Non é a panacea

Os beneficios do método Pilates son evidentes e foron referendados por especialistas médicos e fisioterapeutas; sen embargo, non hai que ver nestes movementos o milagre escultor do corpo. En ocasións véndese como un sistema que combate a celulite ou que moldea os corpos ata facer deles esveltos espellos do modelo de beleza actual, cando ese non é o seu obxectivo. Serve para osixena-los músculos e lograr que a persoa tome conciencia das súas articulacións. É unha práctica que relaxa e fortalece corpo e mente, pero como todo o relacionado coa saúde, cómpre contemplalo como un método que require seriedade, profesionalidade e compromiso do paciente.

Os exercicios

Hai que acudir a un especialista que introducirá o alumno no método e tutelará o seu desenvolvemento. Aínda que os exercicios parecen moi sinxelos e indoloros, a supervisión dun profesional tórnase fundamental. Non se trata de movementos de forza nin de resistencia, senón de exercicios de tensión e de estiramento de extremidades, nos que a forza parte do abdome e do torso. Cada movemento ten unha función específica e realízase cun estilo: a parsimonia muscular do tai chi, o ioga... Exercítase sempre a flexibilidade, pero unida ó control. As sesións realízanse en posición inclinada, sentada, de xeonllos ou deitada, para evitar lesións ou presións sobre os músculos e as articulacións. Os seus resultados compróbanse a curto prazo sen necesidade de se someter a sesións esgotadoras de exercicios. Tonifícanse os músculos, alóngase a espiña dorsal, mellora a postura, a circulación e créase unha figura máis compacta e estilizada.


Relacións deste contido

Descargar esta información en PDF

PDF: Fai clic aquí para Descargar esta información en PDF (167 Kb)

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto