Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

8 microondas con grill: O deseño págase

Os microondas cromados son máis caros, pero non mellores

  Analizáronse oito microondas con grill cun prezo que varía notablemente: desde os 117 euros de Samsung CE-2817N ós 300 euros de Sharp R-74ST. Os tres microondas de cor branca e contador analóxico (Balay, Samsung e Fagor) son os máis baratos, e os dous metálicos de contador dixital, os máis caros (Sharp e Sanyo). A mellor relación calidade-prezo é o forno máis económico, Samsung, por se-lo segundo mellor valorado polos usuarios e ofrece-la maior funcionalidade. Se por motivos estéticos o usuario busca un microondas cromado, Sharp, o máis caro, é o que mellor valoración obtén.

Un forno microondas emite ondas electromagnéticas de alta frecuencia que quentan a auga do alimento e o cociñan desde dentro, por iso o producto coce no canto de asar (nunca supera os cen graos, a temperatura de ebulición da auga). Esta é a razón tamén de que o interior do alimento estea máis quente cá súa superficie e de que esta clase de fornos non eleven a temperatura de recipientes baleiros: a súa función limítase a quentar e desconxelar alimentos. Os microondas con grill, amais do emisor de ondas de alta frecuencia, incorporan dúas barras de cuarzo que proporcionan calor directa para dourar e gratinar.

Tres usuarios habituais cualificaron cada aspecto do forno de un a cinco puntos. A valoración media superou os tres puntos nos oito casos, e destacaron LG e Sharp, con 3,6 puntos polo seu manual e ergonomía. LG obtivo a mellor valoración exterior (4,7), iluminación (4) e visibilidade (4). Samsung foi o peor valorado a nivel global (3,2 puntos), aínda que destacou a súa posta en marcha (3,7) e claridade e utilidade dos mandos e controis (4,7); pero fallou en iluminación e mantemento e limpeza (2 puntos), estabilidade, dimensións e visibilidade (3).

Proba real

  Para probar cada microondas cociñouse neles lasaña, canelóns e pizza e desconxeláronse pan e espinacas. Samsung obtivo a mellor puntuación (4,6 puntos de 5 posibles) e o peor resultou LG, aínda que tamén mereceu unha boa puntuación (3,3 puntos), xa que a pesar de destacar positivamente na desconxelación do pan (4 puntos) e cociñado de lasaña e canelóns (5 puntos), conseguiu malas puntuacións en temperatura e uniformidade e textura das espinacas desconxeladas (2 puntos).

As dimensións dun microondas deben ser amplas por dentro e reducidas por fóra. Panasonic foi o máis pequeno e menos pesado (458x299x315 centímetros e 10,5 quilos) e o de menor capacidade interna (17,4 litros). Fagor demostrou se-lo máis pesado e o de maior tamaño (541x316x410 centímetros e 19,2 quilos), pero a súa cavidade interna só foi a segunda máis grande (23,5 litros). En tódolos casos, a capacidade real era inferior á indicada (Fagor non informa deste dato), con diferencias que chegaron ós 5,5 litros de defecto de Samsung. Panasonic incorporou o cable máis longo (145 centímetros), mentres que o máis curto foi o de Whirlpool, con 91 centímetros.

LG, Balay, Sanyo, Sharp, Panasonic e Fagor ofrecen unha potencia máxima de 900 vatios, a de Samsung é de 850 vatios e Whirlpool é o menos potente con 750 vatios. No tocante ó consumo real, Panasonic, un dos máis potentes, foi o de menor consumo en microondas (1.155 vatios) e en combinado (1.710 vatios), mentres que Whirlpool foi o de menor consumo en grill (750 vatios). Os que máis electricidade precisaron foron Sanyo en microondas (1.455 vatios), LG no grill (1.240 vatios) e Fagor en uso combinado (2.566 vatios).

Sistemas para medi-lo tempo

O temporizador de cinco fornos é dixital, máis caro e só supostamente máis preciso (LG, Whirlpool, Sanyo, Sharp e Panasonic). Nos outros tres (Balay, Samsung e Fagor), é analóxico. O temporizador de Whirlpool é o que mellor axusta os tempos de cocción (cada cinco segundos) mentres que o peor é Balay (gradúase cada trinta segundos). O máis preciso é un analóxico, Samsung (só se desvía cinco centésimas ó minuto) e o que peor mide o tempo é Fagor (alonga cada minuto en máis de dous segundos).

A programación máxima dos temporizadores analóxicos é dunha hora, e os dixitais oscilan entre 90 minutos (LG, Whirlpool, Sanyo) e 100 minutos (Panasonic, Sharp). Os programas redefinidos simplifican o uso do forno, xa que axustan a potencia e o tempo de cocción en función do alimento e do seu peso. Só os cinco microondas con temporizador dixital ofreceron esta característica.

O número de posicións do regulador para as tres funcións destes fornos (microondas, desconxelación e grill) debe ser amplo para que a potencia de cocción resulte máis precisa. O número total varía entre as doce posicións de Whirlpool e as sete de Panasonic.

Os oito fornos contan con bandexa xiratoria, avisador acústico ó remate do programa e paráronse no momento en que se abriu a porta. LG, Whirlpool, Sanyo e Panasonic incluían un bloqueo de seguridade que evita o funcionamento accidental do aparello. En tódolos casos púidose alterar en marcha o tempo de cocción programado, pero a potencia non se puido cambiar en funcionamento en LG, Sanyo e Sharp.

A protección fronte á calor do interior analizouse sobrequentando á máxima potencia de grill e microondas unha pataca azucrada e con alcohol etílico (circunstancias que poden provocar que o alimento arda). En ningún forno se activou o protector térmico baixo estas condicións extremas, e os oito seguiron funcionando. En Samsung e Panasonic incluso se incendiou a parte plástica interior da porta.

Información ó consumidor, ben

A etiquetaxe e marcaxe dos equipos foi permanente comprensible e discernible. En ningunha mostra se podía acceder a partes activas co dedo, e tanto a proba de corrente de fugas coma a de rixidez dieléctrica (tests que miden o correcto funcionamento eléctrico do aparello) foron superadas por tódolos fornos. O único que non superou a norma foi Whirlpool, xa que cando se quentou baixo condicións extremas se produciu fume nun cable illante. En Panasonic activouse a protección ante un funcionamento defectuoso; en LG, Balay, Samsung, Sharp e Fagor non actuou ningunha protección pero non se alcanzaron niveis de temperatura excesivos, e en Sanyo xurdiron chispas que ennegreceron o illante dun cable.

Os ensaios de resistencia á calor e ó lume, quentamentos e estabilidade e riscos mecánicos depararon resultados correctos en tódolos microondas. Medíronse a cinco centímetros de distancia as fugas de ondas, que en tódolos casos están entre dez e cincuenta veces por debaixo do que dicta a norma.

O único forno que no seu funcionamento habitual pode afectar ás prestacións doutros electrodomésticos é Panasonic, cun comportamento eléctrico que pode confundi-lo termóstato electrónico dun frigorífico ou interromper un ciclo de lavado dunha lavadora electrónica. Os outros sete microondas superaron estas probas de compatibilidade electromagnética.

Por outra banda, os oito aprobaron no que atinxe a información e protección ó consumidor. En tódolos casos subministran instruccións de instalación, uso e mantemento e incorporan un libro de receitas. Whirlpool e Fagor son os únicos que se limitan a da-la garantía de seis meses á que obriga a norma española mentres que o resto ofreceron un ano.

Consellos de uso

Amais de ler con detemento as instruccións de cada equipo, convén seguir unha serie de pautas que garantan un uso correcto do microondas:

  • Non pór en marcha o microondas cando estea baleiro.
  • Non introducir elementos metálicos, nin louza con pintura dourada ou prateada.
  • Pinchar e abri-los alimentos herméticos (ovos, salchichas...) antes de cociñalos.
  • Se se usan recipientes desbotables de plástico, papel ou outros materiais combustibles, cómpre vixia-lo forno constantemente para evitar que prendan.
  • Remexe-lo contido de biberóns e tarros de comida ó sacalos do forno e comproba-la súa temperatura, para evitar queimaduras.
  • Tras ferver líquidos, cómpre abri-la porta do microondas e agardar uns segundos antes de colle-lo recipiente. En caso contrario, ó entrar en contacto o aire e o líquido pódese producir unha ebulición espontánea que cause graves queimaduras.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto