Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Canto menos se vexa o foco e máis o que se quere iluminar, mellor
Na cociña, tubos fluorescentes e doados de limpar; no cuarto de baño, focos potentes e unha pantalla nos laterais do espello que eviten sombras; no comedor, luces indirectas e suaves; no salón, combinación de lámpadas de luz baixa; nos corredores, apliques que iluminen os obxectos, e no recibidor, luces puntuais. Nos dormitorios, lámpadas. Esta é a fórmula para darlle luz a un fogar. A partir de aí as combinacións son múltiples, pero sempre haberán de lle dar resposta a dúas preguntas: qué queremos iluminar e con qué tipo de luz. Ámbalas cuestións determinarán o xeito de iluminármo-la nosa casa, un elemento ó que se lle presta escasa atención e que, sen embargo, define o espacio, o ambiente e mesmo o grao de confortabilidade dunha estancia. Búscase outorgar visibilidade, pero tamén acada-lo grao de iluminación axeitado para que a actividade que acolle cada estancia se poida realizar con seguridade e precisión. Canto menos se vexa o foco e máis o que busca iluminar, maior calidade de luz se consegue, e con iso maior grao de comodidade.
As luces xerais iluminan a estancia a través de tubos fluorescentes, lámpadas de pé que se dirixen ó teito, halóxenas ou apliques na parede. Trátase dunha luz potente aínda que difusa.
A cociña precisa unha luz homoxénea, ben de maneira directa colocada no teito ou sobre a zona de traballo, ou ámbalas fórmulas. Ó ser unha estancia en que a luz se mantén acesa de xeito prolongado, son idóneos os tubos fluorescentes, que se ben consomen máis enerxía no momento de acendelos, duran aproximadamente 8.000 horas e consomen arredor do 20% menos ca unha lámpada incandescente. Aínda que a decisión sobre a cantidade de luz coa que iluminar unha estancia é moi persoal, convén consultar cun especialista para non quedarmos curtos nin excedérmonos. A localización cardinal das habitacións e o uso que se faga delas determinarán en boa medida a súa iluminación. De pouco serve deixarse guiar por unha táboa que indique que para un salón de 18 metros cadrados se precisan 400 vatios, se non se contempla que o salón é moi horizontal ou moi cadrado. Axudado por un aparello que mide a luminaria, o electricista ocuparase de aconsellarnos sobre a forza de luz que precisa unha habitación para estar iluminada. Pero non hai regras. Será o dono da vivenda quen decida se prefire ambientes moi luminosos ou máis ben tenues.
Un espacio cun teito moi baixo pode dar unha sensación abafante, pero suavizarase se se ilumina intensamente o teito. A habitación ensancharase considerablemente, aínda que reducirá a súa profundidade. En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI