Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A intensiva cría do camarón ou lagostino é a súa maior ameaza
Un manglar é un conxunto de árbores caracterizado pola súa habilidade para sobrevivir e desenvolverse en terreos costeiros inundados ou inundables, zonas con auga de altos niveis de salinidade. Debido á importante biodiversidade que alberga, constitúe un ecosistema irreemprazable e único. As raíces aéreas das súas árbores -principalmente mangles, de aí o nome- xorden das augas salgadas nas costas, estuarios e deltas, formando un armazón que alberga a multitude de especies animais (aves, peixes, moluscos e crustáceos), moitas delas importantes para a alimentación humana. Os manglares conforman zonas de apareamento e cría de moitas destas especies, amais de seren refuxio para peixes en desenvolvemento, e outros modos de vida mariña. Ademais, protexen estas costas da erosión, e proporcionáronlles durante séculos multitude de recursos ás poboacións locais. Durante a preamar as copas dos manglares asómanse moi pouquiño fóra da auga, mentres que na baixamar son visibles as súas raíces respiratorias, que captan o osíxeno atmosférico e llelo transmiten ás raíces enterradas. Esta adaptación permítelles sobrevivir nun solo sen osíxeno e con altas concentracións salinas. Actualmente a intensiva cría do camarón ou lagostino representa o maior perigo de desaparición destes singulares ecosistemas.
Os manglares atópanse nas rexións tropicais e subtropicais do mundo, xeralmente en zonas costeiras, e poden estar en contacto directo co mar, xunto ás ribeiras e desembocaduras dos ríos, ou bordeando lagoas costeiras. O desenvolvemento óptimo destes bosques salgados dáse arredor do ecuador en África, Indonesia, Nova Guinea e Filipinas. En Latinoamérica, os manglares máis exuberantes atópanse en Ecuador, na costa norte de Esmeraldas.
A fauna dos manglares inclúe exemplares de hábitats mariños e terrestres, aínda que a presencia da maioría das especies depende das mareas e das fases dos ciclos vitais. Tanto a fauna autóctona coma as aves migratorias son abundantes e diversas. Numerosas áreas dos manglares convertéronse en santuarios importantes para o mantemento dalgunhas especies ameazadas de extinción, coma o ibis escarlata (ave), o manatí (mamífero que vive baixo a auga) ou o caimán da costa, así como de varias especies de sapoconchos mariños. Ademais, nas localidades onde as augas son transparentes, as raíces albergan invertebrados mariños como esponxas, moluscos, crustáceos e algas. Entre as especies máis comúns nestas comunidades cómpre salienta-la ostra de mangle, un dos productos fundamentais na economía dos habitantes costeiros, o cangrexos de mangle, os lagostinos e os camaróns. Pero, sen dúbida ningunha, os seus habitantes máis singulares son os "saltóns da lama", peixes capaces de vivir no mar e na terra, cunhas musculosas aletas dianteira que lles permiten moverse en terra firme. Incluso hai unha especie que pode rubir polas árbores para fuxir da marea alta.
Os manglares están desaparecendo a unha velocidade vertixinosa polo uso abusivo dos seus recursos. A organización ecoloxista Greenpeace estima que en 1980 había 17 millóns de hectáreas de manglar nas costas tropicais do mundo, dos que, segundo a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación), a metade xa se perderon. As causas da súa destrucción son múltiples (extraccións para empresas madeireiras ou papeleiras, construcción de infraestructuras...), pero nestes momentos a maior ameaza para estes ecosistemas constitúea a instalación da industria camaroneira, que cría nestas zonas os lagostinos tropicais que se exportan a países desenvolvidos. A corta de extensas áreas de manglar para instalar piscinas de cría de lagostinos é o principal problema que xera esta industria, que coa súa actividade motivou a desaparición de máis de un millón de hectáreas de manglar. Delas, unhas 765.000 hectáreas nos últimos anos. Coa destrucción destas zonas, os ecosistemas mariños perden o seu equilibrio e diminúe a cantidade e diversidade de peixes, xa que as súas áreas de cría e alevinaxe son destruídas.
Pero, segundo Greenpeace, ese non é o único problema: para a cría intensiva de lagostino tropical empréganse enormes cantidades de productos químicos (alimento, fertilizantes, praguicidas, antibióticos...) que dan lugar a un caldo tóxico que contamina os recursos hídricos locais, producindo incluso a súa eutrofización e hipernitrificación. Sen os manglares e outros ecosistemas costeiros, as áreas da costa tórnanse inestables: as comunidades costeiras quedan expostas a devastadoras frontes tormentosas que produciron a perda de moitas vidas humanas en países coma Bangladesh e a India.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI