Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Deterxentes para lavadora líquidos e en po: En po lavan mellor, pero contaminan máis

Tódolos deterxentes fallan ante tódolos tipos de mancha, pero en medida ben distinta

  Analizáronse oito deterxentes para lavadora (catro líquidos e catro en po) que custan desde os 20 céntimos de euro por lavado de Dixan e Colon líquidos ata os 27 céntimos de euro de Ariel en po. A mellor relación calidade-prezo é Dixan en po, o máis barato dos "en po" (0,23 euros) que obtén un ben en calidade de lavado, a súa etiqueta é completa e é dos menos contaminantes. Outra boa opción é Wipp po, unha migalla máis caro (0,25 euros por lavado), pero o de mellor calidade global. Entre os líquidos, a mellor opción é Dixan, un dos máis económicos e cunha calidade de lavado discreta pero aceptable.

Os deterxentes líquidos son máis sinxelos de dosificar e poden resultar máis cómodos polo seu menor peso e tamaño. Dixan e Wipp líquidos son máis espesos (tipo xel), e, xa que logo, máis difíciles de verter accidentalmente. Os catro deterxentes en po ofrecen 54 lavados, mentres que tres dos líquidos inclúen 44 doses. Ariel líquido quédase en 40 lavados, malia a ter medio litro máis có resto (4,5 litros fronte a 4 litros).

Para avalia-la calidade de lavado de cada deterxente xulgouse a súa eficacia ante diferentes tipos de manchas nun tecido de algodón e outro de mestura sintética. En tódolos casos as lavadoras foron da mesma marca e modelo, a auga estivo a 30º centígrados e a dureza da auga foi media (35º franceses). Utilizáronse en cada caso as doses de producto recomendadas polos propios fabricantes na etiquetaxe (110 gramos para os deterxentes en po e 90 mililitros para os líquidos, agás Ariel que recomenda 112 mililitros).

Probas de lavado

O poder de deterxencia mide a eliminación de manchas graxas e pigmentarias. Sobre o algodón aplicáronse aceite mineral, aceite vexetal, sebo, maonesa e manteiga, e o tecido sintético lixouse con barra de labios, aceite vexetal, aceite de cacahuete, graxa animal, sebo e maquillaxe. Os deterxentes en po ofrecen un poder de deterxencia superior ós líquidos en ámbolos tecidos (41% de eficacia en algodón e 51% en sintético dos "en po", fronte a un 33% de manchas eliminadas en algodón e 34% en sintético dos líquidos).

A actividade encimática mide a eliminación de manchas proteínicas e amilasas. Ó combater manchas de sangue, cacao, leite, herba, cacahuete, aliño e amidón, o único deterxente que alcanza o "moi ben" é Ariel líquido (o mellor en cinco das sete manchas, cun 50% de eficacia). Ariel e Wipp en po alcanzaron o "ben" ó obteren unha valoración media en tódolos casos. Dixan (po e líquido), Colon po e Wipp líquido só alcanzaron o "aceptable", mentres que Colon líquido suspendeu esta proba.

A eficacia de branqueo indica a capacidade para quitar manchas oxidables, neste caso, café, té, viño e froita. Os deterxentes líquidos parten en desvantaxe neste test, xa que non poden introducir na súa formulación axentes branqueantes oxidantes (non son estables nun medio acuoso). Por iso, os catro líquidos suspenden este apartado. Entre os "en po" tamén houbo diferencias: os mellores son Dixan e Wipp (moi ben), cunha media de 44% e 46% de manchas eliminadas. Ariel e Colon só acadan un "ben", cunha eficacia do 40%.

A cor abrancazada da roupa conséguese mediante os azulantes ópticos, substancias que absorben as radiacións ultravioletas substituíndoas por luz azul. O seu efecto mídese sometendo un tecido de algodón branco non azulado a tres lavados en condicións estándar (30º centígrados de temperatura e 25º franceses de dureza da auga) e comprobando a súa cor cun espectrofotocolorímetro. Wipp (po) e Colon (po e líquido) son os tres deterxentes que lavan máis branco.

Coidado das cores

  Para valora-lo efecto que os deterxentes exercen sobre as cores realizáronse dúas probas. Na de destinxido mídese a transferencia de cor entre prendas. Para iso lávanse dúas roupas iguais con deterxente e sen deterxente para coñecer cánta "cor" transfiren en cada caso (mídese nunhas condicións máis agresivas: 60º centígrados de temperatura e unha dureza da auga de 40º franceses). O que máis limita a transferencia de cores é Ariel líquido ("moi ben"), seguido dos líquidos Dixan e Wipp ("ben"). O deterxente líquido Colon e os catro en po son os máis agresivos coas cores.

Na proba de degradación de matiz, mediuse a perda de cor durante os lavados. Lávase cada prenda vinte veces a 60º centígrados e os resultados compáranse cos resultados obtidos nas mesmas condicións de lavado pero sen deterxente. Dixan e Wipp líquidos obteñen a valoración máis alta ("moi ben") mentres que os outros dous líquidos (Ariel e Colon) suspenden esta proba ("insuficiente").

De tódolos elementos que compoñen os deterxentes en po, os máis perigosos para o medio natural son os fosfatos, especialmente os tripolifosfatos. Utilízanse nos deterxentes para lavadoras polas súas propiedades anticalcarias; é dicir, neutralizan o cal da auga, que favorece a fixación das manchas e reduce a acción dos responsables da deterxencia, os tensioactivos. Pero, os fosfatos, amais deste efecto beneficioso, provocan a "eutrofización" da auga, un exceso de substancias nutritivas en lagos e encoros, que estimula a proliferación de plantas acuáticas, que xeran un déficit de osíxeno para a fauna subacuática.

Axente alternativo

Un axente alternativo ós fosfatos, e menos contaminante, son as ceolitas. As súas propiedades anticalcarias son menos eficaces, polo que tamén se lles engaden ós deterxentes policarboxilatos que non son inocuos, xa que resultan difíciles de biodegradar. As ceolitas son unha solución máis ecolóxica, pero son insolubles á auga e acumúlanse no fondo de lagos e ríos, cos conseguintes prexuízos á hora de potabiliza-la auga (téñense que tratar máis lodos). Outro compoñente tóxico dos deterxentes en po son os axentes de branqueo osixenados, que inhiben o crecemento das plantas acuáticas.

Os deterxentes líquidos non poden incluír axentes antical nin axentes de branqueo osixéneos, por non seren estables nun medio acuoso. Para superar este lastre, os deterxentes líquidos introducen nas súas formulacións tres ou catro veces máis cantidade de axentes tensioactivos que os mais deles se biodegradan, pero non son inofensivos.

Colon en po é o único deterxente dos analizados que utiliza fosfatos (tripolifosfatos, os máis contaminantes), e ademais en gran cantidade (24%). Os outros tres deterxentes en po utilizan ceolita como axente anticalcario, pero en moi diferente porcentaxe: Dixan (4,1%), Wipp (1,5%) e, a moita distancia, Ariel (18%).

Tódalas etiquetaxes foron correctas, aínda que houbo diferencias apreciables entre eles. Wipp e Colon (po e líquido) e Dixan xel non indicaron as temperaturas recomendadas para o lavado. Dixan e Colon líquidos non indicaron o tipo de roupa que se pode lavar. Colon líquido tampouco incluíu as recomendacións do Código de Boas Prácticas Ambientais.

Tipos de manchas

Cada tipo de mancha é distinto e require dun compoñente do deterxente diferente para ser eliminado.

  • Manchas graxas e pigmentarias: o poder de deterxencia é a capacidade para eliminar manchas graxas como as provocadas pola manteiga, a maonesa, o aceite de coche e a barra de labios. Os axentes encargados deste labor son os tensioactivos, que disolven a sucidade para que se desbote coa auga do aclarado.
  • Manchas proteínicas e amilasas: son as producidas, entre outros productos, polo sangue, o leite, o aliño, a suor, o chocolate ou a herba e elimínanse mediante a actividade encimática, é dicir, pola acción duns encimas (proteasas e amilasas) que cortan as cadeas de proteínas e amidón que compoñen a mancha para que poida ser expelida mediante a auga do aclarado.
  • Manchas oxidables: para eliminalas utilízanse branqueantes osixenados (como o perborato de sodio) que liberan o osíxeno das manchas para limpalas. Son deste tipo os "lamparóns" de café e té (os máis difíciles de eliminar, polos seus potentes taninos) e os da froita e do viño. A capacidade para acabar con este tipo de sucidade mide no deterxente a eficacia do branqueo.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto