Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Análise comparativa de toalliñas para bebé: As máis baratas son unha boa elección

Salvo na proba de uso, todas obtiveron resultados semellantes e satisfactorios

  Analizáronse sete recambios de toalliñas grosas para bebé, con prezos moi dispares: desde os tres céntimos de euro por unidade de Tragoncete ós sete céntimos de Mustela e Klorane. A mellor relación calidade-prezo é Tragoncete, por se-la toalliña máis barata, por acadar unha valoración intermedia na proba de uso e por ofrecer resultados semellantes ás outras toalliñas no resto de probas realizadas. Dodot Dermoactive, que custa un céntimo máis por unidade, é outra opción interesante, por se-la mellor valorada na proba de uso.

As toalliñas húmidas impregnadas con loción son cada vez máis habituais na limpeza dos bebés, como substitutivas da auga e do xabón á hora de cambiárlle-lo cueiro, de limpárlle-la cara trala comida ou para aseárlle-las mans. Sen embargo, o seu uso transcendeu do puramente infantil para converterse nunha opción válida para o día a día dos adultos, que as utilizan, por exemplo, para levar no coche a xeito de útil de limpeza de mans e cara.

Están compostas por un soporte (a toalliña en si) e maila loción que o impregna. Para elaborar ese pano tódalas mostras analizadas utilizan un material de tipo "tecido non tecido", que se obtén da compactación de fibras mediante diferentes sistemas (auga, calor...) sen necesidade de cosido.

pH adecuado

Unha pel sa -de bebé ou de adulto- ten un pH de 5,5 (é dicir, lixeiramente ácido), polo que a loción que impregna estas toalliñas será mellor canto máis se achegue a este valor. Nun adulto este dato é importante, pero cando se fala dun producto que se aplica directamente sobre a pel dun bebé que aínda non desenvolveu totalmente o seu sistema inmunolóxico, o pH tórnase fundamental, xa que un valor demasiado básico ou ácido podería ocasiona-la aparición de intolerancias cutáneas. As sete mostras demostraron valores de pH semellantes e correctos: entre 5,2 e 5,7.

Por outra banda, o extracto seco non é en si mesmo un parámetro de calidade, pero indica cánto hai de materias orgánicas e minerais na loción e cánto é simplemente auga. Klorane (6,6%) e Johnson's (6,4%) foron as toalliñas que máis extracto seco contiñan, e Tragoncete (0,5%) as que menos.

A teor dos resultados dos diferentes tests realizados, pódese asegurar que estas sete toalliñas para bebés son productos sans e seguros e que obtiveron resultados semellantes e satisfactorios no conxunto de parámetros analizados, agás na proba de uso na que si houbo diferencias significativas.

CONSUMER someteu as sete mostras a unha proba de uso por parte de oitenta consumidores habituais que os usaron sobre oitenta nenos, a metade nenos e a metade nenas. Cada tipo de toalliñas foi probado, polo menos, por trinta usuarios. Na valoración global, Dodot Dermoactive (7,7 puntos sobre 9) e Mustela (7,6 puntos sobre 9) obtiveron as puntuacións máis altas, seguidos por Johnson's, con 7,2 puntos. A nota máis baixa, aínda que satisfactoria, correspondeulle a Klorane (6,2 puntos), seguido de Huggies (6,5 puntos). Tragoncete (6,7 puntos) e Nenuco (6,6 puntos) alcanzaron valoracións medias.

Punto por punto

Dodot Dermoactive destacou pola facilidade de apertura do seu envase, polo aspecto, grosor e dimensións das toalliñas, pola cantidade adecuada de loción, facilidade de uso e pola boa sensación que queda na pel do neno (suave e non pegañenta) tralo seu uso. En Mustela gustaron tamén a facilidade de apertura do envase e as dimensións da toalliña, pero foi mellor ca Dodot no tipo e a intensidade do perfume, a solidez e resistencia da toalliña, a escasa pelusa que solta e a eficacia na limpeza da pel. Klorane e Huggies acadaron os peores resultados na maioría dos parámetros analizados. No apartado de limpeza da pel atopáronse diferencias significativas. O máis eficaz foi Mustela (8 puntos sobre 9) e Huggies o peor, aínda que tamén satisfactorio, con 6,6 puntos.

Na análise bacteriolóxica á que se someteron as sete mostras, que estudiou o estado hixiénico-sanitario das toalliñas, non se detectaron as bacterias máis susceptibles de aparecer nestes productos: mesófilos, lévedos e mofos. Ben, xa que logo.

O número de toalliñas por envase variou desde as 64 unidades de Huggies ata as 80 unidades de Tragoncete e Klorane. Dodot, Johnson's e Nenuco ofreceron 72 toalliñas e Mustela, o segundo con menos, 70 unidades. Para extrae-las toalliñas observáronse diferentes sistemas, que se diferencian fundamentalmente na maneira en que se pregan. Os paniños de Dodot, Korane e Johnson's están plisados dentro do estoxo de xeito entrelazado, polo que resultan máis sinxelos de sacar: ó extraer unha toalliña sae tamén o comezo da seguinte. Tragoncete, Nenuco, Mustela e Huggies optaron por un pregado máis incómodo, en Z, no que os paniños saen de un en un.

A importancia da brancura

Unha toalliña de cor branca proporciona sensación de pureza e de limpeza e é un elemento que os consumidores valoran moi positivamente. O test de fluorescencia demostrou que non utilizan branqueantes (como o azurante óptico) ou fibras recicladas, pero en tódalas mostras o nivel de brancura foi moi satisfactorio.

No tocante ás dimensións das toalliñas, as de Dodot (20,6 x 17,7 cm) foron as máis grandes e as de Nenuco as máis pequenas. Os panos de Huggies (xulgados polo 40% dos consumidores como demasiado espesos) foron moito máis grosos có resto, con 854 mm (microns, ou millonésima parte dun metro) mentres que os máis finos foron os de Klorane, con 363 mm. Os de Dodot foron os segundos máis grosos, aínda que moi lonxe dos primeiros, con 474 mm de espesura. Tragoncete, Johnson's, Nenuco e Mustela roldaron os 400 mm.

A cantidade de líquido das toalliñas coñécese mediante a súa taxa de impregnación. Mustela, o deste valor máis elevado (297%) ofreceu a maior cantidade de loción en cada toalliña. En segundo e terceiro lugar situáronse Huggies e Dodot, cunha taxa de impregnación do 287% e 283% respectivamente. A cantidade máis escasa de líquido por toalliña ofreceuna Johnson's, coa menor taxa de impregnación (249%), seguida de Klorane (258%). Tragoncete (277%) e Nenuco (278%) situáronse en proporcións intermedias.

No tocante á resistencia máxima das toalliñas, realizáronse dúas probas: unha aplicando forza no sentido lonxitudinal e outra no transversal. As diferencias non foron moi significativas, pero pódense distinguir tres grupos: as toalliñas de maior resistencia, Tragoncete, Johnson's e Mustela; as de resistencia media, Dodot, Klorane e Nenuco; e Huggies, as que menos forza soportan.

Seis toalliñas son do tipo hidroligadura ou spunlace, que se obtén do enmarañamento hidráulico dunha fibra viscosa e outra sintética. Este trenzado conséguese mediante un chorro de auga filtrada e desmineralizada a alta presión, con velocidades que alcanzan os 360 quilómetros por hora. As toalliñas Huggies son as únicas que non utilizan a hidroligadura, senón que forman o tecido unindo con calor fibras sintéticas e de celulosa no que se coñece como airlaid. Este tecido é menos suave cá hidroligadura utilizada nas outras seis mostras.

Estes dous sistemas de elaboración do tecido permiten que en ningunha das toalliñas sexan necesarias substancias químicas que actúen como axentes de liga para a unión das fibras, o que redunda nun producto de mellor calidade.

Irritación ocular

  Unha das probas de ensaio máis importantes para estes productos é a avaliación do potencial irritante das locións que impregnan cada toalliña. Para medilo realízase o test HET CAM, que indica o grao de irritación que causa cada mostra en contacto cos ollos (a tolerancia ocular) e non necesita facer probas sobre animais.

Este test realízase sobre unha membrana de ovo de galiña, previamente incubada durante 10 días. Esta membrana ten a particularidade de ser vascularizada (ten risco sanguíneo) e as súas características son semellantes ás do ollo humano. Aplícase a loción sobre a membrana e déixase actuar durante 20 segundos, para, posteriormente, lavala e observar durante 5 minutos a eventual aparición de fenómenos de irritación (hemorraxias, hiperemias, coagulación, etc.).

Esta proba realizouse sobre catro ovos por cada modelo de toalliña que se quería estudiar, para evitar desviacións conxunturais. Nas toalliñas para bebé analizadas, todas son ben toleradas, agás Huggies que só acada o aceptable.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto