Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Croissants envasados: Moitas calorías e bastante graxa

Analizáronse sete mostras de croissants envasados en formatos que andan arredor dos 250 gramos, con moi distinto número de unidades (desde 6 ata 18 croissants), e que saían desde os 3,31 euros o quilo de Horno de Oro (Panrico) ata os 5,08 euros o quilo de Madame Brioche (Bimbo)

  Son moi calóricos (443 calorías cada cen gramos, de media), teñen moita graxa (entre o 16% e o 32%) e boa parte dela (entre o 30% e o 75%, segundo a mostra da que se trate) é saturada, a menos indicada para a saúde. Estas características nutricionais demostran que estes croissants, inxeridos preferentemente polos nenos e adolescentes, non se deben consumir en grandes cantidades nin se incorporaren á dieta cotiá para o almorzo ou a merenda. O pan branco, por exemplo, achega só 260 calorías cada cen gramos e ten un 1% de graxa. E, aínda que poida sorprender, a proporción de graxa dalgúns destes croissants é semellante á de carnes semigraxas de vacún ou porco e á de embutidos como lombo embuchado, mortadela ou salchichas frescas. E se comparamos esta presencia de graxa de entre o 16% e o 32% coa doutros productos típicos de almorzo, o pan de molde ten un 4,5% e nas galletas tipo María a graxa representa só o 14%.

O perfil da graxa (relación entre ácidos graxos insaturados e saturados) máis saudable é o de Mildred (2,17) e o menos eloxiable (0,35) foi o de Madame Brioche (Bimbo). O dos demais croissants é semellante (entre 1,2 e 1,66) e pódese considerar saudable. Lembremos que o consumo excesivo ou frecuente de graxas saturadas é nocivo para a nosa saúde, xa que se relaciona cunha maior incidencia de enfermidades cardiovasculares.

A información que ofrecen os envases é a materia pendente deste producto, xa que só La Bella Easo e Madame Brioche (Bimbo) locen unha etiquetaxe correcta. As outras cinco mostras incumpren a norma por diversas deficiencias (véxase o apartado "Un por un"). A análise microbiolóxica rexistrou na mostra de La Bella Easo un reconto de lévedos superior ó permitido, aínda que esta irregularidade non supón risco para a saúde do consumidor. Os croissants Mildred merecen o galardón de "máis equilibrados nutricionalmente", por seren os de máis carbohidratos (55%) e menos graxa (16%) e valor calórico, 400 calorías cada cen gramos. Ademais, son os de graxa máis saudable. E o seu contido en ácido linoleico (esencial para o noso organismo) é o máis elevado. E, para rematar, son os únicos deste comparativo que non usan aditivos.

Na cata, realizada por nenos por seren eles os consumidores máis frecuentes deste producto, os mellores foron Horno de Oro (Panrico) e Madame Brioche (Bimbo). Destacaron negativamente os croissants Martínez que non chegaron nin sequera ó aprobado. A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Mildred, xa que amais de se-lo máis equilibrado nutricionalmente, é o segundo máis barato e obtivo un bo resultado na cata.

Qué teñen os ingredientes

  Estes croissants elabóranse preferentemente con fariña de trigo, graxa (graxa vexetal, aceite, manteiga, margarina), ovos (frescos ou pasteurizados), azucre (sacarosa, glicosa, xarope de glicosa), leite en po, lévedo e sal. Algúns usan aditivos como emulxentes, estabilizadores, antioxidantes, colorantes e aromas.

Os croissants analizados empregan como ingrediente maioritario a fariña de trigo, non sendo Panrico que recorre a unha mestura de fariña de trigo, soia e malta. No tocante á graxa, Txindoki emprega graxa vexetal, La Bella Easo utiliza graxa vexetal hidroxenada e Martínez usa graxa vexetal parcialmente hidroxenada, aceite de xirasol e aceite parcialmente hidroxenado. Mildred e Dulcesol incorporan margarina vexetal e Horno de Oro (Panrico) só margarina (ámbolos tipos de margarina son graxas vexetais parcialmente hidroxenadas). Madame Brioche (Bimbo) só emprega manteiga (17%). Pola súa banda, Mildred, La Bella Easo, Martínez, Txindoki, Horno de Oro (Panrico) e Dulcesol engaden ovo.

Tódalas mostras engaden azucre, e algunhas utilizan outros edulcorantes, como Horno de Oro (Panrico) que emprega xarope de glicosa, Dulcesol que engade sorbitol, La Bella Easo que incorpora dextrosa e Txindoki que fai o mesmo co azucre invertido. Mildred, Madame Brioche (Bimbo) e Martínez son os únicos que empregan unicamente azucre (sacarosa).

Os aditivos

Os emulxentes ou estabilizadores favorecen a unión entre substancias inmiscibles mantendo homoxénea a mestura. Salvo Mildred, tódalas mostras engaden emulxentes. Ademais, La Bella Easo utiliza estabilizadores e Martínez, espesantes. Continuando cos aditivos, Horno de Oro (Panrico), Dulcesol e La Bella Easo empregan antioxidantes (E-300, ácido L-ascórbico), substancias que prolongan a súa vida útil. Horno de Oro e Txindoki recorren a conservantes (E-282, propionato cálcico). Os aditivos de aromas están en Horno de Oro (Panrico), Martínez, La Bella Easo e Dulcesol. Para rematar, os colorantes utilízanse en Horno de Oro (amarelo alaranxado S e tartracina, ámbolos dous azoicos, menos saudables ca outros colorantes) e Dulcesol (B-caroteno, colorante non azoico). Os croissants Mildred son os únicos sen aditivos. Todos estes datos recolléronse das etiquetas dos envases.

Nutrientes: o que dixo a análise

O contido en humidade destes croissants é baixo, entre o 12% (Dulcesol) e 20% (Txindoki). Os macronutrientes maioritarios son os hidratos de carbono. Destacan os croissants Dulcesol, por teren a menor cantidade de proteínas (7%) e carbohidratos (47%) e a maior en graxas (31%), sendo loxicamente os máis enerxéticos (502 calorías cada cen gramos). No extremo contrario situouse Mildred, coa maior cantidade de hidratos de carbono (55%) e a menor de graxa (16%); é, ademais, o menos calórico, con 400 calorías cada cen gramos.

O maior contido en proteínas (10%) correspondeulle a Horno de Oro de Panrico. Martínez, xunto con Txindoki, presentou o maior contido en cinzas (os dous 1,5%), mentres que La Bella Easo soamente presentou o 0,9%.

A relación de ácidos graxos insaturados (mono- e poli-) respecto ós saturados, é un índice nutricional que informa do tipo de graxa empregada. Tendo en conta que os insaturados son beneficiosos para a saúde e que os saturados se consideran menos convenientes, canto maior sexa este índice máis saudable será o alimento. Tódalas mostras menos Madame Brioche obtiveron valores superiores a 1, sendo polo tanto maior a presencia de insaturados cá de saturados. Os Mildred foron os máis saudables (cun índice 2,17), e foron tamén os que achegaron a menor porcentaxe de saturados (31,5%). No extremo oposto situouse Madame Brioche (Bimbo) cun índice 0,35 e a maior proporción de saturados (74%).

Tamén se cuantificou a cantidade de ácidos graxos esenciais (os que o organismo non é capaz de sintetizar: o único xeito de conseguilos é mediante a inxestión de alimentos). Estes ácidos, ámbolos dous insaturados e beneficiosos para a saúde, son o linoleico e o linolénico. Mildred foi o de máis ácido linoleico (25% da graxa). Madame Brioche (Bimbo) presentou a maior cantidade de ácido linolénico (3,8%), pero tamén a menor de linoleico (2,9%). Martínez achegou o menor contido en linolénico (0,39%).

Este alto contido en graxas saturadas, unido á presencia de isómeros trans dalgúns ácidos graxos procedentes do proceso de hidroxenación parcial da graxa vexetal utilizada na elaboración destes productos, relacionouse cun aumento nos niveis plasmáticos de colesterol total, colesterol-LDL e triglicéridos. O colesterol do tipo LDL (a diferencia do HDL) é prexudicial para a saúde, xa que é un factor de risco para a aparición de enfermidades cardiovasculares.

No tocante ós minerais, só paga a pena salientar unha pequena achega de calcio (40 mg/100g) e magnesio (19 mg/100g), pero cómpre ter en conta o contido en sodio (178 mg/100g) por esta-lo consumo elevado de sal relacionado coa hipertensión. Por outra banda, os croissants son fonte de vitaminas liposolubles como a vitamina A (150 microgramos/100g) ou vitamina D (1,2 microgramos/100g), e cantidades máis modestas de vitaminas hidrosolubles como a niacina (1,5 mg/100g).

En consecuencia, o gran poder calórico destes croissants (aínda que é conveniente que o almorzo achegue suficiente enerxía) e o seu contido en graxas saturadas, conducen a recomendar que o consumo deste producto sexa moderado, para evitar situacións de obesidade infantil e alteracións do perfil lipídico do plasma que poidan carrexar complicacións cardiovasculares. Por iso, convén que para o almorzo ou merenda se consuman outros productos, mellores desde unha perspectiva nutricional e máis saudables, como pan branco ou de molde, galletas tipo María, froitas, iogures, cereais, e mesmo embutidos (estes últimos, con moderación).

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto