Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Economía Doméstica

Λ

Créditos encubertos: A falta de información, o problema

Trátase de préstamos que o consumidor contrata sen sabelo, debido a que non o informan con claridade sobre eles

Solicitar un préstamo para pagar un curso de inglés dunha academia, ou facelo para aboar unha viaxe ou uns mobles é unha práctica habitual. O problema xorde cando en determinados establecementos non informan ó consumidor, de maneira explícita, de que amais de contratar uns servicios ou realizar unha compra, está asinando un crédito ó consumo, a un xuro concreto e cunha entidade financeira. Abafado polas vantaxes do pagamento fraccionado, o cliente non sempre é consciente do que asina -a miúdo sen ler atentamente o documento- e as consecuencias poden ser moi serias.

Aínda que o servicio solicitado se anule, verase obrigado a continuar pagándolle á entidade financeira as mensualidades acordadas, pois asinou un crédito que o obriga a facelo. E se se nega a facelo, malia a non recibi-lo servicio contratado, pode entrar na lista de morosos do banco. Son as consecuencias dos coñecidos como créditos encubertos.

Informar con claridade. Ninguén dubida da mestría dos comerciais para convencer a posibles clientes de que adquiran o seu producto, ben sexa un equipo de Home Cinema ou un curso de inglés valorado en 1.200 euros. Sen embargo, a comodidade das mensualidades non debería enturba-la mentalidade do consumidor, obrigado a le-la letra pequena e a fixarse moi atentamente no que asina: nin máis nin menos ca un crédito ó consumo, incluíndo os seus intereses, bastante altos, por certo (entre un 7 e un 10% T.A.E., para que ó banco lle saia rendible prestar pouco cartos a curto prazo). Isto non ten por qué supor un problema se o cliente é informado abertamente na propia tenda ou lugar físico onde se desenvolve o servicio. Sen embargo, as queixas e denuncias dos consumidores baséanse, precisamente, na falta de claridade ó seren informados do que asinaban. Aínda que, por outra banda, cómpre non esquecermos que os consumidores debemos ser conscientes tamén da nosa responsabilidade de ler detidamente calquera documento antes de asinalo.

Non é un recibo domiciliado. As organizacións de consumidores definen este tipo de préstamos vinculados á compra dun producto ou á contratación dun servicio como "créditos ó consumo mal informados". Hai tres partes implicadas no proceso: a academia ou establecemento, o banco ou caixa de aforros e o cliente. Este último asina dous contratos, un co centro de estudios ou tenda e outro coa entidade financeira. Segundo o primeiro contrato, recibirá un producto (mobles, viaxes, electrodomésticos...) ou contratará uns servicios (ensino de idiomas...). O segundo contrato refírese ó xeito de aboalo: financia cun banco ou caixa de aforros o pagamento do importe do ben adquirido. A confusión dáse porque o consumidor a miúdo descoñece que o banco lle adianta tódolos cartos á academia, moblería ou axencia de viaxes, e cando decide rescindi-lo primeiro contrato (por exemplo, por non estar conforme cos servicios que está recibindo), decátase de que o segundo contrato, o préstamo persoal, o obriga a seguir aboando as mensualidades.

Confusión. O lugar e o xeito en que se formalizan estes créditos provoca a confusión dos consumidores, pois non acoden ás oficinas dunha entidade financeira a rubricar estes préstamos, asesorados por un representante do establecemento onde contrata un servicio ou polo profesional da entidade bancaria. Pola contra, os créditos encubertos asínanse nas dependencias do establecemento onde se contrata o servicio, camuflados entre o restos dos documentos.

A creba de varias academias de idiomas que utilizaban o sistema de créditos encubertos para financiaren os cursos dos seus alumnos puxo de manifesto a necesidade de aclararlles ós consumidores que non é o mesmo asinar un recibo domiciliario ca un crédito encuberto cunha financeira. A diferencia é que o primeiro se pode anular cando se desexe, pero o segundo é obrigatorio pagalo.

No caso de que unha mensualidade correspondente ó crédito non se aboe, o consumidor debe ser consciente de que o seu non pagamento é cara ó banco ou caixa de aforros, e non cara á tenda ou academia. Isto significa que figurará nunha lista de morosos e que o primeiro que farán será tratar de embargarlle as súas contas mediante un mandato xudicial.

Non sempre hai problemas. Non tódalas empresas que permiten fracciona-lo pagamento en colaboración cunha entidade financeira fan un uso fraudulento deste sistema. Hai centros que informan ó consumidor con todo detalle sobre o que se dispón a contratar e que o obrigan a se desprazaren ó banco ou caixa de aforros para que alí reciba as pertinentes explicacións. Así e todo, non é preciso que o cliente acuda á entidade financeira a rubrica-lo contrato, senón que sexa cal sexa o lugar no que o faga, saiba exactamente a qué se está comprometendo.

Por outra banda, nada lle obriga a acepta-lo contrato vinculado co banco ou caixa que lle propoñen desde o centro de estudios ou establecemento. Pode solicitar pola súa conta un préstamo persoal na entidade de aforros que prefira e aboar así o importe do ben adquirido. Neste caso, os contratos xa non estarán vinculados, e aínda que o primeiro contrato fose anulado, o segundo -o asinado pola súa conta- non podería selo.

En definitiva, quen opte por aboar calquera producto ou servicio mediante este tipo de préstamos ó consumo vinculados, que é do que se trata en definitiva, debe ser consciente de que por unha banda asinará a matrícula de ingreso ou certificado de compra do obxecto en si e, por outra, a solicitude dun crédito ó consumo, polo que estará obrigado a paga-lo curso, a viaxe ou o producto nas mensualidades acordadas, incluíndo xuros.

¿Que di a Lei?

Pero, ¿que acontece se un consumidor decide non seguir aboando un crédito porque non recibe os servicios contratados? ¿Ou se non foi informado de que en realidade estaba asinando un contrato cun banco ou caixa de aforros sen sabelo? Aínda que a entidade bancaria, loxicamente defendendo os seus intereses, obrigue ó consumidor a paga-las mensualidades, convén lembra-lo artigo 14 da Lei de Crédito ó Consumo que regula os préstamos vinculados: "A ineficacia do contrato, que teña como obxecto a satisfacción dunha necesidade de consumo, determinará tamén a ineficacia do contrato expresamente destinado ó seu financiamento". Neste sentido pronunciáronse varias sentencias, que lle daban a razón ó consumidor cando lles xurdiron problemas relacionados co incumprimento de contrato dalgunhas academias. Outra vía para acudir ós tribunais consiste en basea-la denuncia na falta de información sobre o que, en realidade, se estaba contratando: un crédito persoal.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto