Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Anchoas do Cantábrico en aceite de oliva: Nutritivas e sabedoras, pero con moito sal

  Analizáronse oito mostras de anchoas do Cantábrico en aceite de oliva, todas elas en lata e cun peso neto preto dos 50 gramos. Saían entre os 37,74 euros/quilo de peso escorregado de La Laredana e os 67,92 euros/quilo de Ortiz.

Nas diversas probas efectuadas detectáronse dúas irregularidades. A máis importante foi que La Laredana, aínda que se chama "Anchoa do Cantábrico" contén outra especie de anchoa, procedente de Sudamérica e de inferior calidade. A outra foi que Lolin, Lipiani (ó non indicaren no mesmo campo visual denominación comercial, peso neto e data de caducidade) e Garavilla, ó definirse "Sen colorantes" cando non se poden utilizar eses aditivos, incumpren a norma de etiquetaxe.

Dado que as análises realizadas (peso, identificación da especie do peixe, número de unidades, histamina, sal, tipo de aceite, grao de acidez e estado hixiénico-sanitario) depararon -agás no caso de La Laredana- resultados semellantes, e que estas anchoas en aceite son un producto gastronómico e se consomen fundamentalmente como aperitivo ou como complemento de certos pratos, o criterio clave de elección (amais de, naturalmente, o prezo) é a calidade organoléptica, que vén dada polos resultados da cata. Así, a mellor relación calidade-prezo correspóndelles ás anchoas en aceite Albo, as mellores na cata a un prezo intermedio: 57 euros o quilo de peso escorregado.

O consumo de peixe azul, como a anchoa, o atún ou a sardiña, é moi recomendable porque achega proteínas de gran calidade e polo saudable da súa graxa, que contén ácidos graxos tan beneficiosos como o linoleico e o omega-3.

Estas anchoas en aceite son semiconservas, polo que requiren frigorífico para a súa conservación. Teñen moito sal (arredor do 15%), polo que se lles desaconsella o seu consumo ás persoas hipertensas ou que seguen unha dieta baixa en sodio.

Cómo se elaboran

  O proceso segue sendo, nos máis dos casos, un traballo artesanal, manual e moi meticuloso. A calidade do producto depende en boa medida da habilidade e empeño dos manipuladores cando realizan o seu traballo.

Unha vez capturadas e transportadas ata as fábricas conserveiras, as anchoas descabézanse, eviscéranse (retíranselle-las tripas) e lávanse. Despois introdúcense, separadas por tamaños, en caldeiros ou bocois onde se colocan por capas. Altérnase unha capa de sal e outra de anchoas ata enche-lo envase, de xeito que o sal sexa a última capa. De seguido, colócase un peso sobre os recipientes e déixase así desde un mínimo de 3 meses ata un máximo de 7 meses. Durante este período prodúcese unha perda de auga e graxa na carne da anchoa, incorporándose o sal no seu lugar, o que favorece unha serie de transformacións que fan que o peixe madure e adquira as características de cor, cheiro, textura e sabor propias da anchoa en aceite.

Unha vez sacadas as anchoas dos depósitos, lávanse, elimínaselle-la auga sobrante e a espiña dorsal e recórtanse os restos de espiñas e pel, de xeito que queden os filetes limpos. Para rematar, introdúcense en envases (latas ou tarros de cristal) que se enchen con aceite e que se pechan hermeticamente. A estes envases aplícaselles unha pasteurización que non é abonda para destruír totalmente os microorganismos e garanti-la súa estabilidade a temperatura ambiente, polo que se deben conservar no frigorífico ata o seu consumo. É por iso que este tipo de productos se denominan semiconservas. As latas non deben presentar crocaduras nin restos de óxido, e cómpre desbota-las latas inchadas, porque é un indicativo de que o producto está contaminado.

Nutritivas e saudables, pero moi salgadas

Falando sempre do producto escorregado, as anchoas en aceite achegan unhas 200 calorías cada 100 gramos de porción comestible, que aumentan considerablemente se se consome o aceite. O 27% do contido dunha anchoa en aceite (escorregada) corresponde ás proteínas (de gran calidade), e entre un 6% e un 12% é graxa. Cómpre salientar tamén a súa riqueza en minerais como iodo, magnesio, fósforo, ferro e calcio (cando comémo-la espiña). Tamén é importante o seu contido en vitaminas liposolubles como A, D e E. Das do grupo B, teñen un alto contido de B12. Por todo iso, as anchoas en aceite son un alimento nutritivamente moi rico.

A anchoa é un peixe azul, e por iso a súa graxa é moi saudable, xa que contén unha elevada proporción de ácidos graxos insaturados. En concreto, destacan o ácido linoleico (esencial, porque o noso organismo non o pode sintetizar e só o obtén a través da alimentación) e o omega-3. Ámbolos dous reducen os niveis en sangue do "colesterol malo" (LDL), diminuíndo o risco de que se acugule nas arterias e xere arteriosclerose. Ademais, fan máis fluído o sangue, o que reduce o risco de formación de coágulos de sangue e de trombos. Por iso, o consumo de peixes azuis é beneficioso para quen sofre alteracións circulatorias. Pero as anchoas en aceite teñen moito sal, entre 13 e 17 gramos por cada 100 gramos de peixe escorregado, polo que non se lles recomenda o seu consumo ós que sofren de hipertensión ou seguen unha dieta baixe en sodio. Tamén deben evita-lo seu consumo as persoas que presentan altos niveis de ácido úrico, xa que no peixe azul abundan as purinas (un tipo de proteínas) que ó seren metabolizadas no noso organismo se transforman en ácido úrico.

Tres de oito, etiqueta incorrecta

Lolin, Lipiani e Garavilla incumpren a norma de etiquetaxe. Lolin e Lipiani non presentan no mesmo campo visual a denominación de venda, o peso neto e a data de caducidade, cando se teñen que ver cunha simple ollada. E Garavilla loce a lenda "Sen colorantes nin conservantes", aínda que nas semiconservas de peixe non se poden engadir colorantes. Atribúelle deste xeito ó seu producto un valor engadido cando non o é.

Miau, Fredo e Lipiani inclúen información nutricional, sempre interesante para o consumidor. E as 8 latas incorporan o sistema "abre fácil", de maior comodidade para o usuario. Nunha mostra, a anchoa non é do Cantábrico Para que estas latas se poidan comercializar coa denominación "Anchoa", o peixe debe pertencer á especie Engraulis encrasicholus. Logo de se realizar no laboratorio unha extracción do ADN do peixe de cada mostra púidose comprobar que La Laredana (que se denomina "Anchoa do Cantábrico" incumpre a norma ó empregar unha especie de bocarte diferente á indicada na súa etiqueta. Trátase de Engraulis anchoita, orixinaria de augas de Sudamérica. A denominación comercial de Engraulis anchoita é "Anchoita" e non "Anchoa". En fresco, a súa substitución é máis difícil xa que é máis escura, de maior tamaño e peor calidade culinaria cá Engraulis encrasicholus ("Anchoa").

Por outra banda, ningunha lata presentou defectos exteriores, como abombamento, nin outras alteracións do envase derivadas do mal estado do seu contido. E os pesos netos medidos foron sempre superiores ós indicados salvo en Fredo, con 1,4 gramos menos do sinalado, unha diferencia admisible. O peso neto escorregado é o das propias anchoas; desestímanse o peso do envase e do líquido de cobertura (o aceite). De media, o 61% do contido correspóndelles ás anchoas e o 39% ó aceite. Albo foi a mostra con máis anchoa (66,4%) e menos de aceite (33,6%), mentres que Lipiani foi a de maior proporción de aceite (46,2%).

Verificouse tamén que, nas oito mostras, o aceite era de oliva, e que o seu grao de acidez variaba pero era inferior a 1,5º.

Para obte-lo número de unidades por lata e a media de peso de cada anchoa efectuouse un reconto sobre cinco latas de cada marca. A de maior número de anchoas foi Miau, con 10,2 unidades de media. Fredo só tiña 8,4 unidades por lata. No peso de cada filete de anchoa destacou Lolin (3,7 gramos cada unidade) e as menos pesadas foron as de Ortiz e Lipiani, con 3,1 gramos. A concentración de sal ía desde o 13,6% de Fredo ata o 16,1% de Albo, pero a proporción media das oito latas alcanzou case o 15%.

Os niveis de histamina do peixe fresco son un indicio da súa frescura, xa que é unha amina bióxena que aparece por degradación proteica. Os resultados da proba de histamina foron satisfactorios.

Para rematar, comprobouse mediante análise microbiolóxica que o estado hixiénico-sanitario das oito mostras era correcto.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto