Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

O goberno electrónico: Rematar co papelexo

Cumprir desde a casa con algúns trámites da Administración é xa unha realidade gracias a Internet

  Desde que no 2001 lanzou o plan Info XXI, o Goberno realizou un grande esforzo no desenvolvemento dos servicios públicos en Internet. E ese esforzo tivo o seu premio: España é o sexto país europeo que mellores servicios públicos lles ofrece ós cidadáns e ás empresas a través da Rede, segundo un recente estudio da consultora Cap Gemini Ernst & Young.

Cunha puntuación global do 64%, España sitúase por riba da media europea (60%) e supera a países como Francia, o Reino Unido ou Alemaña. Só hai un pequeno pero: os servicios ás empresas están máis desenvolvidos cós dirixidos ós cidadáns.

España destaca na funcionalidade e na accesibilidade de servicios como os impostos, as denuncias policiais, o acceso a catálogos de bibliotecas e a boletíns oficiais, información ós cidadáns, certificados de nacemento e matrimonio e servicios sanitarios.

Administracion.es

Esas son as xestións que máis realizan os españois desde o nacemento no 2001 de administracion.es (www.administracion.es), portal que exerce de intermediario virtual entre o cidadán e a Administración. A creación deste sitio web respondeu á intención do Goberno de elimina-lo papelexo e facerlle máis accesible ó cidadán os servicios públicos online nun só enderezo electrónico.

Pero o 'portal do cidadán' enfrontouse tralo seu lanzamento, o 30 de agosto do 2001, a un aluvión de críticas relacionadas co seu deseño e navegabilidade: os usuarios queixábanse da lentitude, de que fora deseñado con 'FrontPage' (ferramenta amateur de Microsoft) e da ausencia de sistemas de busca eficaces.

Un ano despois da súa inauguración, administracion.es mantiña aínda as súas claras deficiencias e os colectivos de internautas preguntaban polo destino dos dous millóns de euros que custou pólo en marcha. Agora mantén o que moitos internautas consideran un obsoleto sistema de frames e frecuentes erros de carga nas súas páxinas.

Con tódalas súas limitacións, administracion.es converteuse no punto de partida case obrigatorio para calquera cidadán ou empresa que desexe, por exemplo, face-la declaración da renda, descargar un formulario ou consulta-lo historial laboral a través de Internet.

No 'portal único' da Administración o usuario atopará enlaces con tódolos ministerios, organismos públicos, comunidades autónomas e coas principais corporacións locais, así como toda a información administrativa que desexe. Pero non abonda con entrar na páxina e facer un "clic" na xestión desexada. Se un cidadán quere cumprir coas obrigas que impón a Administración a través de Internet aínda terá que saír á rúa a realizar un último trámite: conseguir un certificado de usuario.

Para determinadas xestións administrativas (as máis importantes: aquelas que requiren funcións de cifrado e/ou identificación), o Estado esixe un certificado dixital persoal e intransferible que só proporciona a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

Consegui-lo certificado dixital

Calquera persoa ou empresa pode solicitalo conectándose á web da FNMT. Só haberá de introduci-lo NIF e o navegador xerará unha parella de claves, unha pública e outra privada. A clave pública, a canda o NIF, transmitirase á FNMT, mentres que a privada permanecerá no navegador do usuario, o que garante a confidencialidade e inviolabilidade das comunicacións que desde ese momento o usuario manteña coa Administración.

A FNMT devolverá un código de solicitude co que o usuario se ten que presentar nunha oficina de rexistro, acredita-la súa identidade e cubrir un formulario. De volta á casa, xa se pode descarga-lo certificado, que será válido durante dous anos. Unha vez obtido o primeiro, poderase renovar desde a Rede.

O pasado mes de febreiro, a Administración renovou a súa aposta polo 'goberno electrónico' ó anunciar que utilizará o email para enviar todo tipo de notificacións oficiais, desde unha multa ata unha citación xudicial, pasando pola solicitude dunha bolsa ou dun certificado de nacemento. O obxectivo do Goberno é suprimi-lo soporte papel: eliminar de maneira inmediata cinco millóns de certificados e axiliza-los trámites.

Mentres o papelexo exista, Internet non deixa de ser unha axuda: en sitios como Derecho.com atópase un directorio con tódalas administracións públicas de España e as oficinas onde realizar calquera tipo de tramitación.

Obstáculos no camiño

Se ben é certo que en España os servicios públicos dixitais son mellores cá media europea, aínda cómpre que mellore no grao de interacción cos cidadáns. O fracaso do plan Info XXI, certificado este mesmo mes por unha comisión de expertos encargada polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, demostra que queda traballo por facer para que a Administración electrónica sexa unha realidade.

As asociacións de internautas afirman que para que Internet se converta nun vínculo directo cos cidadáns nun prazo razoable, o Goberno debe non só moderniza-la súa propia Administración, senón potencia-lo uso e o coñecemento da Rede entre usuarios e empresas. Porque o verdadeiro lastre é a penetración de Internet na sociedade española. A contradicción é evidente: se a dispoñibilidade dos servicios públicos en Internet mellorou un 6% durante o segundo semestre do 2002, nese mesmo período o número de internautas descendeu en case 36.000 persoas.

Outro obstáculo é o desigual interese que suscita Internet en diferentes localidades e administracións. Algúns concellos xa fixeron posible que os cidadáns poidan consulta-las súas multas de tráfico ou realizar algunha xestión no Padrón Municipal de Habitantes a través da Rede, pero outros limitáronse a ofreceren información sobre en qué portelo se debe gardar cola. En moitos casos, a presencia dos servicios públicos en Internet non pasa de simple taboleiro de anuncios electrónico.

Navegar á carta

O punto de inicio
 www.administracion.es
Portal especializado que ofrece a máis completa información e enlaces a tódolos ministerios e organismos públicos. Imprescindible para calquera cidadán que utilice Internet para realizar xestións administrativas.

Os impostos
 www.agenciatributaria.es
A Axencia Tributaria foi o primeiro organismo oficial en ofrecerlles servicios ós cidadáns empregando un sistema de identificación dixital. O usuario, a través da Oficina Virtual (www.aeat.es) pode realizar online case tódalas xestións tributarias.

Certificado dixital
 www.cert.fnmt.es
Sitio web que o usuario haberá de visitar para obte-lo certificado dixital co que se relacionar coa Administración a través da Rede. O proceso é sinxelo e está bastante ben explicado.

Certificados e firmas digitales

Os certificados son uns arquivos que permiten identifica-las dúas partes que se conectan vía Internet, intercambiar unha clave coa que se codifican os datos que se transmiten entre os dous extremos e garanti-la confidencialidade desa clave. Tamén se utilizan para asinar electronicamente os documentos enviados.

O certificado é imprescindible para calquera servicio que esixa a remisión electrónica de datos. Estes servicios, coñecidos como RED, son xa moi numerosos: face-la declaración da renda, mercar Letras do Tesouro, xestionar multas, solicitar bolsas, consultarlle a vida laboral á Seguridade Social e moitos máis que se poden descubrir na listaxe de Servicios RED de administracion.es.


Relacións deste contido

Descargar esta información en PDF

PDF: Fai clic aquí para Descargar esta información en PDF (120 Kb)

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto