Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Só o 32% dos centros visitados superan tódolos bloques do exame
Se resulta importante que calquera recinto ou edificio que acolle a persoas resulte seguro e cumpra estrictamente coas medidas e normativas de seguridade que lle son aplicables, a especial vulnerabilidade dos nenos converte as escolas nun tipo de centro en que a seguridade se torna indispensable. Cada ano, sempre en máis ocasións das desexables, difúndense noticias de accidentes en centros docentes con resultados máis ou menos graves. E aínda que os sucesos dramáticos son pouco frecuentes, menos alleos resultan para moitos pais os pequenos contratempos que os fillos sofren cada ano na escola: golpes e contusións, caídas, escordaduras.
Pero, ¿son sempre estes accidentes debidos ás trasnadas dos nenos e ó carácter pouco prevido dos máis cativos? Ou, dito doutro xeito, ¿adoptan os centros escolares as precaucións necesarias para minimizar no posible o risco de accidente dos nenos? En definitiva, preguntámonos, ó igual ca moitos pais, se as escolas que reciben a cotío os nosos fillos son seguras abondo?
Para responder esta cuestión, CONSUMER elaborou un informe que analizou a seguridade de 208 centros escolares de infantil, primaria e secundaria (120 públicos, 73 privados concertados e 15 privados) nas cidades e localidades próximas de Madrid, Barcelona, Málaga, Valencia, A Coruña, Bilbao, Alacante, San Sebastián, Vitoria, Almería, Pamplona, Oviedo e Murcia, mediante unha visita in situ e cubrindo un cuestionario individualizado. Como paso previo, estudiouse a lexislación vixente en materia de seguridade (Real Decreto 2177/1996, de 4 de outubro, referente ás "Condicións de protección contra os incendios nos edificios" e outras normativas), de aplicación ós centros escolares, e establecéronse, co asesoramento de expertos en seguridade, as variables que se ían estudiar. As visitas realizáronas a comezos de xullo técnicos de CONSUMER, identificados como tales, acompañados por un empregado -proposto por cada centro- que lles facilitou o acceso a tódalas zonas do centro: patio, cociña, comedor, ximnasio, aulas...
O informe divídese en dous apartados: por unha banda, a situación das instalacións (patios exteriores e zonas de lecer e deporte, clases, aseos, ximnasios, comedores, cociñas, etc.) do centro e, por outra, a prevención: sistemas de prevención, simulacros de incendio ou catástrofe, procedementos e protocolos de actuación en caso de sinistro, plans de formación de alumnos, profesores e persoal non docente, etc. Durante a visita, os técnicos desta revista fixaron a atención especialmente na seguridade fronte a unha hipotética evacuación do edificio e os perigos para a integridade física dos alumnos dentro do edificio e no contorno pertencente ó centro escolar.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI