Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Cómpre axustármonos ás datas e ós quilómetros que prevemos percorrer, pois de non cumprírmo-lo contrato todo son penalizacións
A opción de alugar un coche, tan utilizada por empresas, converteuse nunha alternativa cada vez máis demandada por particulares que, sen posuír coche propio ou temerosos de que o seu non chegue ó lugar elixido, desexan percorre-lo seu país ou visita-lo estranxeiro. Conscientes do peso que adquiriu este novo público, os departamentos de mercadotecnia destas compañías, xeralmente multinacionais con delegacións en practicamente tódolos países do mundo, amplían as súas miras comerciais no verán e ofertan paquetes adaptados a todo tipo de públicos.
Pero hai que cumprir dous requisitos para alugar un coche: ser maior de 25 anos e mais ter máis dun ano de antigüidade do carné de conducir. Ademais, convén axusta-lo máximo posible as datas e os quilómetros aproximados que se van percorrer, pois se non se cumpre o contrato todo son penalizacións. E outra cuestión fundamental para o consumidor: é un sector con moitas diferencias de prezos, paga a pena comparar tarifas.
O alugueiro dun vehículo sempre inclúe o seguro mínimo, con coberturas como accidente, roubo e morte ou danos do titular, así como dos ocupantes que viaxen no mesmo coche. Non hai que aboar cantidades extra por el, pero é habitual que teña franquía, que dependerá do tipo de vehículo. A dun coche da gama B, por exemplo, pode alcanza-los 480 euros. Iso significa que é probable que as reparacións máis económicas, normalmente sinistros de pouca entidade (rotura dun faro, pequenos croques ou rozaduras que danan a pintura), corran a cargo do cliente.
No tocante ás condicións do seguro a todo risco, varían enormemente en función da empresa de alugueiro. Nalgunhas este seguro é gratuíto, pero en caso de sinistro aplican unha franquía, nunca inferior ós 150 euros. Outras, en cambio, cobran á parte o seguro a todo risco e non fixan franquía ningunha para os partes de accidentes. Nestas últimas, un seguro destas características cun coche da gama C pode chegar a custar 200 euros, dependendo dos días de alugueiro.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI