Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Desde 600 euros, sen incluí-la instalación, xa se poden atopar aparellos de aire acondicionado
Expertos en demótica e arquitectura de interiores sinalan que para combate-la calor do verán dentro do fogar é preciso acadar unha diferencia de arredor de 10 graos con respecto ó exterior. Un dos xeitos de conseguilo é utilizar un sistema de aire acondicionado, que permite rebaixa-la temperatura interior. Os especialistas aseguran que, considerando a capacidade de adaptación do corpo ás condicións climáticas e que nos meses de máis calor vestimos prendas máis lixeiras, unha temperatura de entre 21 e 25 graos é abonda para sentirse cómodo na casa ou na oficina. Menos graos non son saudables: os arrefriados que se atribúen ó aire acondicionado débense tanto ás baixas temperaturas ás que se utilizan estes aparellos como á proximidade dalgúns usuarios á corrente de aire frío, que sae a chorros a unha temperatura de entre 10 e 15 graos. E se a saúde non fose un argumento de peso para optar por esa temperatura, outro dato pode resultar persuasivo: por cada grao de máis que se arrefría unha casa, gástase un 8% máis de enerxía.
Un erro moi común é aplicarlle o termo aire acondicionado ó aire refrixerado e confundir acondicionar con climatizar. O aire refrixerado consiste en unidades equipadas con ventiladores que se limitan a proporcionar un fluxo de aire fresco filtrado. Para que o sistema de refrixeración sexa aire acondicionado debe estar composto por un conxunto de equipos que funcionen de maneira encadeada e que lle proporcionen aire controlado ó ambiente, seleccionando a temperatura. E se nos referimos a un climatizador, non se trata só de elixi-los graos mediante un aparello, senón de corrixi-la humidade do ambiente. Por iso, acondicionar unha vivenda non é o mesmo que climatizala. Xeralmente, os aparellos que acadan unha temperatura de entre 21 e 25 graos, chamada de confort, non están preparados para respectaren a humidade relativa de ambiente. Este sistema é moito máis complexo, bastante máis caro e non totalmente imprescindible nun fogar, onde só é preciso determinados meses ó ano.
Na colocación de aparellos domésticos de aire acondicionado, a miúdo co modelo split (un compresor que se sitúa no exterior e equipos evaporadores no interior) non é precisa unha obra excesiva. Pero é importante contar co permiso da comunidade de veciños, pois cumprirá utiliza-la fachada interior do edificio para coloca-lo compresor, e estar disposto a furar paredes por onde deben discorre-los desaugues, aínda que se disimulan con quenllas. Os profesionais precisan dous días para remata-la obra e o prezo anda arredor dos 800 euros. Un inconveniente recoñecido destes aparellos é que en rexións moi cálidas onde o transformador (normalmente situado no balcón ou fachada) permanece en contacto con temperaturas moi altas, as avarías son máis frecuentes, pois debe realizar moito máis traballo.
Cun gasto un pouco maior pódese instalar unha bomba de calor, que ofrece a vantaxe de poder utilizarse como calefacción en inverno e como aire acondicionado no verán. A súa tecnoloxía baséase no principio de Carnot, descuberto en 1824 e utilizado tamén para arrefria-lo frigorífico. O mecanismo componse dunha unidade exterior e doutra interior. A tarefa da bomba de calor é transportar calor cara ó interior ou cara ó exterior da casa, segundo se queira arrefriar ou quenta-la vivenda. Para a operación de refrixeración, o aire da casa pasa a través do tubo interno. Absórbese a calor do aire interior e o aire máis frío resultante vólvese facer circular pola casa a través dos conductos do sistema. A calor da casa sae polo tubo exterior. No caso da calefacción, a bomba de calor basicamente inverte o proceso de refrixeración para quenta-la casa durante o frío. O prezo do aparello é algo máis caro, depende do tamaño da habitación que se queira arrefriar, pero hai modelos no mercado desde 750 euros. A instalación e o seu prezo son semellantes ós dos aparellos de aire tradicionais.
No tocante ó consumo diario, as bombas de calor presentaban ata hai dous anos un grande inconveniente: o consumo excesivo de enerxía. Pero é precisamente neste campo onde maior desenvolvemento experimentaron e no que máis rendible se tornou o consumo. Unha unidade colocada nun dormitorio gasta uns 0.06 euros á hora e unha colocada nun comedor uns 0.09. Estes consumos son moito menores cós do microondas ou do lavalouzas.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI