Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A maior parte das habilidades para acadar unha vida satisfactoria son de carácter emocional, non intelectual
Aprendemos desde pequenos que o sentimentalismo (así se chamou o hábito de sentir a flor de pel as emocións e de amosar en público ese xeito de interpreta-las vivencias) era propio de persoas débiles, inmaturas, con déficit de autocontrol. Ademais, estendeuse no noso imaxinario colectivo o lugar común, machista coma poucos, de que as emocións ou -aínda máis- o pranto, pertencen ó ámbito do feminino. Sen embargo, todo evoluciona e vai gañando terreo a convicción de que vivi-las emocións é un elemento insubstituíble na maduración persoal e no desenvolvemento da intelixencia.
Temos moi en conta o noso espacio intelectual e non só lle dedicamos tempo e esforzo, senón que incluso a valoración que facemos dunha persoa pasa, en boa medida, polos seus coñecementos e habilidades intelectuais. Desde a educación, tanto regulada coma non académica, motivóusenos para que tirémo-lo máximo proveito dos nosos recursos intelectuais.
Ninguén discute a necesidade de adquirir coñecementos técnicos e culturais para prepararnos (e reciclarnos) para a vida profesional, pero nunha equivocada estratexia de prioridades esquecemos ás veces a importancia de educarnos para a vida emocional. Aprender a vivir é aprender a observar, a analizar, a utiliza-lo saber que imos acumulando co paso do tempo. Pero converternos en persoas maduras, equilibradas, responsables e, por qué non dicilo, felices na medida do posible, esíxenos tamén saber distinguir, describir e atende-los sentimentos. E iso significa contextualizalos, xerarquizalos, interpretalos e asumilos. Porque calquera das nosas reflexións ou actos nun momento determinado pódense ver "contaminados" polo noso estado de ánimo e interferir negativamente na resolución dun conflicto ou nunha decisión que temos que tomar.
Mima-lo noso momento emocional, aprender a expresa-los sentimentos sen agresividade e sen culpar a ninguén, pórlles nome, atendelos e saber cómo descargalos, é un dos eixes de interpretación do que nos acontece. Cada vez que dubidamos ante unha decisión, que nos propomos comprender unha situación, non facemos estas operacións como o faría un ordenador ou calquera outro enxeño de intelixencia artificial, senón que pomos en xogo, traemos a colación, toda a nosa bagaxe persoal (incluíndo o que nos puido pasar hai un cacho ou hai unhas horas) e o pesado fardo da nosa herdanza cultural. De aí que vivi-las nosas emocións é unha habilidade relacional que nos capacita como seres que se desenvolven nun contexto social. Só cando conectamos cos nosos sentimentos, cando os atendemos e xerarquizamos, somos capaces de empatizar cos sentimentos e circunstancias dos demais. Non é máis intelixente quen obtén mellores cualificacións nos seus estudios, senón quen pon en práctica habilidades que lle axudan a vivir en harmonía consigo mesmo e co seu contorno. A maior parte das habilidades para acadar unha vida satisfactoria son de carácter emocional, non intelectual. Os profesionais máis brillantes non son os que teñen o mellor expediente académico, senón os que souberon "buscarse a vida" e espremer ó máximo as súas habilidades.
Esta sociedade das "boas maneiras" e o control social fixeron de nós auténticos robots das aparencias. Na Universidade de Málaga os doutores Fernández Berrocal e Extremera abordaron a intelixencia emocional como a habilidade (esencial) das persoas para atender e percibi-los sentimentos de maneira axeitada e precisa, a capacidade para asimilalos e comprendelos adecuadamente e a destreza para regular e modifica-lo noso estado de ánimo ou o dos demais. Na intelixencia emocional contémplanse catro compoñentes:
Estas catro habilidades están ligadas entre si na medida en que é preciso ser conscientes de cáles son as nosas emocións se queremos vivilas adecuadamente.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI