Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

A psicanálise: Estudia-la "caixa negra" do noso pasado

  Quen acode a un psicólogo na procura de axuda descríbelle os seus síntomas (depresión, ansiedade, angustia, medo...), e o habitual é que descoñeza tanto as causas dos seus problemas coma o xeito de resolvelos.

A peculiaridade da psicanálise é que lle desvela ó paciente conflictos inconscientes que este descoñece e é incapaz de descubrir por si mesmo pero que están marcando a súa vida. A psicanálise axuda a que o individuo dea cos cambios que debe aplicar na súa vida para resolve-los problemas que danan o seu equilibrio emocional e o seu benestar. Pero, amais dun método terapéutico, a psicanálise é unha teoría que explica a conducta humana recorrendo á investigación dos procesos mentais inconscientes. As técnicas da psicanálise desenvolveunas o máis célebre dos psiconeurólogos, Sigmund Freud, que descubriu a existencia de procesos psíquicos inconscientes que se rexen por leis distintas cás dos procesos conscientes.

Un condicionante: a confianza

Hai un condicionante que marcará o éxito ou fracaso desta terapia: que a persoa estea disposta a analiza-lo seu mundo interior desvelándolle a un perfecto descoñecido as súas lembranzas, complexos, frustracións e sentimentos máis íntimos e persoais. A confianza no psicanalista tórnase imprescindible, por iso convén que lle dediquemos tempo a elixilo ben. Informémonos sobre o seu prestixio profesional e sobre os seus métodos. Pero unha vez no diván, cómpre deixar á parte ós receos, e amosármonos abertos a unha terapia que investiga no noso inconsciente e pode desvelar traumas, erros e obsesións do pasado que reprimimos e esquecemos, ben por pragmatismo, ben porque non lles concedémo-la importancia que exercen en nós.

O psicanalista escoitaranos para valorar se este é o tipo de intervención que procede aplicar. Nas sesións, normalmente dunha hora e unha vez á semana, o cliente di todo o que lle vén á cabeza. O especialista (dotado de capacidade técnica e persoal para que os datos inconscientes afloren á conciencia do paciente) anota esas informacións e elabora un plan de traballo. O cliente, tras coñece-las causas ocultas orixe do problema, intervén no seu proceso de recuperación. Outras teorías, como a conductista, non cren na "caixa negra" do noso pasado e buscan os resultados terapéuticos a partir do presente e do consciente.

O inconsciente e os síntomas

A psicanálise é o saber despregado arredor do inconsciente. As súas investigacións levaron a Freud a comprender que se unha persoa era capaz de admitir eses contidos inconscientes podían desaparece-los síntomas que danan o benestar psicolóxico, pero observou que era difícil conseguilo, xa que o paciente opuña resistencias. De aí a necesidade de crear un dispositivo para vencer eses freos. Para a psicanálise, un síntoma é o dato que revela que algo non vai ben. A partir deses síntomas e das interpretacións facilitadas polo terapeuta, o individuo comeza a se descubrir, a se conciliar consigo mesmo e a dar coas claves que lle permitirán configurar mellor a súa personalidade. Segundo a teoría psicanalítica, descubri-lo inconsciente alivia os síntomas e permite un cambio profundo na persoa, que descobre que estivo levando unha vida afastada das súas necesidades, obxectivos, desexos ou preferencias, e axúdao a tomar decisións orientadas a que a súa vida se achegue máis a eles.

Desexo e represión

A psicanálise concédelle grande importancia a cómo cada persoa satisfai os seus desexos. O desexo é o pulo para comezármo-las nosas accións. Se se satisfai, proporciona benestar. Pero se os desexos non se realizan, poden aparece-los traumas. Segundo a psicanálise o noso inconsciente ignora esas frustracións causadas polos desexos non acadados, xa que non facelo nos produciría unha angustia permanente. Freud denominou "represión" a esa barreira protectora. Se esa represión ten éxito, non lembrarémo-lo que produciu o trauma e non nos poderemos defender dos síntomas que xera. O que fai a psicanálise é precisamente iso: descubrirlle ó paciente non só os seus traumas senón tamén as razóns da represión e doutros mecanismos de defensa que impiden que afloren eses traumas. Despois, e xa de modo consciente, deberá elaborar conductas que lle permitan elimina-los síntomas (fobias, ansiedade, depresión...) que o conduciron ata a consulta.

Cándo acudir ó psicanalista

  • O psicanalista non ten por qué se-la última opción, tralo fracaso co psiquiatra ou co psicólogo convencional. Cando o sufrimento emocional nos impida levar unha vida normal, podemos acudir directamente ó psicanalista.
  • Como calquera outro sistema terapéutico, a psicanálise é boa na medida en que lle resulta útil a quen recorre a el.
  • ¿É imprescindible coñece-las causas profundas do noso malestar para soluciona-lo problema, ou é mellor atoparnos primeiro ben e despois busca-las causas? Este é un vello debate. Hai quen pensa que o máis práctico é soluciona-los síntomas graves, e xa máis optimistas e asentados, busca-las causas a través da psicanálise.
  • Na psicanálise descóbrense e trabállanse estructuras psicolóxicas inconscientes que nos estaban facendo dano. A partir de aí, comeza un proceso de reconstrucción da personalidade. O paciente é o protagonista do seu propio proceso e débese converter no dono da situación terapéutica.
  • A psicanálise comporta riscos, os mesmos que se cando derrubamos unha casa para erguer outra quedamos a medias e só temos unha morea de cascallos a partir dos cales non podemos construír nada. De aí a importancia de tomar en serio o proceso. Quedar a medias pode resultar contraproducente. E se nos sentimos moi desconcertados, o mellor é abandona-la terapia.
  • O ser humano aspira a funcionar de modo autónomo. O psicanalista é un recurso ocasional para solucionar un problema, non un hábito.
  • Nas sesións trabállase con material sensible: lembranzas acantoadas, dramas só aparentemente superados, obsesións e complexos, relacións familiares frustrantes, traumas da infancia... Mentalicémonos de que se poden producir situacións duras e dolorosas.
  • A extracción de informacións (que reprimimos) sobre o noso pasado pode aliviarnos, proporcionarnos paz interior e axudarnos a comprender certas pasaxes da nosa vida e problemas do presente.
  • Esixámoslle ó psicanalista unha linguaxe sinxela e comprensible, e solicitémoslle información sobre os métodos e o contido da terapia.
  • Colaboremos sen receos nin medos, sexamos sinceros e honestos. Precisamos contar, e contarnos, cousas certas.
  • Non nos impacientemos. Ás veces, o proceso é lento. Nas primeiras sesións avánzase moito, incluso o pasamos ben, porque se descobren traumas agachados pero admisibles. Agora ben, non nos debemos conformar con iso: soluciona-los problemas esixe afondar máis e, se cadra, rescatar e abordar lembranzas ou traumas dos que prefeririamos non falar.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto