Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Reflexionar sobre a influencia que certos pensamentos teñen sobre as nosas emocións e conductas axuda a que sexamos menos pesimistas
Relativamente a miúdo atopámonos con persoas instaladas perpetuamente na amargura, na tristeza, no pesimismo e no desinterese. A primeira pregunta que nos asalta cando nos atopamos con estas actitudes é se son o resultado dunha insistente acumulación de desgustos, mala sorte, decepcións, desenganos e fracasos ó longo de toda unha vida ou se máis ben se trata dunha opción voluntariamente elixida, dunha posición ante un mesmo e ante os demais que responde a percepcións moi subxectivas, opinións ou mesmo a un certo modo ético-estético de entende-las cousas. Todos coñecemos persoas empeñadas en atopa-lo lado negativo de todo o que acontece ó seu redor: son os pesimistas teimosos.
Calquera de nós ten motivos, case a cotío, para preocuparse ou entristecerse. Pero estraga-la vida a propósito é unha habilidade que se aprende, non abonda con sufrir experiencias negativas. O peor é que os que se obstinan en ve-lo lado negativo das cousas, amais de se tornaren persoas infelices, teñen unha penosa facilidade para lle amargaren a vida ós que están ó seu carón, especialmente se as víctimas son nenos ou mozos, ou dependen emocionalmente da persoa sempre insatisfeita.
As experiencias desagradables tenden a amarrarnos ó pasado e a inhibírno-lo futuro, porque nos condicionan e atemorizan. Simplificando un pouco, dará igual cómo nos vaian as cousas realmente, porque se amosamos unha predisposición negativa e pesimista, os momentos felices peneirarémolos en exceso e percibirémolos con desconfianza e reservas, sen anotalos ó noso "haber".
Normalmente, os amargados tenden a desempeña-lo papel de víctima, nun modo de comunicación interpersoal no que (case sempre para capta-la enerxía e atención dos outros), asumen un ou varios destes roles: o de perseguidor, que fai de malo, interroga, e é percibido coma un listo que o sabe todo e castiga ou humilla a quen cre que se equivoca; o de salvador, que busca que lle recoñezan o seu papel bondadoso, pero que á vez nos pasa constantemente factura de canto fai, eo de víctima, cunha concepción da supervivencia e da comunicación que é darlles mágoa ós demais, captando a súa atención mediante a exhibición do seu sufrimento.
Ocasionalmente -circunstancias sóbrannos para iso- todos podemos interpretar estes roles e iso non é negativo. O que fai periga-lo noso benestar emocional e o de quen nos arrodea é que desempeñemos eses papeis habitualmente. Paul Watzlawick, no seu libro "A arte de se amarga-la vida" (Herder, 1989, Barcelona), axúdanos a recoñece-lo noso estilo persoal fronte a determinadas situacións e bríndanos unha excelente oportunidade para reflexionarmos sobre os procedementos polos que unha persoa se vai construíndo unha vida infeliz. Watzlawick, recorrendo á ironía, enfróntanos coa maneira en que de xeito voluntario imos creando e consolidando a nosa infelicidade. O autor, sabedor da natureza contradictoria e paradoxal do ser humano, no canto de facilitar consellos para acada-la felicidade prefire divulgar fórmulas para conseguir que vivamos ancorados na desgracia. Naturalmente, o propósito é que o lector se decate do erro e reaccione de xeito contrario ó que propoñen eses consellos.
Estas recomendacións preséntanse cun ton irónico coa intención de esperta-la autocrítica e de que nos vexamos un pouco ridiculizados ante este tipo de pensamentos que nos invaden e determinan a nosa conducta ata o punto de nos amargaren a vida.
A psicoloxía científica propón sistemas para abordar este tipo de situacións. Un deles é a reestructuración cognitiva, unha técnica que ten como obxectivo identificar, analizar e modifica-las interpretacións ou pensamentos erróneos que os suxeitos experimentan en determinadas situacións ou teñen sobre outras persoas. Un pensamento é un diálogo con nós mesmos, que contén afirmacións sobre situacións, circunstancias, temas e persoas. Cada unha desas afirmacións é un pensamento, que podemos clasificar en dous grandes grupos: os positivos, que nos axudan a alcanza-los nosos obxectivos e tenden a crear emocións positivas e fan que nos sintamos ben; e os negativos, que obstaculizan o logro dos nosos obxectivos e xeran emocións negativas que fan que nos sintamos mal. Cada un deles pode ser á súa vez racional (se se apoia en datos reais e obxectivos) ou irracional, se non conta con suficientes datos reais e obxectivos en qué apoiarse ou se está en contradicción coa realidade.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI