Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Eva Suárez-Llanos, presidenta da sección española de Amnistía Internacional: "Os dereitos humanos viven un momento difícil"

Eva Suárez-Llanos, presidenta da sección española de Amnistía Internacional

 Cando foi designada presidenta da sección española de Amnistía Internacional, nada lle facía sospeitar a Eva Suárez-Llanos que a situación política mundial ía sufri-la convulsión do atentado terrorista do 11 de setembro do 2001 contra as Torres Xemelgas de Nova York. Licenciada en Ciencias Físicas, cumpre agora dous anos representando e dirixindo unha organización que conta con 16.000 socios e 6.000 colaboradores en España, que se suman ó millón de membros de Amnistía Internacional en 140 países. Suárez-Llanos sostén que desde o 11-S, "se correo o risco de retroceder en conquistas que supuxeron moitos anos de traballo para que en tódolos países do mundo se cumpra a Declaración de Dereitos Humanos promulgada polo Consello Xeral das Nacións Unidas na estela da Segunda Guerra Mundial".

Desde a Declaración dos Dereitos Humanos en 1948, comézase a avanzar na conquista dos dereitos e liberdades fundamentais das persoas, un propósito que nunca antes concibira a humanidade. ¿En que lugar do camiño nos atopamos agora?

Non hai dúbida de que se avanzou no coñecemento e no respecto dos Dereitos Humanos, como se reflicte nos sucesivos tratados internacionais que establecen compromisos concretos. Un exemplo: a pena de morte está en camiño da súa desaparición , son unha minoría os países que a manteñen nas súas leis penais e menos aínda os que a poñen en práctica. O camiño cara á súa abolición emprendeuse hai 60 anos, e hoxe perfílase no horizonte o día en que se abolirá a súa práctica, aínda que os Estados Unidos sexa un dos catro países que aglutinan o 90% das execucións de cada ano no mundo. Pero aínda que sexa preciso valorar e recoñece-las conquistas, vivimos nun momento crucial na protección destes dereitos porque para milleiros de millóns de homes e de mulleres os dereitos humanos son só unha promesa de futuro. Aínda que a sociedade é cada vez máis forte na súa defensa, a raíz do 11 de setembro perigan logros conseguidos logo de moitos anos e esforzo. A loita contra o terrorismo denominado internacional, ás veces conduce a contempla-los dereitos humanos como un obstáculo para a seguridade. Hoxe existe unha zona en Guantánamo onde os dereitos humanos se están obviando, con impunidade internacional. A situación actual, cómpre admitilo, presenta unha realidade coa que non contabamos. A conxuntura é delicada e, se ben hai que continuar avanzando, temos que sumar un esforzo extra para non retrocedermos no xa acadado.

Amnistía Internacional proclama a súa imparcialidade, non defende ningunha ideoloxía política, nin relixión nin interese económico. ¿Como se logra que a denuncia se limite ó respecto da carta magna internacional, cando hai unha morea doutros problemas que agriden a liberdade dos seres humanos?

 Amnistía traballa exclusivamente en denuncia-la violación dos dereitos humanos. Esta vulneración prodúcese en persoas concretas que viven en contextos relixiosos, ideolóxicos ou económicos diferentes. Nin apoiamos nin nos opomos a ningún goberno ou sistema político, nin apoiamos nin nos opomos ás opinións das víctimas das que intentamos protexe-los seus dereitos. O noso único interese é a protección imparcial dos dereitos humanos recollidos na Declaración da ONU. O que Amnistía di en Colombia serve para a China, Sudáfrica ou calquera outro país. De feito, os textos cos que traballamos son sempre tratados internacionais rubricados por ducias de países. Así que manexamos esta linguaxe e actuamos lembrando os compromisos que libremente contraeron os gobernos, que deben ser conscientes de que se obrigaron a actuar conforme a aquilo co que se comprometeron.

A súa organización incomoda non só ós réximes totalitarios, xa que os informes anuais de AI xeran desconfianza nos gobernos de países con réximes democráticos consolidados.

Estamos afeitos a que estes gobernos admitan as críticas sobre outros países pero a que lles custe moito encaixa-las dirixidas ás súas propias actuacións. Durante a guerra fría, cando AI comezou a desenvolve-la súa actividade, para os países do Leste era unha organización imperialista, mentres que os de Occidente a acusaban de pro-comunista.

¿Como se conxuga a protección dos dereitos humanos co respecto ás tradicións culturais de cada país e grupo étnico?

É máis doado do que parece. Os dereitos humanos son universais, valen para calquera persoa de calquera país e cómpre respectalos e aplicalos en calquera lugar do mundo. As tradicións ou a cultura non se poden converter en escusa para violalos. Para establece-la fronteira entre dereito e tradición basta con se pór no lugar da víctima. Se se fai, non haberá ningunha xustificación relixiosa ou cultural que deixe a víctima en desamparo.

¿Cal é o perfil dun colaborador de AI?

Son mulleres e homes de diversa clase económica, de distintas relixións e crenzas; persoas anónimas imprescindibles para que Amnistía exista porque a investigación, as campañas e as outras intervencións fináncianas exclusivamente eles e as persoas que apoian o seu traballo. Amnistía non solicita nin acepta subvencións de ningún goberno. Con isto non queremos menospreza-lo labor das organizacións de axuda humanitaria ou de desenvolvemento que precisan ese tipo de ingresos. Se non existisen, botariámolas de menos.

Se algo caracterizou a AI desde os seus comezos, foi a utilización das cartas persoais, envíos urxentes remitidos ós dirixentes alí onde nos cárceres se violaban os Dereitos Humanos. ¿Cal é a súa eficacia real?

Trátase de compromete-la cidadanía en temas concretos con respostas concretas. Antes utilizabámo-lo correo convencional, despois o fax, e agora Internet. O correo electrónico é unha ferramenta moi útil para mobilizar a milleiros de persoas. A eficacia epistolar, antes e agora, podémola medir, e sabemos que unha terceira parte dos casos seguidos provocaron resposta. Temos testemuños que o demostran, procedentes de presos de conciencia, de persoas presas pola súa ideoloxía, relixión ou tendencia sexual, e que nunca exerceron a violencia nin avogaron por ela como medio para acadar un obxectivo. O propósito das accións urxentes é sacar do esquecemento a estas persoas e a persecución que sofren, e facer presión pola súa liberación. Se as campañas non conseguen este obxectivo, cando menos case sempre logran que os presos reciban un mellor trato.

Chegaron milleiros de correos electrónicos a Nixeria, pero a ameaza das lapidacións a mulleres non cesa.

En Nixeria, o goberno recoñece que as leis de lapidación son contrarias á súa Constitución. De feito, trátase dun país que asinou leis internacionais nas que os dereitos humanos son a base.

Desde que en 1973 comezaron a se envia-las primeiras cartas, en defensa do profesor brasileiro Luiz Rossi, o mundo mudou e as fronteiras de comunicación sálvanse en poucos minutos gracias ás novas tecnoloxías da información. ¿Poderíase dicir que esta é a cara amable da globalización?

A globalización fainos compartir problemas e permite globaliza-las respostas. Neste aspecto, é unha ferramenta positiva para a defensa dos dereitos humanos. Fainos conscientes de que vivimos nun mundo interdependente, no que os gobernos se fan presión os uns ós outros. Xa non serve se-lo dono e señor dun territorio.

¿Ten Amnistía Internacional delegación en Iraq?

Non, como tampouco noutros países, pero alí hai activistas en defensa dos Dereitos Humanos que serven de vínculo co resto do mundo. Con guerra ou sen ela, AI permanece vixiante para que non se vulneren os dereitos humanos dos iraquís, ó igual cós dos cubanos ou cós de calquera persoa en calquera país.

Malia ós diversos convenios e declaracións internacionais que establecen que a guerra só xera sufrimento, parece que as intervencións bélicas manteñen a súa vixencia como vía de solución dos problemas.

Efectivamente, a guerra continúa sendo unha alternativa aínda que está demostrado que constitúe a maior vulneración dos dereitos humanos. Ante a posible guerra en Iraq, Greenpeace, Intermon, Médicos sen Fronteira e Amnistía Internacional uniron os seus esforzos para ofreceren información independente, para se constituíren en canle de participación e en vía para peticións ante o Consello de Seguridade das Nacións Unidas e para que se realice un debate sobre os recursos humanitarios necesarios para mitiga-las consecuencias dunha guerra.

¿Queda aínda moito por facer, tras medio século de traballo, polos dereitos humanos?

Sen dúbida, avanzouse na erradicación parcial da pena de morte, na protección á infancia e na denuncia da perversidade da tortura. En termos institucionais, o avance máis recente é a creación do Tribunal Penal Internacional que, malia ós seus defectos, significa unha loita contra a impunidade dos delictos cometidos por responsables gobernamentais ós que non lles será tan doado coma antes eludir un xuízo. Xa non será só a Historia quen os xulgue. Non se logrou moito, pero se Amnistía Internacional e outras organizacións humanitarias non existisen, o mundo sería peor.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto