Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os danos que poden ocasionar estas chuvias torrenciais non dependen só da súa intensidade, senón tamén do estado do chan
En setembro e en outubro algunhas das zonas da Península Ibérica ven o seu ceo cuberto de chuvieiras e treboadas de extraordinaria violencia e de pouca duración. Trátase da gota fría, resultado da suma de tres factores habituais nesta época do ano, especialmente na zona mediterránea: mar quente, atmosfera inestable na superficie e aire frío na altura. Catástrofes como as inundacións de Bilbao a finais de agosto de 1983 ou a rotura do Encoro de Tous (Valencia) en outubro de 1982 pasaron á memoria colectiva dun país que, tanto polas condicións climatolóxicas coma orográficas, está destinado a convivir coa estacional gota fría.
Así, en moi poucas horas pódense formar grandes nubes tormentosas que aínda que non teñan unha grande extensión horizontal poden medir máis de dez quilómetros de altura. Estas nubes descargan unha forte chuvia, normalmente acompañada dun grande aparato eléctrico e de sarabia. Sen embargo, algúns meteorólogos afirman que a gota fría non sempre vai asociada a chuvias intensas ou catastróficas.
Algúns especialistas prefiren utiliza-lo termo DINA ('Depresión Illada de Niveis Altos') para se referiren a este fenómeno meteorolóxico, xa que o de gota fría o consideran impreciso. O certo é que á marxe da denominación que se empregue, os danos que pode ocasionar este tipo de chuvias torrenciais non dependen unicamente da súa intensidade, senón tamén do estado do solo.
En ladeiras con moita pendente e desprovistas de vexetación, a auga corre moi rapidamente e arrastra con forza o solo, provocando unha grande erosión. Se, ademais, as ladeiras rematan nun val encaixonado, pódese formar unha gran riada que empurre con forza todo o que atopa. Na zona mediterránea española os leitos dos ríos a miúdo permanecen secos moitos meses ó ano e ocúpanse con cultivos ou con edificacións. Isto motiva que nas grandes enchentes os danos sexan maiores: por unha banda, porque se destrúe o que estaba alí construído; por outra, porque se impide a libre saída da auga e faise maior a enchente.
Pola contra, en ladeiras suaves e cubertas de vexetación, a auga que cae é freada polas plantas e absorbida máis doadamente polo chan, co que baixa pola ladeira menos auga e a menor velocidade. A erosión resulta así moito menor. De aí a importancia de mante-los bosques e a cuberta vexetal do terreo para previ-los danos que os fenómenos climatolóxicos violentos producen.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI