Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Serve para algo máis que para quentar ou desconxelar alimentos
O estilo de vida de milleiros de persoas cambiou radicalmente desde que se introduciu nas nosas cociñas o forno microondas, ata o extremo de que moitos coidamos xa impensable non dispor deste aparello na casa. As bondades do microondas baséanse, fundamentalmente, na súa rapidez para quentar alimentos e na comodidade e sinxeleza do seu uso, o que permitiu que este electrodoméstico se adaptase perfectamente ó actual modo de vida, pouco dado a alardes culinarios e máis orientados a requentar e desconxelar alimentos xa preparados.
Pero o forno microondas ofrece moitas máis posibilidades ca quece-los alimentos, e pódese empregar mesmo para elaborar sofritos e salsas.
O forno microondas funciona de xeito totalmente distinto ó resto de fornos convencionais. Posúe unha fonte emisora de ondas electromagnéticas, as microondas, que provocan unha fricción entre as moléculas de auga do interior do alimento, o que produce calor que se transmite ó resto de moléculas por contacto. Así se quenta o alimento. As microondas penetran 1 ou 2 centímetros de profundidade e posteriormente a calor difúndese. A velocidade de quecemento é catro veces superior á dos fornos convencionais.
Para que os alimentos quezan, as microondas deben atravesa-lo propio alimento e os recipientes que os conteñen. Son axeitadas as vasillas de vidro, porcelana, louza, cerámica e as de plástico que indican explicitamente a súa compatibilidade coas microondas. Demostrouse que algúns plásticos, ó quecer, poden desprender parte dos seus compoñentes e poden resultar tóxicos, polo que se deben utilizar só recipientes que foran fabricados especialmente para seren usados nos fornos microondas (levan unha etiqueta ou símbolo que o indica). Serven como materiais auxiliares o papel absorbente, o filme transparente, as bolsas de cocción para forno, o papel de envolver e os moldes de papel. Nunca se deben empregar metais, incluído o papel de aluminio e os cubertos, xa que reflicten as microondas contra as paredes do forno e este pódese avariar. Acontece o mesmo coas vaixelas de cerámica con debuxos ou adornos con algún elemento metálico. O papel ou o cartón pódense queimar.
Rapidez na preparación das receitas
Os alimentos deshidratados ou con pouco contido en auga quentan antes cós máis líquidos, e pódense quentar excesivamente ou queimar se se cociñan a potencias moi altas. O microondas permite que os alimentos se desconxelen en poucos minutos á vez que as radiacións destrúen os xermes. Quenta directamente o alimento no seu propio recipiente ou cocíñao a unha velocidade incrible. Co fin de que a comida non arrefríe tan axiña, observación común entre moitos usuarios, os técnicos aseguran que se debe revolve-la comida unha ou dúas veces durante a cocción ou o cando se quenta, e deixala repousar uns 20 segundos unha vez que se apague o forno para que a temperatura se equilibre. O forno microondas fai posible a preparación de incontables pratos, de xeito perfecto e en tempos moi breves. É o caso de sofritos, prebes, salsas, primeiros pratos, sopas...
Comodidade
Pódese cociñar no mesmo recipiente que se usará despois para comer. Ademais, limpa-lo microondas só require pasarlles ás paredes un pano húmido con bicarbonato e limón.
Sabores máis naturais
Ó se coceren os alimentos no seu propio zume conservan os sales minerais e apréciase mellor o sabor real do alimento.
No tocante ó valor nutritivo dos alimentos, ata a data non se comprobou que as microondas provoquen maiores perdas nutritivas ca outros métodos de cocción tradicional. Mesmo no caso dos productos conxelados, ó se-la cocción máis rápida, redúcese a perda vitamínica. Ademais, os alimentos cócense no seu propio zume, de xeito que se reduce a perda de nutrientes que se produce cando se cociñan en medios líquidos.
Así e todo, debe manexarse con coidado á hora de cociñar distintos alimentos. O tempo de cocción no microondas calcúlase con relación ó volume de comida. Se se supera o tempo, os alimentos perden vitaminas e desnaturalízanse algúns dos seus compoñentes, como as proteínas. Comprobouse en moitos estudios que os alimentos cociñados con microondas teñen un aroma máis débil e menos agradable. E os alimentos non quedan nin torrados nin crocantes, agás que o aparello incorpore un torrador convencional.
O risco principal dos microondas non deriva da natureza das ondas electromagnéticas, senón da súa superior eficacia e potencia para quenta-los alimentos, o que pode provocar sobrequentamentos nos pratos e queimaduras diversas. Para disipar toda dúbida, a Organización Mundial da Saúde (O.M.S.), asegurou xa en 1992 que non existe ningunha proba científica de que a saúde dos consumidores de alimentos preparados nos fornos microondas corra algún risco, sempre que se sigan as instruccións do fabricante.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI