Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Sandalias de trekking: As baratas son as máis interesantes

Algunhas non serven para terreos desiguais ou mollados

  Analizáronse oito modelos de sandalias de travesía de pel que custan desde os 51 euros de Nike Straprunner IV Leather, as máis baratas, ata os 80 euros de Teva Circuit Leather. A mellor relación calidade-prezo é Kenai Land de Adidas, a terceira máis barata, por ser sólida, resistente, confortable e recibi-la mellor valoración dos expertos. Outra boa opción é a de Nike, a máis barata, unha das de maior calidade, tamén sólida e resistente, pero discreta na proba de uso.

A aparición de novos materiais motivou a chegada de novos calzados de montaña, como as zapatillas de marcha ou as sandalias de travesía ou de trekking, que van máis alá das tradicionais botas. Estas sandalias diferéncianse das convencionais en que as solas están preparadas para longas camiñadas e en que teñen máis puntos de suxeición para que o calzado se manteña firme e suxeito ó pé e non abanee por moi esgrevios que sexan os terreos polos que se transite. Unha sandalia de travesía cómpre que sexa sólida e resistente, pero sen que iso afecte á comodidade de uso nin á seguridade que debe proporcionarlles ós músculos e ás articulacións. Tamén é conveniente que resulte o máis liviá posible: Nike é a máis lixeira, con 557 gramos, mentres que a de Salomón (883 gramos) é a máis pesada.

As oito sandalias foron valoradas por tres expertos que mediron a súa ergonomía (axuste das tiras, sistemas de atado, comportamento da parte superior da sandalia e deseño anatómico das tiras), resistencia e seguridade (suxeición ó pé e calidade do acabado do producto) e comodidade (adaptación rápida á sandalia, flexibilidade do producto, resistencia ós escorregóns, amarre do pé sobre a soleta e calidade do revestimento e das tiras). Todos estes aspectos puntuáronse de 1 a 5.

O que dixeron os expertos

  Adidas Kenai Land e Teva Circuit Leather, ámbalas dúas con 4,5 puntos, foron as mellor cualificadas, sobre todo pola súa comodidade. A puntuación máis baixa recaeu sobre Asolo Scrambler Raz (3 puntos) e Nike Straprunner IV Leather (3,4 puntos), cun resultado só aceptable. Asolo resultou "moi insatisfactoria" no axuste das tiras e na suxeición que a sandalia exerce sobre o pé, mentres que Nike non retén ben o talón nin a zona transversal e as súas tiras non teñen un deseño anatomicamente axeitado. Salomón (3,6 puntos) fallou no sistema de amarre (a súa presilla de plástico é fráxil e para abri-la parte traseira cómpren as dúas mans) e na suxeición do pé. Columbia (3,7 puntos), Merrel (3,9 puntos) e Timberland (3,9 puntos) quedaron en postos intermedios.

Para avalia-la solidez das oito sandalias analizouse a resistencia ó esgazamento dos diferentes materiais, a forza de suxeición do velcro e a resistencia á abrasión e forza de suxeición da sola exterior. Tódolos calzados acadaron un bo resultado en resistencia ó esgazamento, o que redunda positivamente na súa durabilidade. As probas realizadas consisten en somete-las diferentes partes das sandalias a fortes tensións ata rompelas. Nike e Timberland acadaron a puntuación máxima. Os elementos de amarre de Asolo e Salomón foron os máis discretos neste apartado (3 puntos sobre 5). Merrel, pola súa banda, suspendeu na resistencia ó esgazamento da sola (2 puntos de 5), polo que non é un calzado recomendable para camiñar sobre superficies desiguais ou abruptas.

Das seis sandalias que utilizan velcro como suxeición (todas agás Timberland e Salomón) cinco demostraron a máxima fixación mediante este sistema. Merrel foi a única que só logrou o aprobado (3 puntos sobre 5). No laboratorio mediuse tamén o desgaste (perda de volume) que sofre unha sola cando se arrastra sobre 40 metros de papel abrasivo. Canto menor sexa esa perda, máis resistente é a sola. As oito sandalias demostraron un comportamento moi satisfactorio, aínda que Salomón e Nike sobresaíron cunha perda de volume de só 48 mm3 e de 51 mm3 respectivamente, menos da metade ca Columbia, con 127 mm3, e ca Teva, con 115 mm3.

Resistentes pero con diferencias

Nike e Timberland son as sandalias máis resistentes, pois acadaron a máxima puntuación en tódalas probas. Merrel, malia a obter unha boa valoración global, é a menos resistente, sobre todo pola súa sola pouco resistente ó esgazamento.

Instintivamente, moitos consumidores dobran 45º o calzado antes de o probaren, aínda que este movemento de pouco serve xa que a zona do pé por onde se vai curva-la sandalia non é a ponte senón que se sitúa máis cara á punta. Unha sola flexible proporciona maior comodidade, polo que o laboratorio mediu a forza precisa para dobra-la sandalia 45º, segundo o eixe de flexión natural do pé (metatarso).

Canto menor sexa a forza precisa, maior é a flexibilidade da sandalia. Os modelos máis dúctiles son Asolo, Salomón, Teva e Timberland, os catro coa puntuación máxima. Merrel, pola contra, foi bastante máis ríxida e suspendeu neste test (2 puntos de 5).

Os materiais cos que se elabora a sola inflúen directamente na posibilidade de sufrir esvaróns. Para esta proba, as sandalias dispuxéronse nunha superficie de aceiro lubricada con glicerina. Merrel (5 puntos) foi a mellor, e Adidas, Asolo, Columbia, Nike e Salomón obtiveron tamén un bo resultado (4 puntos de 5). A sola da sandalia Teva obtivo unha resistencia ós escorregóns aceptable (3 puntos), mentres que a de Timberland suspendeu (2 puntos), polo que non se recomenda o seu uso en superficies molladas.

Protexe-lo pé

Ó camiñar, correr ou saltar o pé entra en contacto co chan a unha velocidade determinada e detense bruscamente. Unha sandalia debe amortece-lo choque da pisada para protexe-los músculos e articulacións. Neste ensaio, a sandalia colócase nunha forma metálica dunha mesa de impactos e aplícanselle choques controlados de 65 quilogramos para medi-la relación entre o golpe recibido e o golpe aplicado. Así, canto máis o amorteza, mellor será a sandalia.

Nike e Teva contan coas solas que máis absorben a enerxía dos impactos (amortecen o 40%), e Adidas, Asolo, Columbia, Merrel e Salomón tamén obtiveron resultados satisfactorios (sobre o 31%). Timberland (21%) é a sandalia con menor capacidade de absorción de impactos.

Para estima-la durabilidade deste tipo de calzado, calcúlase o coeficiente de rendemento de enerxía no talón, que mide a forza que o calzado lle devolve ó pé logo de cada pisada.

Para iso, comprímese a zona do talón cunha forma (400 decaNewton) para de seguido comprobar cómo volve ó seu ser e cánto tarda en facelo. Todas aprobaron, aínda que con diferencias: Columbia, Nike e Teva alcanzaron a valoración máxima, polo que se pode inferir que son as máis duradeiras. Asolo obtén a valoración máis modesta (3 puntos de 5). Adidas, Merrel, Salomón e Timberland obtiveron porcentaxes intermedias (todas 4 puntos).

En xeral, as sandalias máis cómodas son as de Teva, seguidas de preto por Adidas. As menos cómodas, aínda que tamén aceptables, son as de Salomón e Timberland.

Fronte á auga

Durante unha travesía é posible que as sandalias se mollen, pola chuvia, por unha poza, por atravesar un río ou somerxerse na auga mariña. Por iso, no laboratorio comprobouse a resistencia das tinturas empregadas fronte á auga doce e fronte á auga do mar. Nike e Adidas son as únicas sandalias con tinturas que non se desgastaron en ámbolos medios, e acadaron en tódolos casos a máxima puntuación. No resto, os colorantes utilizados nos revestimentos superiores aguantan máis cós das soletas. As tinturas das soletas de Asolo, Columbia e Teva descolóranse e destinxen o pé se entran en contacto con calquera tipo de auga. Salomón, pola súa banda, tivo un bo comportamento en auga doce, pero malo en auga salgada.

Para calcula-la auga que absorbe e evacúa unha sandalia somérxese durante unha hora e obsérvase cánto peso gaña. Logo, mídese fóra cánto tarda en perder ese líquido. O ideal é que gañe pouca gramaxe, e que a perda pouco despois de saír da auga. Adidas foi a única sandalia que obtivo un comportamento moi satisfactorio nesta proba, seguida de Teva, mentres que Salomón foi a máis discreta.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto