Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Zumes de laranxa envasados, a partir de concentrado: Non todos teñen a calidade esixible

  O consumidor ten á súa disposición unha ampla oferta de zumes de froita envasados que constitúen unha boa fonte de nutrientes e unha saudable opción para manter hidratado o organismo. Os avances técnicos no proceso de elaboración deste producto permiten que se conserven case tódalas substancias nutritivas da froita fresca e os métodos de conservación confírenlle unha longa vida útil. O mercado ofrece varios tipos de zumes dunha ou varias froitas, obtidos a partir de diversos procedementos tecnolóxicos: espremido con medios mecánicos, concentrado, deshidratado, cribado (puré), con auga e azucre (néctar), etc.

Esta análise estudiou sete zumes de laranxa obtidos a partir de concentrado de zume desta froita, envasados en cartóns. Na elaboración o fabricante utiliza concentrado de zume, que merca como materia prima, para incorporar despois a auga precisa para reconstituí-lo producto. O concentrado de zume pode proceder de diversos países e mesmo de mesturas de concentrados de distintas procedencias. Aínda que o fabricante poida descoñece-la composición exacta do producto, é responsable de fornecerse de materias primas de calidade que lle permitan conseguir un producto coas características organolépticas, de composición e hixiénico-sanitarias adecuadas.

Cómo se elaboran

Para acadar unha calidade óptima nos zumes de laranxa, cómpre controlar coidadosamente tanto o grao de madurez coma as variedades de laranxa empregadas. Antes de extrae-lo zume, lávanse as laranxas e elimínase o aceite da tona mediante un proceso mecánico. Na fábrica, o zume extráese mediante extractores "en liña". A froita chega ó extractor a través dunha cinta transportadora e colócase automaticamente na parte inferior da copa. Unha coitela de aceiro inoxidable corta un círculo de tona na parte superior do froito e outra coitela na parte inferior corta outra porción de tona. A copa superior e a inferior suxeitan o froito durante o proceso de espremido para evita-la súa rotura. A froita esmágase enteira e vértese o seu contido -a través do corte inferior a un colector. Nalgunhas fábricas centrifúgase o zume para elimina-la polpa, que se utilizará como subproducto. Despois da extracción, o zume sométese a procesos físicos ou químicos que inactivan as pectinasas (encimas), para evitar que diminúa a turbidez do zume. De seguido, aplícase un tratamento de conservación por calor. Deste xeito, obtense o "zume de laranxa". Nos zumes de laranxa a base de concentrado, este concentrado de zume obtense nos máis dos casos por evaporación baixo baleiro dunha parte de auga nun intercambiador de calor. O concentrado refrixérase ou conxélase e despois, xa na fábrica, reconstitúese. A concentración facilita o transporte e o almacenamento destes zumes. No envasado, e para evita-lo risco de contaminación, os zumes sométense a un segundo tratamento térmico e obtense así o "zume de laranxa a base de concentrado". No fogar, estes zumes consérvanse durante meses a temperatura ambiente, pero unha vez abertos débense conservar no frigorífico.

Vitamina C, a principal achega nutritiva

O zume de laranxa está composto fundamentalmente por auga, polo que resulta moi interesante para hidrata-lo noso organismo. O valor enerxético é baixo: 100 mililitros achegan 42 calorías. O seu nutriente máis abondoso, os hidratos de carbono, representa o 10% do producto e aparece a xeito de azucres: fructosa, glicosa e sacarosa). A proporción de graxas e de proteínas é escasa, non supera o 1% do contido.

A elaboración industrial destes zumes causa perdas dos azucres da froita. Para corrixi-lo sabor ácido, permítese a adición de azucre.

O principal mérito nutritivo dun zume de laranxa é o elevado contido en vitamina C, soluble en auga, que a penas se acumula no organismo, polo que cómpre inxerilo a cotío. As recomendacións de consumo de vitamina C son de 60 miligramos (mg) diarios para unha persoa adulta, aínda que en certas situacións se aconsella superar ese consumo de vitamina C: tabaquismo, alcoholismo, toma de anticonceptivos orais, embarazo e lactación e situacións de tensión. O contido en vitamina C do zume le laranxa acabado de obter representa entre 45 e 60 mg cada 100 mililitros. Debido ó tratamento térmico que sofren estes zumes industriais e ó seu prolongado almacenamento pódese producir unha perda de vitamina C. Para compensala, permítese a adición de ácido ascórbico (E-300). Estes zumes tamén conteñen ácido fólico, niacina ou vitamina B3, e sales minerais como o fósforo, o magnesio e o potasio. Para facelos máis atraentes para o consumidor, algúns fabricantes enriquecen os seus zumes con vitamina C. Nos estudiados, podemos diferenciar tres grupos no tocante a este punto: os de maior contido en vitamina C (nesta orde: Zumosol, Don Simón e Kasfruit) con máis de 65 mg/100 ml; os de nivel intermedio (Hero, La Verja e Juver), con máis de 35 mg/100 ml; e o de menos vitamina C, Cofrutos, con só 12 mg/100 ml, cantidade menor á previsible e tamén á recomendada para un zume de laranxa destas características.

A calidade, ben distinta duns a outros

A norma que se lles aplica ós zumes de laranxa é moi pouco estricta desde o punto de vista da calidade. Para avalia-la calidade destes sete zumes de laranxa adoptouse como referencia a guía de recomendacións da AIJN (Asociación Industrial de Zumes e Néctares), asumida polos máis dos fabricantes como un código de boas prácticas de elaboración.

Os parámetros de calidade estudiados permiten a detección de posibles fraudes: emprego de froitas distintas da laranxa, adición excesiva de auga, adición de azucre (permitida ata 15 gramos por litro) non declarada na etiquetaxe, ou utilización de aromas non procedentes da laranxa.

Nos graos brix, que indican a cantidade de zume real, non houbo grandes diferencias e os resultados foron correctos en tódalas mostras. No tocante ó pH e acidez, os valores tamén se revelaron semellantes e correctos.

Por outra banda, os resultados nas análises isotópicas, perfil de azucres (glicosa, fructosa, sacarosa, sorbitol, etc.) e de oligosacáridos (inulina, isomaltosa, maltosa e azucre invertido) permitiron comproba-la adición de azucre nos zumes de Don Simón, La Verja e Cofrutos. Esta adición está permitida cando se declare na etiqueta e non supere os 15 gramos por litro. La Verja e Cofrutos incumpren a norma ó non declararen esta adición.

Os valores obtidos na ratio ácido cítrico/isocítrico axustáronse ás recomendacións agás en Cofrutos, no que un elevado valor indica una adición de ácido cítrico incorrecta, xa que non se permite engadir ácido cítrico e azucre simultaneamente.

La Verja presentou valores de formol inferiores ós recomendados, o que parece indicar que a froita utilizada non estaba madura abondo ou se estragara coas xeadas.

Para detectar unha adición excesiva de auga estúdiase o perfil de minerais e a porcentaxe de extracto libre de azucre. En La Verja e Cofrutos anotouse o menor contido de froita no producto. E en Zumosol e Don Simón rexistrouse unha cantidade elevada de sodio. Neste caso, recoméndase investiga-la orixe do concentrado e o proceso tecnolóxico. E en La Verja e Cofrutos, os niveis de potasio (e en Cofrutos, tamén os de calcio), non chegan ós recomendados.

Ó se elaboraren a partir de concentrados de zumes ós que se lles eliminou a auga, unha vez reconstituídos, estes productos teñen permitida a adición de substancias aromatizantes que proveñan do concentrado de froita do que se trate ou doutro zume de froitas da mesma especie. A análise comprobou que os sete zumes empregan substancias aromáticas da laranxa (limoneno e alfa-terpenol). E do estudio do perfil de flavonoides (pigmentos naturais), dedúcese que en ningún zume dos analizados se empregou zume de froitas diferentes á laranxa.

En resumo, salienta a calidade de composición de Hero, Juver e Kasfruit. Pola súa banda, Zumosol e Don Simón -aínda que se desviaron das cantidades recomendadas para o sodio-, tamén ofrecen unha boa calidade. Pero La Verja e especialmente Cofrutos, amosaron unha calidade deficiente ó non cumpriren varias das recomendacións tomadas como referencia.

Para rematar, aínda que estes zumes de froita son alimentos de escaso risco sanitario (debido ó seu baixo pH e ó tratamento térmico que sofren), as sete mostras sometéronse a un control de esterilización para verifica-la ausencia de patóxenos. Como se agardaba, o estado hixiénico-sanitario de tódolos zumes foi correcto.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto