Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Párkinson: Non hai tratamento curativo, só paliativo

O gran reto dos afectados e dos seus familiares é a convivencia coa enfermidade

  Estímase que en España hai uns 110.000 afectados de Párkinson, unha enfermidade dexenerativa do sistema nervioso central, incurable na actualidade aínda que aliviable mediante fármacos ou neurocirurxía. Non é mortal nin conduce á demencia indefectiblemente, pero é progresiva e adoita rematar, aínda que non sempre, invalidando a persoa. Non é unha enfermidade nova e describiuna por primeira vez en 1817 Sir James Parkinson, que a chamou "parálise axitante".

Despois do Alzheimer, é a enfermidade neurodexenerativa con máis incidencia, sen facer distincións de raza nin de sexo. Dáse en calquera lugar do mundo e hai un lixeiro predominio no sexo masculino. A súa idade de comezo é arredor dos 55 anos. Afecta a 2 de cada 1000 persoas e a 2 de cada 100 entre os maiores de 65 anos. Un 20% dos afectados ten menos de 50 anos. Polo de agora non se pode previr, e considerando o incremento da esperanza de vida da poboación, semella probable que nun futuro a súa incidencia aumente.

Incógnita sobre a súa orixe

Descoñécese a orixe desta enfermidade, aínda que se barallaron diversas teorías para explicala, desde xenéticas e metabólicas ata as que implican certos tóxicos ambientais ou microtraumatismos cerebrais antigos na súa aparición. Sexa cal sexa a causa, o comezo dos síntomas que caracterizan esta patoloxía atópase na lesión da substancia negra do mesencéfalo, nos ganglios basais e na área extrapiramidal do cerebro, zonas que controlan e coordinan os movementos. Parece ser que se produce unha diminución da dopamina cerebral, unha substancia que transmite impulsos dunhas células nerviosas a outras. A alteración deste sistema conduce a unha mala coordinación dos movementos musculares, o que provoca síntomas característicos como tremeres, rixidez muscular por hipertonía, lentitude dos movementos (bradicinesia) e trastornos do equilibrio, que son os catro criterios clínicos básicos para o seu diagnóstico.

Tremeres

De intensidade variable, o tremer parkinsoniano é rítmico, con predominio de repouso, polo xeral localizado en mans e antebrazos, e que se agudiza cos estados de ansiedade. Os afectados de Párkinson sofren rixidez muscular, polo que os seus músculos presentan unha resistencia aumentada ó estiramento: se se intenta estende-lo seu antebrazo, nótase certa resistencia e a descontracción dos músculos faise a xeito de sobresaltos, como se se tratase dunha roda dentada. Os seus movementos resultan lentos (bradicinesia) e torpes, e moitas veces pode haber falta de movemento (acinesia). Non cruzan as pernas nin teñen expresión na cara, polo que parece que o seu rostro non reflicte ningún xesto e é incapaz de amosar emocións. O seu corpo adoita estar un pouco dobrado cara a adiante, e os brazos pegados ó corpo cos cóbados e pulsos flexionados, o que fai que as mans se xunten á altura do embigo. A súa marcha é lenta, con pasos curtos e rápidos, e é característica a dificultade que teñen para comezala e rematala, xa que teñen problemas para pararen. Ó teren o corpo inclinado cara a adiante e desprazado o centro de gravidade, camiñan a unha velocidade cada vez maior para evitaren caer; é a marcha festinante, moi característica dos parkinsonianos. Cando permanecen parados adoitan ter mala estabilidade, parece que cambalean. Se sentan, estanse movendo de contino (acatisia). Cústalles erguerse da cama e da cadeira. A boca téñena case sempre aberta, e non a dan mantido pechada. A súa voz é baixa, monótona e teñen dificultade para escribir, comer ou realizar movementos finos coas mans. Moitas veces os dedos teñen un movemento rítmico, como se estivesen contando diñeiro. Aínda que non está demostrado que provoque demencia -se ben hai discusión ó respecto-, prodúcese certa deterioración intelectual nalgúns casos, que se caracteriza porque a velocidade de pensamento se vai facendo máis lenta (bradipsiquia) e por problemas para concentrarse en algo durante moito tempo. Hai desmotivación emocional, problemas de memoria -non tan severos coma no Alzheimer-, escasa flexibilidade mental, certa rixidez cognitiva e dificultade para planifica-las cousas ou atoparlles solucións ós problemas.

Tratamento paliativo

A enfermidade non ten tratamento curativo senón paliativo, para controla-los síntomas. O máis utilizado é a base de Levodopa, molécula que o cerebro utiliza para producir dopamina e que mellora a coordinación dos movementos. Este medicamento adóitase asociar a outros, como apomorfina, amantadina, selexilina, anticolinérxicos... A lista é longa, o que significa que non hai un realmente eficaz. A resposta individual ós fármacos é moi variable, por iso cómpre que o tratamento sexa individualizado, segundo as características do paciente e os síntomas predominantes en cada caso. O tratamento farmacolóxico é necesario, xa que o Párkinson non tratado é incapacitante e leva a unha morte prematura. Unha elevada porcentaxe de pacientes mellora claramente dos síntomas co tratamento, se ben cómpre aclarar que pode producir efectos secundarios como movementos involuntarios, náuseas e vómitos, sequidade de mucosas, desorientación, cambios de comportamento, alucinacións...

Convivir co Párkinson

  En casos graves e que non melloran co tratamento cómpre recorrer á cirurxía. Na actualidade hai procedementos cirúrxicos que modifican as alteracións cerebrais (palidotomía, estimulación subtalámica mediante electrodos, implantes celulares...).

Pero se o tratamento farmacolóxico é importante, non o son menos as medidas xerais que deben observar. É fundamental que tódolos enfermos de Párkinson poidan levar a cabo unha actividade física sostida e regular que lles poida proporcionar relaxación muscular e diminuí-lo nivel de nerviosismo, amais de eleva-lo seu estado de ánimo, a miúdo baixo e tendente á depresión. Cómpre que camiñen, axudados por outra persoa. Esa axuda precisarana tamén para outras actividades da vida cotiá como erguerse da cama, asearse, comer, vestirse... Hai que dota-lo enfermo de certos apoios para que poida desenvolve-la súa actividade con seguridade e sen riscos: barras e pasamáns en corredores da casa e no baño, cadeiras que os axuden a erguerse, servicios de mesa con mangos máis longos para que poidan comer máis facilmente... En definitiva, cómpre educalos e ensinalos a convivir co Párkinson, o que require un esforzo considerable por parte da familia. Moitas veces vaise requirir apoio psicolóxico. A fisioterapia e a ximnasia van moi ben, e non hai que deixar de lado actividades que poidan parecer máis esixentes, como natación, andar en bicicleta ou camiñadas longas, que amais de melloraren a mobilidade e a coordinación contribúen a mellora-la condición circulatoria. En cada caso e en función da severidade dos síntomas, o especialista terá que programa-las actividades máis axeitadas.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto