Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Conseguírmo-los nosos obxectivos esixe esforzo e disciplina

A persoa eficaz sabe xestiona-las súas capacidades dedicándolle a cada obxectivo o tempo e os recursos necesarios, conseguindo o que se pretende

Hai unha serie de atributos persoais que ninguén desdeñaría: boa imaxe física, intelixencia, saúde, optimismo, autoestima, cultura, habilidade nas relacións sociais, éxito no traballo... pero esquécesenos algo: ser eficaces, é dicir, consegui-lo que nos propoñemos sen recorrer a esforzos ou medios distintos ou superiores ós previstos. Entendemos por eficacia a capacidade de alcanzar obxectivos, sempre que estes sexan razoables e resulten coherentes coa nosa maneira de ser e do contexto en que nos movemos. ¿Cantas veces pensamos que merecemos ter un mellor traballo, unhas relacións persoais máis fértiles e satisfactorias ou unha vida emocional máis intensa ou equilibrada? Pois iso é a eficacia, a capacidade de consegui-lo que está ó noso alcance. A nosa vida ten máis sentido se se articula seguindo as coordenadas do noso propio proxecto, no que se contemplan non só as metas, senón tamén os recursos con que contamos e as ameazas e oportunidades que van entorpecer ou facilita-lo proceso. A habilidade de quen quere medrar e ser eficaz parte da identificación dos obstáculos que hai que afrontar e dos recursos que se poden xestionar. Soa ós rigores propios dun esquema laboral, pero previsión, cálculo e esforzo tórnanse imprescindibles na tarefa de dota-la nosa vida de eficacia.

Moi unida á autoestima

Eficacia e autoestima son inseparables, xa que desenvolve-la autoestima non é outra cousa que aplica-la convicción de que somos competentes para vivir. Falamos dunha competencia que non se pode basear en sensacións e autoconvencementos senón na realidade e no esforzo e constancia que require alcanza-los obxectivos. A persoa eficaz sabe xestiona-las súas capacidades dedicándolle a cada tarefa ou obxectivo o tempo e os recursos necesarios, conseguindo o que se pretende. O beneficio non só consistirá na consecución do obxectivo, senón tamén no reforzo que recibimos ó asentar e potencia-la confianza en nós mesmos. Esa base de confianza persoal xera unha seguridade imprescindible para a autorrealización. Desenvolvérmonos desde esa confianza supón que sexamos conscientes e responsables dos nosos actos. A conciencia ten que ser unha luz permanente na nosa vida, pero estará guiada tanto pola nosa intelixencia "intelectual" coma pola intelixencia emocional.

Eficacia e conciencia

Non podemos falar de eficacia se non somos conscientes do que queremos conseguir, de qué medios imos empregar, das circunstancias en que operamos, e se non sabemos anticipa-las dificultades coas que nos podemos atopar. Teremos que ser conscientes do noso momento emocional, dos nosos recursos e do apoio exterior co que contamos. A intelixencia "intelectual" permitiranos discernir entre o xeito de pensar racional e o distorsionado. Os pensamentos distorsionados ocultan, ignoran ou disfrazan a realidade e farán estériles os nosos esforzos para acada-lo que nos propoñemos. Son pensamentos distorsionados os filtrantes (tómanse os detalles negativos e magnifícanse), os polarizados (por maniqueos -branco ou negro-, impiden ve-los matices), as xeneralizacións (tírase unha conclusión xeral dun simple incidente), as visións catastróficas (agárdase o desastre), as personalizacións (todo o que a xente fai ou di é en relación a nós), as interpretacións e sobreentendidos (cremos saber qué senten e queren os demais e por qué se comportan do xeito que o fan), a culpabilidade (os demais son os responsables do noso sufrimento, ou ó revés, culpámonos dos problemas alleos), as "deberías" (manexamos normas ríxidas sobre cómo deberían actua-los demais e mesmo nós mesmos), o razoamento emocional (o que sentimos ten que ser verdadeiro automaticamente), o ter sempre razón (o noso obxectivo principal é térmo-la razón fronte ós demais), a falacia da recompensa (esperamos "cobrar" algún día o noso sacrificio e abnegación. O resentimento pode ser daniño cando se comproba que a recompensa non chega).

A intelixencia emocional

Implica a atención e manexo adecuados das nosas emocións e sentimentos. Tan importante como facer unha análise racional da realidade, é ser conscientes do noso momento persoal e dos recursos emocionais que podemos despregar para acada-lo obxectivo que nos propuxemos.

Cómpre que paremos e que nos decatemos de cáles son os sentimentos que emerxen en nós en relación con ese obxectivo ou coa circunstancia emocional na que nos atopamos, e denominalos polo seu nome aínda que sexan de carraxe, vergoña ou envexa. E recoñecer que forman parte da nosa vida e que o terrible non é sentilos senón quedármonos enquistados neles, paralizados e sen capacidade de reacción. Ser intelixentes emocionalmente esixe asumir eses sentimentos e facernos responsables deles, calculando en qué medida poden interferir nas nosas respostas; nalgúns casos, bloquearán a fluidez da nosa acción e reducirán a nosa eficacia.

Tan imprescindible como ser intelixentes é utilizar ben as nosas habilidades sociais ou de comunicación, que comprenden escoitar de maneira aberta (existen opinións diferentes ás miñas), empática (sei colocarme no lugar da outra persoa e así comprendo mellor o que fai, di ou sente), incondicional (non utilizo etiquetas nin xuízos de valor cara ó meu interlocutor) e respectuosa.

Esforzo e asertividade

Obter logros e ser eficaces require, amais dunha correcta análise da realidade, amais de ter en conta quén somos e en qué momento persoal nos atopamos, unha boa dose de esforzo cotián e constante que respecte ese ritmo que establecemos por se-lo que mellor se adapta ás nosas posibilidades reais.

  • Pero non todo depende de nós: variables externas pódennos conducir ó fracaso ou a non acadar plenamente os nosos obxectivos.
  • Saber encaixa-lo fracaso, total ou parcial, e desenvolver unha tolerancia optimista e positiva sobre a decepción é unha parte da aprendizaxe para conseguir ser máis eficaces.
  • A asertividade é outra das claves: unha conducta asertiva é a que manifesta de xeito directo e sincero as nosas opinións e desexos, a que se proxecta sen medo nin ansiedade e non recorre a formulacións punitivas ou ameazantes fronte ós demais.
  • Temos que manifestar destreza á hora de defini-las etapas de que constan as actuacións en que nos atopamos inmersos para alcanza-lo noso obxectivo. E aplicar en cada etapa as accións adecuadas.
  • Ser eficaces desde o punto de vista da personalidade é optimizar, xestionar con eficiencia, os nosos recursos de cara a medrar no noso desenvolvemento persoal.
  • Ten que ver coa claridade de obxectivos na vida e coa habilidade para elimina-los obstáculos que nos impiden camiñar cara ás metas que nos propuxemos.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto