Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Miguel Zugaza, director do Museo do Prado: "Os museos teñen que lidera-la promoción do coñecemento da arte"

  Miguel Zugaza, director do museo por antonomasia do noso país, recíbenos na fastosa sala do Padroado do Museo do Prado e inclínase preferentemente por esas respostas rápidas, concretas e concisas tan propias dos executivos de axenda moi apertada, o que non obsta para que se volvan amplas e entusiastas cando as preguntas afectan á arte e á súa divulgación.

Cando a primeiros do 2002 foi nomeado director xeral do Museo do Prado, asumiu o labor de culmina-lo tan ambicioso coma polémico proxecto de reforma do museo, comezado había xa seis anos. Licenciado en Xeografía e Historia pola Complutense de Madrid, doutorouse en Arte Contemporánea. Desde 1994 ata 1996 foi subdirector xeral do Museo Raíña Sofía de Madrid, participando na remodelación da colección permanente e no programa de exposicións temporais. E entre 1996 e o 2002 exerceu a Dirección do Museo de Belas Artes de Bilbao. Para este biscaíño de carreira profesional meteórica, o museo é un lugar de encontro entre a sensibilidade individual do visitante e as obras de arte. De aí que, na súa opinión, a misión do museo non sexa outra cá de promover e procurar esa experiencia.

Expertos en arte opinaron que 'o perfecto director dun museo' debe persegui-la independencia no desenvolvemento do seu cargo e a continuidade no seu labor. ¿En que pensa que se basea a importancia destes obxectivos?

A dirección dos museos precisa dunha dobre condición: debe manter un diálogo fluído co mundo académico e cos historiadores da arte, ó mesmo tempo que é responsable da xestión, e iso lévao a implicarse no ámbito dos recursos humanos e das accións comerciais. Axuntar esas dúas condicións é difícil e en décadas anteriores non se entendía así. Pero pertenzo a unha xeración de historiadores da arte que traballaron nos museos, e que se ben están inmersos no mundo académico e artístico non perderon de vista a necesidade de se especializaren na dirección empresarial. Coido que represento a unión de ámbolos aspectos: o coñecemento da historia da arte e a xestión dos recursos.

O Prado é unha referencia artística e cultural de alcance mundial, e a expresión museística española por excelencia; sen embargo, agora debe rivalizar dentro e fóra das nosas fronteiras con atraentes centros de reclamo cultural e turístico. ¿Está preparado para competir nestas novas coordenadas?

A clave para facer do Prado un centro moderno e acorde ás esixencias actuais é remata-lo proceso de instauración do novo museo, un proxecto que leva ocupando moitos anos de traballo e que se prevé rematar para comezos do 2004. En concreto, trátase de completa-la ampliación e a construcción de novas salas co obxectivo de ser non só pinacotecas senón espacios de exposición e conferencias. Este foi o elemento tractor da reforma, que se efectuou baixo a dirección do Padroado dotándoo dun novo marco xurídico e administrativo sen deixar de ser unha institución pública.

¿Como se establece o prezo da entrada a un museo coma O Prado? Non hai moito tempo, a visita era gratuíta para os usuarios.

Non cobrar entrada simplificaría a organización. E no Prado, que é unha institución pública, permitiría unha relación completamente aberta co público. Pero a xestión do museo e a mellora e calidade dos seus servicios esixe que, amais da Administración, tamén os usuarios contribúan. A recadación de entrada é unha das fontes de ingresos máis importantes, e son poucas as vías de financiamento coas que contamos, polo que non podemos prescindir de ningunha. Así e todo, O Prado, non sendo gratuíto, mantivo as súas tarifas e ofrece distintas modalidades, como o abono de museos estatais ou os carnés de estudio e amigos, que lles facilitan ós que acoden moi a miúdo facelo sen que o gasto sexa un obstáculo. Ademais, coma noutros museos públicos europeos, o acceso é gratis os domingos.

Sucédense exposicións coa intención de promove-lo acceso á arte a todo tipo de público. Sen embargo, para admirar e entender determinados movementos artísticos semella imprescindible un certo nivel cultural. ¿Como se conxuga ese acercamento popular ó museo coa dificultade de gozar da arte e comprendela?

Os museos teñen moita responsabilidade na educación da historia da arte, e se o que presentan publicamente é un patrimonio común, deben multiplica-los esforzos para crearen recursos axeitados para que todo tipo de público atope os medios de achegamento ó que o museo contén. No Prado, o que garda e mostra é historia da arte e unha gran concentración de cultura. Por iso, entre os seus obxectivos figura desenvolver un programa de educación, e non só no seu aspecto activo e dinámico senón tamén especializándose nos diversos tipos de público. A falta de cultura artística é un problema educativo do que non só son responsables os museos, pero nós temos que lidera-la promoción do coñecemento da arte porque témo-lo instrumento principal: a arte en si mesma. A nós resúltanos máis doado que ó sistema educativo trasladar estes coñecementos, pero O Prado sempre estivo limitado pola carencia de espacios onde desenvolver actividades de formación. Fixéronse cousas, pero non adquiriron a dimensión necesaria; de aí a importancia da ampliación.

¿Debe o museo impulsar correntes artísticas e converterse en mecenas de talentos artísticos ou a súa función se debe limitar a expo-la súa colección, a ser unha mera pinacoteca?

Este museo non promove novos valores, porque amosa arte moderna pero non contemporánea. De tódolos xeitos, interésanos moito sabe-lo que pensan os creadores actuais sobre as nosas actividades. Non nos limitamos á nosa visión como historiadores: os artistas axúdannos a contempla-los proxectos e a expo-las coleccións doutro xeito. Pero non falamos só de artistas plásticos. Escoitamos a literatos, músicos ou arquitectos que nos poidan ofrecer unha visión diferente. Deste xeito logramos manter vinculado o museo á actualidade.

E no caso de artistas plásticos actuais. ¿Acabará acollendo as súas obras?

O Prado seguirá sumando pintura, alimentando a historia da arte española. Durante o século XX, asumiu as coleccións do século XIX e das primeiras décadas do XX. Este non é un museo de arqueoloxía, é de historia da arte; polo tanto, procura aumenta-la súa colección e consolida-lo seu valor histórico e artístico.

¿Como se converte o público en dono ocasional desa obra?

O público que visita un museo debe buscar unha experiencia coa arte. Pode querer recibir coñecementos, pero debe aspirar a acadar unha experiencia sensible. O que se celebra no museo é unha relación íntima entre un espectador e unha sensibilidade concreta ante unha obra, no noso caso unha pintura. Este é o grande acontecemento que o museo ofrece: provoca unha experiencia emocionante. Cando se organizan visitas, procuramos que a xente pase por unha especie de varrido de imaxes, que contemple as grandes obras, todas elas, o catálogo. Ben, pode existir, e existe, ese espectador que o que quere é permanecer diante dunha imaxe célebre. Pero o museo aspira a reter unha atención particular, que ollando un cadro se logre unha vivencia privada e extraordinaria. Miquel Barceló conta que cando nun museo se atopa cun espectador que contempla a mesma obra durante máis de 10 minutos, lle dan ganas de abrazalo. Esa debe se-la nosa misión, consegui-lo encontro entre o espectador e a obra. Pero a xente ten pouco tempo e unha gran necesidade de ver e non perder obras importantes da colección. O noso traballo no ámbito da educación debe encamiñarse a esperta-la sensibilidade, aínda que somos conscientes de que nesta época o usuario busca acumular experiencias.

Convídenos a percorre-lo Prado. ¿Que camiño nos recomendaría seguir?

Se nunca visitou o Museo, proporíalle un grupo de dez obras ó longo de tódalas salas, que permitise comprender un pouco o conxunto artístico que se poden atopar. Non serían necesariamente as obras mestras de El Greco, Goya ou Velázquez. Cómpre entender que non é un museo enciclopédico, polo que está permitido buscar e atopa-lo que nos guste.

En xaneiro do 2000, os técnicos da revista CONSUMER realizaron unha análise en profundidade sobre os 18 mellores museos de Belas Artes de España. O estudio reparou en aspectos moi distintos dos artísticos: a infraestructura do edificio, os servicios (cafetería, teléfono público, asistencia sanitaria, aparcamento...), a información gratuíta dispoñible sobre as obras expostas, os prezos da entrada, a seguridade e o estado de limpeza e conservación das instalacións. O mellor valorado foi precisamente o Museo do Prado, pero sinalábanse como aspectos que cumpría mellorar a escasa información, no folleto e nalgunhas obras. ¿Que opinión lle merece este diagnóstico?

Foron moi xenerosos na súa valoración, coido que a ampliación é imprescindible, e ten como obxectivo resolve-la súa función de servicio público. Inclúe os fallos de infraestructura.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto