Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Jaume Vallcorba, editor de El Acantilado: "A misión da boa literatura é divertir"

 Jaume Vallcorba, galardoado co Premio Nacional ó Mellor Labor Editorial do 2002 concedido polo Ministerio de Educación, recíbenos no seu despacho da barcelonesa rúa Muntaner. A sede editorial de El Acantilado e Quardens Crema está nunha planta nobre, decorada en tons marfil e nas paredes sucédense fotografías do editor con importantes literatos actuais. O ambiente laboral de silencio, os diferentes estantes e a robustez do seu mobiliario responden á idea que calquera lector pode ter concibida dunha 'fábrica de libros'. Vallcorba saltou ós titulares cando no ano 2002 a Academia Sueca lle concedeu a un escritor descoñecido o premio Nobel de Literatura. Tratábase do húngaro Imre Hertész e a súa obra traducírase a poucas linguas, unha delas o español, gracias á aposta persoal do editor catalán. Unha acción moi en consonancia co obxectivo que se marcou cando se lanzou ó mundo editorial independente: recuperar vellos valores e apostar por escritores descoñecidos.

¿Lembra o primeiro libro que editou?

Perfectamente. Foi en 1979 e elixín a obra completa do poemario do escritor catalán do século XV, Osias Marco. A súa obra xa se recollera, pero sempre en volumes didácticos dirixidos a filólogos do catalán. Achega-los seus poemas ó gran público, afastándome do cariz académico que o arrodeara ata entón, foi para min un reto cumprido. Pódese dicir que son lector por paixón, teño moi pouco de escritor e cheguei a ser editor por casualidade. Desde logo, a miña condición de profesor universitario de literatura achegoume á posibilidade de editar e, cando xurdiu a oportunidade de crear unha editorial coherente co meu pensamento e coas miñas afeccións literarias, boteime a facelo.

Exactamente, ¿cal é a función dunha editorial independente como a súa?

Unha editorial é unha empresa, e como tal ten o propósito de pór en circulación libros para que se vendan, cos que se fai negocio. Pero tamén ten a función de preserva-lo patrimonio cultural e recuperar voces importantes para os lectores e para a historia da literatura.

Para iso cómpre contar con escritores. ¿Como se atopan coa editorial?

Existen dous camiños. Quen escribe en español manda o escrito ó despacho, ou faino o seu axente, na confianza de que aquí se len tódolos orixinais que chegan. Cada vez son máis, pero mentres poida seguireinos lendo, é algo que me divirte moito. Por outra banda, seleccionar un autor estranxeiro responde máis a unha decisión persoal movida por un coñecemento que se ten da súa obra a través da investigación dos movementos culturais que quedan reflectidos nos xornais e revistas de calidade de todo o mundo. A partir de aí, contáctase co autor ou co seu axente.

¿Aconteceu así con Kertész?

Efectivamente. O meu traballo habitual levoume a ler no "Novo Diario de Zurich" un artigo sobre Kertész e pareceume interesantísimo. Comecei a investigar e a casualidade quixo que ó lle preguntar por el ó traductor de alemán que traballa connosco, un chileno fillo da diáspora húngara, eloxiase a súa obra cheo de entusiasmo, mesmo por gusto tiña comezada a traducción de Kaddish por el hijo no nacido, a primeira novela súa que viu a luz en español. Prestoume máis libros traducidos ó alemán e comecei a ler El diario de Galeras, que publicaremos este vindeiro outubro. Fascinoume a súa escritura.

E converteuse no seu editor. ¿Era xa enxalzado no seu país, Hungría?

Non ho, en absoluto. De feito, cando deu a rolda de prensa ó se coñece-la concesión do Nobel, e á pregunta dun xornalista sobre o seu recoñecemento en Europa, botoume unha flor. Afirmou que en Hungría vendía pouco; que en Alemaña, algo máis, e que era España, gracias ó seu editor "tolo", onde mellor ía a súa difusión. Gustoume aquel detalle.

Imaxinemos a un lector que non pode investigar para decidir qué paga a pena ler. ¿Como non perderse na morea de títulos, autores e obras que aparecen cada día?

É difícil, porque a cantidade de novidades que ven a luz, que case se poderían contar por horas máis ca por días, é tan enorme que o lector se sente desconcertado. Un procedemento é, sen dúbida, que a elección xurda dunha conversa, da recomendación doutro lector. Pero tamén serve deixarse guiar por unha editorial. Penso en min mesmo como lector, e existen editoriais que sempre responderon á miña confianza, e achegarme a calquera título novo desas editoriais non me depara ningunha sorpresa desagradable. Pode que me interese máis ou menos, pero cumpre as miñas expectativas.

¿A boa literatura ten que ser complexa?

 De ningunha maneira. Cómpre non esquecermos que a misión da boa literatura é divertir. Trátase dunha diversión que nada ten que ver co concepto imperante na actualidade de saír dun mesmo. A lectura é o pracer de interiorizarse e afecta á propia condición do ser humano, ó que fai gozar, aínda que en ocasións esixa un esforzo intelectual. Pero non toda a lectura ten o mesmo calado. As novelas policiais non son profundas e, sen embargo, pertencen a un xénero que resulta moi enriquecedor, se cadra porque lidas na idade adulta supoñen unha regresión á infancia.

A unha infancia seguramente lectora. ¿Cal é a clave para chegar a ser un bo lector?

Eu tiven a gran sorte de que na casa dos meus pais non había un só libro prohibido na gran biblioteca e que para min ler era unha paixón, ata o extremo de que a miña nai me quitaba a lámpada da mesiña de noite para que non abusase. Lin daquela as novelas de Xulio Verne, A illa do tesouro, e incluso cando era aínda moi noviño algo de Shakespeare, comedias como o Mercador de Venecia. Pero en igualdade de oportunidades saen lectores compulsivos e outros que só len o BOE, ou nin sequera iso. Con isto quero dicir que non existe ningunha fórmula para converte-la lectura nunha paixón. Como método, só defendo a importancia de ler cun diccionario. Amais de que descubri-lo significado dunha palabra nova é algo fantástico, non se pode seguir unha lectura sen entender tódolos vocábulos. Unha das peores cousas que están acontecendo nas escolas é que os textos de lectura van acompañados dun glosario. A iso engádese o erro de dar a ler libros coñecidos na lingua que coñecen. Dificilmente os escolares van aprender nada que xa non saiban, nin se vai esperta-la súa curiosidade.

A feira do libro é un reclamo mercantil para promove-la lectura, pero existen correntes intelectuais que critican o feito de que produce máis público de libros ca lectores.

Para min, acudir á Casa de Campo de Madrid e estar na caseta da editorial durante a feira converteuse nunha cita ineludible. Divírtome escoitando ós lectores e ollando como follean os libros. Por suposto que me gustaría vender moitos libros, aínda que algúns só servisen para ocupar un espacio na biblioteca. Pero coido que a afirmación de que se merca máis do que se le oculta unha crítica ó snobismo ó que é de xustiza recoñecer certo mérito. Gracias a estas persoas intelectuais ou estetas, diversas correntes minoritarias que dificilmente ían poder ser de acceso popular abríronse ó gran público.

¿Que libros deben estar presentes nunha boa biblioteca?

É difícil facer unha selección. Depende da idade do lector, do seu momento vital, das circunstancias que o arrodean. Si me atrevería a facer unha listaxe do que se debe ler en idade escolar: O Lazarillo, Don Quixote, A illa do Tesouro, Robinson Crusoe... Pero hai tantos grandes autores... O que debería promoverse é a lectura, sen barreiras, e non intentar encadra-la literatura en francesa, española ou inglesa.

Pero non hai dúbida de que ler literatura traducida, ben traducida, é difícil.

O óptimo é le-la obra na súa lingua orixinal. Isto non é posible en moitas ocasións, sen embargo, as editoriais importantes coidan moito que as súas traduccións estean á altura do orixinal, que logren dárlle-lo ton, se-lo eco da voz do autor, non de quen traduce.

¿Como son os escritores?

Hai de todo. Non se pode defini-lo escritor. O único que os une é a estima á súa obra e o mimo que solicitan para ela, pero despois as súas personalidades son antagónicas. Hainos que só len e outros ós que lles gusta o cine; hainos que viven no campo e os que prefiren a cidade; os abstemios e os amigos do bo viño; os diúrnos e os noctámbulos; os viaxeiros e os sedentarios; os que agardan a inspiración e os que traballan para que os colla sentados.

¿Os libros son caros?

A afirmación á súa pregunta é unha das dúas coartadas dos non lectores. A outra é non ter tempo. Polo xeral, o prezo dun libro en España está por baixo do que se paga noutros países do Euro. Se o comparas coa entrada de cine, dun concerto ou dunha cea, coido que sae bastante ben parado.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto