Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Unha masaxe é un xeito de tranquilizarse, recuperar forzas e deixarse mimar
Cando unha parte do corpo nos doe ou molesta, acariciámola. Masaxeámo-lo músculo e os tecidos brandos en busca de alivio. Non resulta estraño, xa que logo, que os beneficios da masaxe e a súa capacidade para mellora-la saúde estean recollidos en escritos milenarios, presentes en múltiples culturas que desenvolveron as súas propias técnicas. Os hindús convertérona en obxecto de estudio, os exipcios confiaban nela para alivia-lo cansazo de corpo e mente, e incluso os gregos socráticos eloxiaron as súas virtudes. Pero se ben a cultura oriental integra a masaxe como unha acción de cura e en ocasións mesmo mística, Occidente tarda en admiti-la súa práctica de xeito regrado e natural. Faino ligado ó deporte, entendéndoo como unha fórmula para combate-la rixidez, as contraccións ou as dores reumáticas, e incluso para favorece-la consolidación de fracturas. Sen embargo, as bondades dunha masaxe non se limitan a estas propiedades fisiolóxicas. Tamén alivian o malestar psíquico e combaten a tensión, relaxan corpo e mente, e se se reciben con confianza e entrega, ofrecen a oportunidade de desconectar por un intre.

A masaxe terapéutica e a relaxante parten de obxectivos moi distintos. A primeira pretende curar ou cando menos calmar certas doenzas, mentres que a segunda persegue unicamente relaxar a quen o recibe ou aliviarlle, por exemplo, a zona das cervicais logo dunha dura xeira. O curativo aplícao o profesional, que coñece o corpo dos seus pacientes e sabe cál é o problema que hai que tratar e cómo se debe masaxea-la zona lesionada ou danada. Ben a través da osteopatía (estiramentos óseos), a quiropraxia (manipulación de puntos concretos nas vértebras) ou a reflexoterapia (presións sobre as terminacións nerviosas de mans e pés), deben ser só os profesionais quen así manipulen o corpo. Pero non cómpre agardar a que apareza unha lesión para acudir a eles. Se se estima que unha dor ou unha molestia persistente é síntoma de que algo vai mal, é que chegou o momento de se poñer en mans dun especialista.
Unha masaxe, non obstante, non é só parte dun tratamento. Pode estar encamiñada á relaxación e confiarse a mans non expertas, aínda que nese caso tan só se masaxearán as zonas do corpo que non presenten lesións.
Sen dúbida, o máis habitual é solicitar unha masaxe no pescozo e isto non é casual. As preocupacións e os medos, en definitiva, a intranquilidade, concéntranse na caluga. A mala educación postural, hábitos como suxeita-lo teléfono co queixo ou se sentar coas pernas cruzadas, cargan ó longo do día. Pero non só iso. O desequilibrio emocional tamén se sitúa entre a cabeza e as costas. Por iso, unha lixeira masaxe desde a caluga ata os ombreiros ten a facultade de alivia-las molestias e combate-la tensión. Ó fin e ó cabo, deixamos aquilo que nos pesa en mans amigas, algo ó que non estamos afeitos noutros ámbitos ou momentos do día. A terapia da masaxe pódeselle aplicar a toda persoa e influír positivamente nela.
Unha masaxe pódese entender como un método de evasión que se pode dar e recibir na casa, atendendo a unhas sinxelas pautas. Iso si, lembrando sempre que se trata de aliviar -que non de sandar- molestias leves, ou simplemente vendo nel un xeito de tranquilizarse, recuperar forzas e deixarse mimar.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI