Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

A grandeza de sermos febles

  Vivimos tempos nos que moitos coidan que sermos (ou amosármonos) fortes, competitivos, dinámicos, agresivos, case omnipotentes, constitúe unha garantía de supervivencia e éxito social. E como o que desemboca en éxito social se converte en fonte de satisfacción, semella que podemos chegar a basea-la nosa seguridade e benestar emocional no carácter, a concorrencia e a preeminencia social.

O problema é que actuando segundo estes parámetros baseámo-la construcción da nosa personalidade en criterios superficiais, enganosos e de resultados de duración efémera. Este grande erro ten consecuencias dunha magnitude equivalente: as consultas dos psicólogos están cheas de persoas aparentemente fortes, moi competitivas e ben situadas económica e socialmente que nun momento da súa vida e por razóns case sempre inintelixibles para o seu contorno, fixeron crack, se viñeron abaixo, porque os alicerces desa falsa firmeza racharon ata o extremo de requiri-la intervención urxente dun especialista en alicerces. Non outra cousa, no ámbito do desenvolvemento persoal, é o psicólogo.

Fronte a esta ficticia seguridade que nos fai vivir instalados na mentira e causarnos graves conflictos persoais, a alternativa máis eficaz e honesta é a autenticidade. Noutras palabras, enfrontármonos a nós mesmos e amosármonos totalmente espidos e coa sinceridade precisa para recoñecérmo-los propios límites e vivilos sen traumas, con madurez, interpretándoos como o que son, unha parte da nosa realidade cotiá. Trátase de senti-la debilidade como algo tan fondamente humano que supón unha satisfacción comprobar que canto máis aceptámo-las nosas limitacións, máis humanos somos.

O recoñecemento da nosa vulnerabilidade ten dúas dimensións, unha a nivel individual e outra social.

O traballo cara ó noso interior

Tentaremos axeita-lo que cremos ser como persoa (o noso eu ideal) ó que realmente somos (o eu real). É un exercicio que pode semellar algo parvo ou innecesario porque "cada un se coñece perfectamente a si mesmo". Nada máis afastado da realidade. Non nos coñecemos ben, cando menos non o abondo. Construímo-la imaxe que temos de nós mesmos a partir desa imaxe nosa que os demais nos transmiten, e das nosas ilusións, soños ou proxeccións idealistas, non do noso xeito real de ser, de pensar, sentir e actuar.

Noutras palabras, que somos ben distintos de como nos vemos a nós mesmos. Unha proba: propoñamos a tres persoas sinceras que nos coñezan ben que definan o noso carácter, que nos digan, a tumba aberta e sen prevención ningunha, cómo somos, cómo nos ven. É case seguro que esas tres versións terán máis en común entre elas que coa imaxe que temos de nós mesmos. E iso porque á hora de pensarnos, de vernos e de definirnos como persoas fiamos moi pouco fino, por non dicir que o facermos coa corda de amarrar barcos.

Cando este acercamento ó eu real se produce (sexamos honestos: para conseguilo requírese, amais de moito esforzo, un pouco de introspección e moito de sinceridade e capacidade de autocrítica), descóbrense esas debilidades que xa coñeciamos pero nos custaba recoñecer e asumir porque, inevitablemente, facelo nos supón sufrimento ou, cando menos, un reencontro co que menos nos gusta de nós mesmos. A maioría tendemos a pensar que somos mellores do que somos, e mesmo os que transitan preferentemente por camiños derrotistas ou case autodestructivos e teñen un concepto crítico e negativo de si mesmos, sofren cando definen explicitamente as súas limitacións e deben asumilas tal cal son. Unha cousa é dicir "considérome máis ben pesimista", co verniz estético-ideolóxico que leva impregnada esa afirmación, e outra ben distinta recoñecer como un defecto o feito de que ante unha determinada situación -problemática ou non-, ese pesimismo frea, ou directamente empeora, a nosa capacidade de reacción, de actuación.

A persoa que actúa deste xeito acaba concibíndose como o que é un ser humano: un mosaico composto de pezas de tódalas cores e texturas que forman un conxunto harmónico, aínda que algunhas non sexan moi afortunadas e mesmo resulten contradictorias co conxunto.

Neste exercicio de asunción das propias limitacións acéptase a vulnerabilidade, a debilidade nalgúns apartados como unha compoñente imprescindible da propia personalidade, que ás veces incluso a enriquece e lle dá peculiaridades. Os demais perciben esas fraquezas ou "defectos" como características persoais que nos fan máis humanos, máis próximos.

A tarefa cara ós demais

A outra dimensión, a social, consiste en conseguir que non nos importe aparecer socialmente como vulnerables, como seres imperfectos e limitados. Non se trata, sen embargo, de sermos autocompasivos, de autoinmolármonos ante os demais, de pregoa-las nosas miserias ou agranda-las nosas limitacións. Cómpre medirmos ónde, ante quén, cómo e cáles das nosas menos lucidas características persoais debemos expor.

No noso medio social hai persoas que pouco nos interesan ou ás que importamos pouco e, por qué non dicilo, outras que mesmo se alegran dos nosos males. Obviamente, non constitúen o mellor terreo para sincerarnos, para espirnos psicoloxicamente. Temos que selecciona-los ámbitos sociais merecedores destes actos de sinceridade e de comunicación das nosas interioridades.

Hai moitos ámbitos, coma o dos nosos familiares adultos (cos fillos pequenos a sinceridade absoluta non sempre é conveniente), amigos íntimos ou compañeiros de traballo cos que mantemos unha relación humana estreita, nos que poñer en práctica esta exhibición (sempre calculada e medida) do noso eu máis íntimo pode resultar fértil e conveniente. Unha vez elixido o medio social favorable, é un exercicio moi positivo transmitírmo-las nosas limitacións; iso si, sen atropelar ó outro cun caudal torrencial de duras ou abruptas confesións, descoordenadas e alleas á situación concreta que se vive nese momento. Cómpre medir e empraza-la nosa sinceridade, para non abafar e para acadar un dobre efecto positivo: que nos coñezan mellor (e, polo tanto, non nos pidan imposibles) e que poidamos vivir conforme ó noso auténtico xeito de ser, non seguindo os criterios ós que nos obriga a imaxe que os demais teñen de nós ou a que nós, erradamente, contribuímos a xerar.

Non se trata de esperta-la compaixón dos outros, senón de darmos a coñece-la nosa maneira de ser e de sentir, de concedérmono-la oportunidade de comprobar cómo as persoas do noso contorno nos comprende mellor e incluso comezan a se sentiren máis cómodas connosco cando nos amosamos máis humanos, máis limitados e reais. De feito, sentímonos mellor con quen se amosa próximo, imperfecto e accesible e nos considera merecedores de escoita-las súas confidencias. E, pola contra, resultan menos amables aqueles que, pola súa aparencia de fortaleza, non parecen necesitarnos para nada. O mundo está cheo de falsos líderes, que, amais de equivocar e enganar ós demais, sofren desempeñando un papel que non é o seu. Nas nosas mans está corrixir estas coordenadas e recolocalas onde corresponde.

Recoñecer e asumir as limitacións

O máis conveniente, o realmente saudable, é que o individuo recoñeza as súas limitacións e que as asuma con serenidade e espírito de superación, entendéndoas como un feito incontestable e como parte irrenunciable da súa peculiaridade como ser humano imperfecto, da súa propia historia persoal. Dese xeito, pode que lamente cometer errores e experimentar fracasos, pero integraraos na súa traxectoria vital, aprenderá deles e non se avergonzará porque polo menos poderá aducir que intentou mellora-la situación. E, saibámolo, cando ante un determinado problema analizamos primeiro a conxuntura e actuamos despois con decisión e empeño, por moito que o éxito non coroe a nosa actuación, témo-la satisfacción de sabermos que fixémo-lo posible. E de dispormos de información que nos permitirá mellorar en futuras circunstancias e que nos axudará a evita-la repetición dos erros cometidos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto