Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os dous son productos de aforro, pero con diferencias notables
O crecente avellentamento da poboación, a cada vez máis cuestionada sostibilidade do sistema de pensións tal e como está hoxe concibido, o atraso co que a mocidade se incorpora ó mercado laboral (e, polo tanto, comeza a cotizar á Seguridade Social) e a actual precariedade dos contratos de traballo configuran unha conxuntura difícil no tocante á posibilidade de cobrar unha pensión de xubilación dentro dalgunhas décadas. Hoxe, oito millóns de persoas cobran puntualmente as súas pensións, pero ¿farao de igual maneira quen ten agora menos de 40 anos?
Esta incerteza, alentada por moitos especialistas en economía e sistemas de pensións e mesmo pola propia Administración pública, fai que moitas persoas (e non só as que desenvolven traballos temporais ou mal pagados, ou quen cotiza pouco á Seguridade Social) se preocupen polo que cobrarán cando se xubilen e comecen a deseña-la xubilación en función das ofertas que lanzan as entidades bancarias e aseguradoras. Noutras palabras, como o sistema público de pensións non asegura unha xubilación tranquila no económico, son moitos os cidadáns que xa comezaron a aforrar para cando chegue o momento da inactividade laboral, porque temen que coa pensión non sexa abondo para manter un nivel de vida non excesivamente inferior ó de cando traballaban.
Os expertos aseguran que os 40 anos é a idade na que máis cidadáns se cuestionan subscribiren un plan de pensións ou de xubilación. Os dous son productos de aforro, pero con diferencias notables. Fundamentalmente, afectan á rendibilidade, ás vantaxes fiscais e á liquidez (posibilidade de recuperación total ou parcial dos cartos a partir do primeiro ano). Mentres que o plan de pensións nace en España como un modelo de previsión complementario ó sistema público -ás pensións que por lei o Estado paga, en realidade devolve, ós cidadáns- o plan de xubilación é independente da Administración. En España, os plans de pensións -máis estendidos cós de xubilación- son un producto financeiro relativamente novo; aparecen no ordenamento xurídico coa promulgación da Lei 8/87 do 8 de xuño de 1987.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI