Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Case a metade da enerxía que precisamos debe proceder de alimentos ricos en hidratos de carbono
Debido á crenza de que os hidratos de carbono (presentes en alimentos como pan, pasta, pataca, arroz ou legumes), engordan e carecen de importancia nutritiva, o seu consumo non é abondo e afástase moito das cantidades mínimas recomendadas por diversos organismos de Saúde. Sen embargo, estes alimentos son fundamentais en toda dieta equilibrada e cómpre consumilos practicamente en tódalas comidas do día. Aproximadamente a metade da enerxía que precisamos debe proceder de alimentos ricos en hidratos de carbono. Elaborado exclusivamente de fariña, auga e sal (este último ingrediente é prescindible), o pan non contén ningún nutriente que consumido en exceso se asocie cun maior risco no desenvolvemento das chamadas patoloxías occidentais (obesidade, diabete, enfermidades de vasos sanguíneos e corazón...).
Para moitas persoas suprimi-lo pan da alimentación é un dos mellores xeitos de evitar ou corrixi-lo exceso de peso. Pero aínda que o pan proporciona enerxía, o seu consumo non é causa directa do aumento de peso, sempre e cando se respecte a cantidade recomendada para cada caso. En realidade o que aumenta as calorías dun cacho de pan é o que normalmente o acompaña: marmeladas, manteiga, embutidos, salsas, etc. A igualdade de contido calórico, o pan provoca unha menor acumulación de graxa no corpo ca outros alimentos ricos en graxas. É dicir, 100 gramos de pan achegan unhas 250 calorías, pero engordan menos ca 35 gramos de manteiga ou margarina ou ca un bolo, que tamén proporcionan unhas 250 calorías, debido a que a graxa dos alimentos se acumula máis doadamente no noso corpo cós hidratos de carbono complexos, abundantes no pan e no resto de farináceos. En resumo: consumindo a mesma cantidade de graxas ou hidratos de carbono, engordan máis as primeiras.
O compoñente máis abundante do pan é o amidón, un hidrato de carbono complexo que lle proporciona ó corpo a enerxía que precisa para poder funcionar e desenvolverse correctamente. Unha achega axeitada de hidratos de carbono implica o mantemento do peso e a composición corporal, pois impide que se utilicen as proteínas e as graxas como fonte de enerxía.
A graxa, o outro nutriente enerxético, está presente en cantidades moi baixas no pan (1%), non sendo en certas variedades comerciais de pan de molde e torrado, nas que o contido graxo oscila entre o 5% e o 15%.
Un baixo consumo de pan pode desequilibrar de maneira importante a dieta, na que case o 50% do total de calorías da alimentación deben proceder de alimentos ricos en hidratos de carbono, o 15%-18% de alimentos ricos en proteínas (carnes, peixe, ovos e lácteos...) e o 30%-35% restante de alimentos ricos en graxas (a propia dos alimentos e a que empregamos como condimento).
| MELLOR | MENOS SAUDABLE | ||||
|---|---|---|---|---|---|
| Alimento | Calorías | Gramos de Graxa | Alimento | Calorías | Gramos de Graxa |
| Bocadillo de pan (6 dedos de grosor) cunha lasca de queixo tipo bóla | 260 cal | 8,1 gr | Porción de pastel de queixo | 316 cal | 13,8 gr |
| Bocadillo de pan (6 dedos de grosor) con chocolate | 258 cal | 6,7 gr | Croissant de chocolate | 320 cal | 18,3 gr |
| Dúas torradas de pan do día anterior (3 de 2 dedos de grosor) con manteiga e marmelada | 310 cal | 10,6 gr | Dúas magdalenas con marmelada | 347 cal | 13,2 gr |
| Bocadillo de pan (6 dedos de grosor) con xamón serrán | 193 cal | 2,5 gr | Canapé salgado con xamón serrán | 300 cal | 15,7 gr |
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI