Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Cervexas "sen alcohol": Diferencias importantes: desde case un grao ata 0,03 graos de alcohol

Refrescan, achegan poucas calorías e pódense considerar un alimento saudable se se consomen con moderación

  A cervexa é a bebida que se obtén da fermentación alcohólica -mediante lévedos seleccionados- dun mosto de malta de cebada, só ou mesturado con outros cereais, ó que se lle engade lúpulo ou os seus derivados, e sometido a un proceso de cocción. Considéranse cervexas sen alcohol as dunha graduación alcohólica inferior ó 1% en volume. As tradicionais teñen entre 4 e 5 graos de alcohol (4%-5%/vol). O consumo de cervexa sen alcohol contribúe á hidratación do noso corpo e enriquece a dieta en vitaminas, minerais e substancias de acción antioxidante, polo que é unha bebida axeitada nunha dieta equilibrada e incluso en dietas adaptadas a certas alteracións ou enfermidades, debido ó seu baixo valor calórico e á case ausencia de alcohol e sodio.

Para elabora-la cervexa sen alcohol, os fabricantes parten da cervexa tradicional, da que se elimina o alcohol unha vez que se forma (destilación e ultrafiltración), ou mediante procesos específicos que reducen a formación do alcohol na fermentación, utilizando lévedos especiais ou diminuíndo o contido no mosto orixinal.

Os ingredientes

  A cervexa elabórase a partir de auga, malta de cebada, lúpulo e lévedos. Pero os lévedos, aínda que son esenciais porque realizan a fermentación da materia prima, ó non estaren presentes no producto final, non se consideran ingrediente. Malia a que estas catro materias primas abondan para elaborar unha boa cervexa, algúns fabricantes utilizan ademais cereais non maltados, antioxidantes (sulfitos, ácido cítrico, ácido ascórbico) e estabilizantes da escuma (alxinatos, entre outros). Bavaria, River e Ambar Green son as únicas sen aditivos, ó conteren exclusivamente auga, malta e lúpulo. San Miguel e Laiker empregan antioxidantes, Damm-Bier estabilizadores de escuma (E-405) e Buckler e Kaliber antioxidantes e estabilizadores (E-405 e E-224). A malta utilizada por Bavaria provén da cebada, mentres que River, Ambar Green, Laiker e Damm-Bier empregan outros cereais, como arroz e millo.

Buckler, por outra banda, é a única que, segundo a súa lista de ingredientes, engade aromas, e Ambar Green indica os lévedos como ingrediente malia a que non se atopan no producto.

¿Alimenta a cervexa?

A cervexa sen alcohol achega menos calorías cá tradicional, debido á reducción do contido en alcohol. Unha botella de 250 ml de cervexa "sen" ten entre 37 e 50 calorías, fronte ás 115 calorías das tradicionais. Por iso, o consumo moderado de cervexas sen alcohol é compatible con dietas de adelgazamento.

A cervexa é fundamentalmente auga (95%), con poucos hidratos de carbono (2,6%-4%) e aínda menos proteínas (0,2-0,3%), ambos procedentes da malta.

En minerais, salientan o potasio, o fósforo, o calcio, o magnesio e o silicio. A cervexa ten moi pouco sodio (uns 11 mg por botella), unha cantidade semellante á da auga potable, polo que se admite o seu consumo en dietas baixas en sodio indicadas para quen sofre de retención de líquidos, hipertensión ou alteracións cardiovasculares. Ademais, a súa relación entre as cantidades de potasio e sodio confírelle á cervexa unha importante acción diurética.

O seu contido en vitaminas é modesto, xa que só é boa fonte de ácido fólico (folatos ou vitamina B9). Unha botella proporciona o 6% da cantidade diaria recomendada de ácido fólico para persoas adultas e cobre o 3% das necesidades de vitamina B9 da muller embarazada e un 4% das da nai lactante. O ácido fólico asóciase á reducción do risco de anemia e malformacións na medula espiñal do feto durante o embarazo; é dicir, reduce o risco de espiña bífida.

O que dixo a análise

Segundo a norma aplicable, as cervexas teñen que cumprir algunhas características analíticas: graduación alcohólica (inferior ó 1% do volume e cumprimento de 0,0% e 0% nos productos en que así se indique), acidez total (máximo 0,3% expresado en ácido láctico), anhídrido sulfuroso (máximo: 20 miligramos por litro), cinzas (máximo: 0,4% en masa) e pH (valores entre 3,5 e 5). Todas cumpriron cos valores fixados no regulamento, agás Ambar Green que presentou 1,1% de alcohol, cando debe ser inferior ó 1%. Por iso, Ambar Green non se pode considerar en sentido estricto unha "cervexa sen alcohol".

Kaliber (0,95%), Laiker (0,85%) e Damm-Bier (0,85%) presentaron unha porcentaxe próxima ó máximo, mentres que River tiña un 0,35%. As de menor contido alcohólico foron as que se comercializan como 0,0%. Bavaria, cun 0,04%, San Miguel, con 0,03%, e Buckler, cun 0,05% de contido alcohólico. É dicir, que estas tres teñen un contido alcohólico moi inferior ó das outras cinco.

Por outra banda, River e Ambar Green foron as de máis proteínas, con 0,38 gramos cada 100 mililitros. No tocante ó contido en cinxas, que nos dá unha idea do contido en minerais dos alimentos, as maiores cantidades rexistráronse en Damm-Bier, San Miguel e River con 0,12 gramos cada 100 mililitros.

Outro parámetro analizado foi o anhídrido sulfuroso (sulfitos), de función antioxidante . A súa presencia pódese deber ó seu uso como aditivo, pero tamén a un composto natural derivado da fermentación e presente en cantidades ínfimas. A cantidade máxima admitida de sulfitos nas cervexas é de 20 mg/litro; se é inferior a 10 mg/l, considérase como ausencia de sulfitos. Sen embargo, a lexislación establece que cando o contido de alcohol sexa inferior a 1,2% (coma nestas 8 mostras) cómpre que sinalen tódolos ingredientes, aditivos incluídos. As oito cervexas presentaron unha cantidade de anhídrido sulfuroso inferior a 10 mg/litro, polo que os fabricantes non teñen a obriga de indicalo na súa etiquetaxe. Pero, segundo a súa lista de ingredientes, San Miguel, Laiker, Buckler e Kaliber conteñen o aditivo E-224.

Así e todo, e a xeito de resumo, pódese dicir que estas oito cervexas son semellantes desde o punto de vista analítico.

Etiquetaxe: incorreccións na embalaxe

Tódalas mostras analizadas adquiríronse en paquetes de 6 unidades. Por conseguinte, ó ser esta a unidade de venda (non é posible rompe-lo cartón e merca-las botellas soltas), a información obrigatoria debe figurar tamén no cartón que envolve as 6 botellas. Esta información consta de denominación de venda, cantidade neta, lista de ingredientes en orde decrecente, data de consumo preferente, nome e enderezo do fabricante e número de lote. Non é obrigatorio indica-la graduación alcohólica, xa que só deben facelo as bebidas con máis dun 1,2% de alcohol.

Unha vez revisadas as etiquetas, detectáronse bastantes irregularidades.
Bavaria non indica no cartón a empresa fabricante; Bavaria e Damm-Bier non indican a lista de ingredientes na embalaxe, Damm-Bier, River e Ambar Green non indican a data de consumo preferente na embalaxe. Malia a estar indicada nas botellas, esta última non era visible en todas elas, salvo que se rompese o cartón. Xa que logo, tampouco presentan no mesmo campo visual denominación de venda, cantidade neta e data de consumo preferente, incumprindo outro aspecto da normativa. Damm-Bier, River e Ambar Green tampouco indican o número de lote, malia a que sexa obrigatorio. Enténdese por lote o conxunto de unidades de venda dun producto alimenticio, producido, fabricado ou envasado en circunstancias practicamente idénticas.

Buckler e San Miguel tampouco indican na súa embalaxe o lote, pero, segundo a norma, esta indicación pode substituírse pola data de consumo preferente ou de caducidade sempre que teña o día e o mes indicados claramente e en orde, sendo este o caso de Buckler e San Miguel.

Continuando coas irregularidades, Ambar Green non indica a súa lista de ingredientes en orde decrecente de cantidade, xa que inclúe a auga en último lugar, cando representa o 95% do producto. Ademais sinala os lévedos como ingrediente cando non están presentes no producto final.

En resumo, só Kaliber, Laiker, Buckler e San Miguel locen unha etiquetaxe conforme á norma.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto