Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Medo ó compromiso: A autonomía e a responsabilidade vanse adquirindo desde a infancia

Os medos xorden a miúdo porque non estamos afeitos resolver os nosos problemas

  Os mozos de hoxe (unha terceira parte dos que teñen 30 anos viven aínda na casa dos seus proxenitores) pénsano moito antes de marchar do fogar familiar. E, todos en xeral, dámoslle mil voltas á cabeza antes de subscribir calquera compromiso que supoña unha atadura: hipotecarse mercando unha vivenda, consolidar unha relación sentimental, ter fillos, cambiar de lugar de residencia para acceder a un novo posto de traballo....

Este mundo de comodidades e seguridade no que vivimos fíxonos conservadores, receosos ante o futuro e dubitativos, introspectivos e, o que é peor, converteunos en persoas bastante inseguras e desconfiadas. Boa parte desta situación débese á educación protectora e permisiva que os pais das últimas xeracións lles proporcionaron ós seus fillos. Esa sensación de benestar a cambio de case nada e con tan poucos límites e obrigas actúa como freo ante o cambio, ó aumenta-lo nivel de prevención e esixencia ante as incertezas que xeran os cambios estructurais. Sen dúbida, hai barreiras obxectivas ante as que non se pode case intervir, como a carestía da vivenda ou a escaseza e baixa remuneración do traballo, que dificultan a toma das decisións relacionadas coa emancipación e co desenvolvemento persoal.

Pero hai só tres décadas, nin se vivía tan comodamente nin a xente tivera tanto tempo (antes da vida en parella e de ter descendencia) para se construír a si mesma, para defini-las súas preferencias e o seu propio estilo de vida. Crear unha familia ou marchar da casa dos pais supón renuncias importantes, que se poden ver abondo compensadas unha vez realizado o cambio, pero que fai que a xente cavile moito antes de toma-la decisión.

O medo ás obrigas e a perder independencia

Os problemas adoitan xurdir mesmo antes de que se chegue á convivencia coa parella: comezamos a preguntarnos se é "o momento axeitado", se estaremos "preparados para darmos un paso tan importante", se "non nos estaremos precipitando". A vida en parella comporta o risco ó fracaso amoroso, amais dun compromiso, unha comunidade de obxectivos, unha necesidade de tolerancia, comprensión, agarimo e atención permanente ó outro, unha mecánica de concesións mutuas, unha perda de liberdade individual na medida en que se deben acadar consensos. En suma, un conxunto de cambios que se se realizan espontaneamente e sen gran cálculo nos conducirán a novas circunstancias que iremos aturando como mellor poidamos, unhas veces con optimismo e outras coa resignación e madurez de quen modificou a súa vida e asume as repercusións dos seus actos. Pero, cando ante a expectativa do cambio, nos preguntamos unha e mil veces se non será máis o que perdemos có que gañamos e pode máis o temor ó fracaso cá expectativa ante o bo que está por vir, temos un problema.

Pero tamén, conforme se vai madurando, moitos tenden a ser máis realistas, comprensivos e xenerosos cos demais. Ó coñecérmonos mellor e ó estarmos máis familiarizados cos recunchos e limitacións do ser humano, amosámonos máis tolerantes e abertos.

O porqué do medo

  Algunha xente nova manifesta medo ó compromiso con outras persoas, e mesmo ó compromiso coa súa propia autonomía, temor a se responsabilizar, a vivir con independencia territorial e emocional con respecto ós seus pais; medo, en suma, a se facer cargo de si mesmos, a ser responsable dos seus actos, decisións e opinións. O medo revela normalmente unha desproporción entre a dimensión do que temos que afrontar e os recursos con que contamos para iso.

E non é abondo con dispor deses recursos, debemos ser conscientes da nosa capacidade e para iso é indispensable poñela en práctica. Aquí está o quid da cuestión. Os pais protexeron tanto os seus fillos, quixeron facilitarlles tanto o camiño, que non fixeron máis ca pórlle barreiras á súa evolución. Esqueceron que valerse por un mesmo e dotarse da capacidade de afronta-las dúbidas, os problemas e as dificultades, só se aprende desde unha autonomía de opinión e de acción, que se debe ir construíndo co transcurso dos anos. Os mozos deben ir xerando os seus propios recursos, experimentando as súas capacidades e comprobando que os erros son oportunidades de aprendizaxe para crear respostas máis eficaces e axeitadas. Un mozo que ignora as súas capacidades tenderá a ser inseguro e temeroso, a manifestar dependencia das persoas que o axudaron a resolve-los seus problemas. Unha cousa é axuda-los fillos e outra, ben distinta, realizar labores e adoptar decisións que lles corresponden a eles. O efecto desta equivocada actitude é evidente: non se emanciparán, tardarán máis en madurar e asumi-las competencias que lles corresponden, e mesmo se poderían aferrar a esa nenez (prolongada inconscientemente polos pais) tan pracenteira e exenta de responsabilidades. En suma, frearase o difícil camiño cara á súa autonomía como seres pensantes, libres e responsables. Ademais, pódeselles crear un alto nivel de esixencia cara ós demais e unha tendencia á vida doada e sen problemas, o que propicia unha escasa tolerancia ó fracaso, á disciplina e ó esforzo.

Educar para a autonomía e a responsabilidade

  • A principal misión dos pais é axudar e acompaña-los fillos a que se convertan en persoas autónomas e responsables.
  • Os pais son educadores, nunca amigos cos que o fundamental é "se levar ben".
  • A educación é un investimento a longo prazo no que nunca se deixa de facer "ingresos", e que lles esixe ós pais reflexión, disciplina, constancia, esforzo e moita paciencia.
  • A aplicación cotiá dunha correcta estratexia educativa pode xerar enfrontamentos entre pais e fillos que cómpre saber conducir.
  • Os pais que adoptan decisións que lles corresponden tomar ós seus fillos e que lles resolven tódolos seus problemas, xeran nos rapaces un déficit de autoestima e de capacidade para afrontaren os retos da vida.
  • Educar para que os fillos non amosen medo ante as obrigas e os compromisos é unha angueira incómoda, desagradecida e difícil. As receitas non existen, hai que atende-las peculiaridades de cada fillo.
  • Deixando a salvo valores innegociables (como o respecto, a solidariedade e a responsabilidade), a actitude máis axeitada dos pais é a que resulta activa, próxima, aberta, vixiante e respectuosa.
  • Dous exemplos de boa conducta educativa: deixa-lo neno de poucos meses chorar pola noite non lle permitindo durmir na cama dos pais, e "obrigar" a que os fillos, antes de solicitaren consello, reflexionen sobre as decisións que máis directamente lles afectan.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto