Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Sobreexposición a información sanitaria: O terror ó diagnóstico

  Unha das características que mellor define a nosa época é a sensibilización do cidadán cos temas que afectan á súa saúde: a alimentación equilibrada e saudable, a contaminación, o consumo de productos nocivos como o tabaco ou o alcohol, a necesidade de facer exercicio físico...

Esta preocupación social polos hábitos de vida saudables xerouse debido, entre outros, a tres elementos: un, o acceso xeneralizado a unha mellor calidade de vida, o aumento da esperanza de vida media e un modus vivendi máis confortable e seguro que nos converte en persoas máis conservadoras e precavidas; dous, as campañas educativas das autoridades sanitarias, e tres, o labor exercido desde os medios de comunicación. Centrándonos neste último aspecto, é sinxelo comprobar que tanto en xornais coma revistas, radios e Internet (da TV non se pode dici-lo mesmo, salvo excepcións) as informacións relacionadas coa saúde alcanzan un gran protagonismo; e non só no formato de noticias de actualidade ou en seccións específicas, senón tamén co rango de informacións de gran relevancia.

Así como os nosos pais só se preocupaban da súa saúde cando sobreviña a enfermidade, hoxe moitos adoptamos unha postura preventiva, coidando con esmero non só o noso aspecto externo senón tamén a alimentación e o benestar emocional. Outra manifestación deste fenómeno social é a atención minuciosa con que moitos cidadáns seguen os diversos síntomas que, alleos á normalidade, produce o seu organismo e poden ter significación médica. Hoxe vemos esta implicación do cidadán no coidado da súa saúde como algo natural e positivo, porque axuda a que intentemos adoptar hábitos de vida máis saudables e porque a detección temperá das patoloxías axuda case sempre a controlar e reduci-lo seu impacto na saúde do paciente.

O perigo de caer na obsesión e o temor

Pero non todo é positivo. Aínda que os máis dos que amosan interese ante as informacións relacionadas coa saúde fan unha lectura correcta destes coñecementos na medida en que adoptan estilos de vida saudables, algunhas persoas acábanse obsesionando coas enfermidades e traducen calquera síntoma en tal ou cal patoloxía; e outras viven atemorizadas ante a posibilidade de sufrir unha enfermidade grave e permanecen (excesivamente) atentos a calquera posible síntoma. Aínda que poidamos atribuír esta actitude ó hedonismo imperante, á procura do corpo perfecto imposto polas modas e a unha cultura, a nosa, que prefire vivir de costas á morte sen se preparar para afrontar con realismo e tempo abondo unha situación que ineludiblemente nos tocará sufrir, o certo é que o exceso de información sobre temas sanitarios conduce a algúns individuos a vivir en permanente estado de preocupación e a un síndrome de culpa que ten como principal repercusión, paradoxalmente, un empeoramento na súa calidade de vida. Se ben a maioría da poboación está capacitada para absorber e interiorizar positivamente todo este caudal de información sanitaria, sempre quedarán persoas para as que o coidado da saúde se chega a converter nunha obsesión. Non falamos da hipocondría (enfermidade psicolóxica crónica), senón dun terror sobredimensionado pero non completamente infundado, xa que está relacionado coa aparición de síntomas atribuíbles a enfermidades graves.

¿É mellor non estar tan informado?

Un dos efectos máis perniciosos desta sobreabundancia de información de temas sanitarios é que o cidadán se converta practicamente no seu propio médico. Como o sabe case todo... articula a súa propia cadea de solucións, o que pode significar desde a automedicación ata as interpretacións erróneas dos síntomas. Pero non todo remata aquí. Vexamos un exemplo elocuente: unha persoa comproba (recorrendo a enciclopedias, informacións de xornais ou revistas, ou de páxinas especializadas en Internet) cómo certos síntomas do seu organismo se poden asociar a un certo tipo de cancro. Sabe que debe acudir ó médico para someterse a unha revisión ou técnica de diagnóstico. Pero o coñecemento de toda esa información específica sumiuna nun estado de ansiedade e de medo ante a enfermidade que lle impide acudir ó médico. Deixa pasa-lo tempo e perde un tempo que podería ser precioso para trata-la enfermidade en caso de tela.

Unha persoa que non dispuxese de tanta información, no canto de facer mil e unha elucubracións acudiría directamente á consulta porque non "traduciu" os seus síntomas; limitouse a percibilos e a buscar información onde procede: no seu médico. Así, non só adoptou a decisión axeitada, senón que, ademais, aforrou as semanas de incerteza e de medo que padeceu o cidadán mellor informado

O diagnóstico é bo sempre

O síndrome cada vez máis estendido do terror ó diagnóstico, e en concreto a aqueles relacionados con enfermidades moi graves, é moi pernicioso. Quen o sofre debe intentar superalo, porque non só prexudica o seu equilibrio psicolóxico senón que na medida en que impide acudir á revisión, pode causar irreparables prexuízos na saúde. Para supera-lo medo á proba diagnóstica, poden servir estas oito reflexións e pautas:

  • Unha detección a tempo axuda a que a terapia posterior sexa máis efectiva.
  • Someterse ó diagnóstico nada ten que ver coa evolución da posible enfermidade. Se a padecemos, está aí e evoluciona ó seu propio ritmo.
  • Se imos adiando sine die a data da proba de diagnóstico, as posibilidades terapéuticas poden ir diminuíndo en eficacia e, ademais, non conseguiremos quitar da cabeza o problema, co que seremos víctimas da incerteza e do temor.
  • A mellor postura emocional ante unha proba de diagnóstico deste tipo é o optimismo prudente, xa que nos permitirá aturar mellor a incerteza durante o tempo que resta ata a realización da proba, e porque no caso de que o seu resultado sexa o menos desexado, estaremos cando menos un pouco preparados e non nos derrubaremos como o fariamos se nos atopasemos de súpeto cunha realidade tan dramática.
  • As revisións e diagnósticos relacionados con enfermidades graves deparan maioritariamente resultados tranquilizadores.
  • O medo e a incerteza son pésimos compañeiros de viaxe. Fannos máis túzaros, tristes e pesimistas. E acaba afectando á nosa calidade de vida e á de quen nos arrodea.
  • Afrontar (con serenidade ou sen ela) os momentos difíciles, e asumir con madurez e con responsabilidade os problemas convértenos en persoas máis fortes e confiadas nas súas posibilidades: reforza a nosa autoestima.
  • O medo que se experimenta, unha vez superado (mesmo cando o diagnóstico non sexa positivo) dános un novo sentido da vida, permítenos gozar máis da tranquilidade e dos pequenos praceres cotiáns. E concederlle transcendencia ó que realmente a ten, non a calquera cousa.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto