Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os celíacos non se deben medicar pero si controlar todo o que inxiren
A celiaquía, tamén chamada intolerancia ó glute, é unha enfermidade intestinal crónica e relativamente común, debida á mala absorción de alimentos con glute -unha proteína presente en fariña, trigo...-. Esta patoloxía, que segundo a Federación de Asociacións de Celíacos de España (FACE) afecta a un de cada 200/300 nacidos, é o proceso crónico dixestivo máis frecuente no noso país, pero está infradiagnosticado: estímase que menos dunha cuarta parte dos pacientes celíacos saben que sofren a enfermidade. As persoas que padecen esta enfermidade non poden consumir ningún alimento que conteña fariña de trigo, cebada, centeo, avea e malta, pois a inxestión de alimentos con glute lles produce unha lesión progresiva na peluxe do intestino encargada de absorbe-los nutrientes dos alimentos e pasalos ó organismo. Como o glute dana esta peluxe, os enfermos celíacos están mal nutridos e padecen diversas enfermidades, que poden dexenerar en cancro ou crises celíacas cun desenlace fatal para o paciente.
Hai persoas que padecen a enfermidade celíaca e non sofren síntomas porque a parte non danada do intestino delgado aínda ten a capacidade de absorber suficientes nutrientes. Sen embargo, estas persoas aínda corren risco de complicacións producidas pola enfermidade. O máis habitual é a presencia dunha diarrea crónica con feces fedorentas e pálidas, distensión abdominal, perda de peso, deficiencias nutricionais e anemia. A dor abdominal pode ser recorrente e asociada a flatulencia e a movementos intestinais anormais. Sen embargo, cada individuo pode experimentar síntomas diferentes (dor nas articulacións, cambras musculares, fatiga...).
Pero os síntomas varían en función da idade. Cando na dieta dos nenos menores dun ano se introduce a alimentación con papas pódese comezar a detecta-la intolerancia ó glute. Nestes casos os nenos desenvolven un carácter esquivo, irritable, xunto ós síntomas médicos devanditos, e sobre todo, a falta de peso e de talla. Para determinar se un neno ou adulto padece esta enfermidade a proba máis fiable é a biopsia intestinal, na que se pode detectar se a peluxe encargada da absorción dos nutrientes está danada. Nos adultos esta intolerancia alimenticia pode provocar depresións, esterilidade tanto no home coma na muller, menstruacións tardías e irregulares, caída do cabelo e abortos reiterados.
O tratamento desta enfermidade é exclusivamente dietético e consiste en eliminar todo o glute da dieta. Esta medida débese tomar de por vida e o seu cumprimento rigoroso representa un reto, porque o glute pode presentarse a xeito de aditivos estabilizantes, emulsionantes, espesantes e outros derivados de grans que o conteñen e que se inclúen en alimentos procesados comercialmente. É dicir, os celíacos non se deben medicar pero si controlar todo o que inxiren, xa que o glute se atopa na maior parte dos productos que mercamos. Segundo a FACE, o 80% dos productos dun supermercado conteñen glute. Alimentos de consumo tan habitual coma os que conteñen rebozados, friames de categorías baixas, productos de panadería, pastas alimenticias, espesantes, salsas e condimentos utilizan fariñas ou derivados para a súa elaboración.
Na maioría dos casos tras unha dieta libre de glute, en dúas semanas experiméntase unha mellora dos síntomas e nun período de varias semanas ou meses recupérase o estado nutritivo. Pero a dieta libre de glute é complicada e require unha estratexia completamente nova para comer, o que afecta totalmente o estilo de vida persoal. Comer fóra da casa pode ser un desafío para unha persoa con celiaquía, que debe aprender a examinar a fondo o menú e preguntarlle ó servicio sobre fontes ocultas de glute. E mercar productos sen glute, outra opción, resúltalles moi caro: un quilo de pasta alimenticia de trigo ten un custo medio de 60 céntimos de euro, mentres que un celíaco paga por un quilo de pasta libre de glute 5,76 euros.
Un equipo de científicos da Universidade de Oslo (Noruega), e da Universidade de Stanford (EE.UU.) descubriu a causa e un tratamento potencial para a celiaquía. Os investigadores comproban que o fragmento de glute chamado gliadina, culpable da afección, é resistente á dixestión e é o responsable da reacción inflamatoria prexudicial para o intestino que experimentan os pacientes celíacos. Igualmente, informan sobre o emprego dun encima dietético fabricado por unha bacteria que pode romper este fragmento en pequenísimas porcións inofensivas, o que apunta a unha posibilidade de tratamento mediante suplementos dietéticos. Estes son os primeiros achados que ofrecen ás persoas celíacas unha esperanza real de levar unha vida normal.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI